Saltar navegación

Xéneros galegos: A Foliada

Que é una Foliada?

Habería que aclarar, en primeiro lugar, o significado da palabra «foliada»: a «esfollada» ou «esfolliada» (desfollar as espigas do millo) realizábase en grupo durante os meses de outubro e novembro; se había lúa facíase de noite, na eira ou rueiro.1 Durante a esfolla producíanse cantos, de maneira que era habitual que rematase en baile.2 Probablemente de aí derive que os cantos festivos e de romaría sexan coñecidos como «foliadas»,3 unha vez sacado o termo do contexto de labor agraria.

O que en xeral se considera actualmente foliada, máis aló de todo tipo de canto festivo, é un xénero derivado da xota que presenta un movemento algo máis lento e carácter alegre. Son sempre tonais e con forma de estrofa e retrouso; neste, as alusións humorísticas soen ser habituais, ao igual que as referencias nas estrofas á labor e aos lugares. Moi habitualmente comezan sobre o segundo verso da estrofa (correspondente á segunda semifrase da primeira frase) interpretado por un solista o corda, dando entrada ao coro sobre o primeiro verso.

Viva a gaita i o gaiteiro,
vivan as nosas aldeas,
viva a gaita i o gaiteiro,
vivan as nenas galegas,
viva o viño do Ribeiro (bis).
Ai lalelo ai lalalo.

Ai, Maruxiña, non vaias á herva
que vén o vento mareiro e toda cha leva,
toda cha leva, lévacha toda,
ai, Maruxiña, Maruxa, non seas tola.

Viva a nosa honrada terra,
viva Galiza irmandiña,
viva a nosa honrada terra,
viva a Cruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedra (bis).
Ai lalelo ai lalalo.

Ai, Maruxiña, non vaias á herva…

Teño un amor na montaña,
teño un amor montañese.
Teño un amor na montaña,
na riveira treño tres-e (bis).
Ai lalelo ai lalalo.

Ai, Maruxiña, non vaias á herva…

Dado que o xénero engrosou o repertorio dos «Coros Gallegos»4 dende os seus inicios, cabe preguntarnos se en realidade existiu como fórmula tradicional con as características anteditas ou, máis ben, que nacera como resultado da achega destas agrupacións ao interpretar xotas en grupo. De ser ese o caso, a foliada tería sufrido con posterioridade un proceso de folclorización.

Perfecto Feijóo,5 fundador de Aires d’a Terra, refírese así ao repertorio interpretado pola agrupación:

La gaita, acompañada de tamboril y bombo, ejecuta alboradas, muiñeiras, ribeiranas, foliadas, etc. y el coro, acompañado de la gaita, canta alalás, foliadas, muiñeiras, cantos de Nadal, Ani-novos y Reyes, misa ­–(ésta del siglo XII)– vísperas, en fin, todo lo clásico que hay para gaita; acompañado de pandero, conchas y triángulo, canta alalás, foliadas, cantos de pandeiro; acompañado de flautín pastoril, foliadas de ribeira; acompañado de zanfona, canta romances y cantares de ciego y con esquila y cencerro los cantos de arrieiro.6

De feito, cada agrupación adaptou letras e músicas aos seus propios intereses e contorna. Así, a Agrupación Coral Rosalía de Castro (nome que adquiriu Cantigas e Agarimos7 tras a Guerra Civil Española) interpreta:

Se vas polas Praterías
a rezar na Corticela,
tomarás auga bendita
dos cabaliños de pedra.

Polo Sar abaixo vai unha troita de pé,
corre que te corre, quen a poidera coller.
Quen a poidera coller quen a poidera pillar
dacabalo dela iría á beiriña do mar.

Hai un carreiro de estrelas
que vai ó longo do ceo,
e que te leva a Santiago
pra gaña-lo Xubileo.
Polo Sar abaixo vai…

Bendito-los santiagueses
que souperon darse maña
pra gañar o Libredon
do Santo Patrón de España.
Polo Sar abaixo vai…

Mentres que a Agrupación Coral de Marín canta:

A patrona de Marín-e
velaí vai na súa barca.
Alá no medio do mare
todas as augas’apartan.

Polo mar abaixo vai unha troita de pé,
corre que te corre, quen a puidera coller
Quen a puidera coller, quen a poidera pillar
Polo mar abaixo vai unha troita de pé.

Nosa Señora do Carme
que nos dea o vento en popa,
que somo-los de Marín-e,
levamos a vela rota.

San Vicente pequeniño
anda no monte co gando.
A patrona de Marín-e
ándallo arrecadando.

Temos escollido como exemplo a Foliada de Tenorio, por existir varias versións interesantes para o traballo que imos desenvolver nesta Unidade Didáctica, ao tratar agrupacións, instrumentos e musicalizacións. A estrofa presenta diferentes letras, sendo o retrouso instrumental. Escoitaremos en primeiro lugar a interpretada polo cuarteto tradicional Os Gaiteiros de Soutelo.8

A letra di:

Carballeira de Tenorio
heina de manda cortar,
cando vou para Pontevedra
quítame a vista do mar.

O gaiteiro de Soutelo,
mal raio de Dios lo mate!
non quere tocar a gaita
sin que lle den chocolate.

Toca gaiteriño toca,
meniña, corre a velo,
que é moita a gaita, gaitiña,
do gaiteiro de Soutelo.

Os cregos e os taberneiros
teñen moito parecido:
os cregos bautizan nenos,
os taberneiros o viño.

Pertencente ao ámbito do folk presentamos dúas versións, nas que podemos apreciar o son da zanfona. A primeira, completamente instrumental, corresponde ao grupo Milladoiro.[9]

(ata o minuto 2'16")

Tamén Kadril versionou a Foliada de Tenorio, empregando zanfona (entre outros instrumentos). Na letras atopamos novas incorporacións de estrofas e lixeiras variantes coas dos Gaiteiros de Soutelo (como o e paragóxico da primeira estrofa).

Carballeira de Tenorio
heina de manda cortar-e,
cando vou pra Pontevedra
quítame a vista do mar-e.

O gaiteiro de Soutelo,
mal raio de Dios lo mate!
non quere tocar a gaita
sen que lle den chiculate.

O gaiteiro de Soutelo,
meniña, corre a velo,
que é moita a gaitiña,
do gaiteiro de Soutelo.

Cando saín de Soutelo,
os meus ollos eran fontes.
Adiós montes de Soutelo,
adiós Soutelo de Montes.




[1] Carmelo Lisón Tolosana, Antropología cultural de Galicia (Madrid: Akal, 1983), 128-129.   

[2] Xaquín Lorenzo, A terra (Vigo: Galaxia, 1995), 56.

[3] Daniel González Rodríguez, Así canta Galicia (Orense: Talleres Gráficos de La Región, 1963), 49.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0