Faustino Santalices
Faustino Santalices
| Faustino Santalices | |
|---|---|
Faustino Santalices tocando a zanfona
|
|
| Nome completo | Faustino Santalices Pérez |
| Naceu | 16 de novembro de 1877 A Granxa, Bande, |
| Morreu | 6 de decembro de 1960 (83 anos) Madrid |
| Ocupación (s) | Músico |
| Xénero | Tradicional |
| Instrumento(s) | Gaita e zanfona |
Faustino Santalices Pérez, nado na Granxa (Bande) o 16 de novembro de 1877 e finado en Madrid o 6 de decembro de 1960, foi un gaiteiro galego e o investigador máis importante de zanfona na primeira metade do século XX.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Formación[editar | editar a fonte]
Estudou Dereito en Santiago, onde coñeceu a Ramón Cabanillas. Despois de licenciarse, ingresou no Ministerio da Gobernación e foi destinado a Soria, onde viviu ata 1914 antes de regresar a Ourense. En 1918 casou con Rosa Muñiz, que o acompañou nas súas actuacións e gravacións. En 1924 foi nomeado Secretario do Goberno Civil de Ourense.
Faustino escoitoulle tocar a zanfona a un cego cando neno e ficou prendado dela. Mais durante o último terzo do século XIX este instrumento estaba en vías de desaparición mesmo no ámbito popular e apenas podía verse nalgunha romaxe. Faustino colaborou co folclorista Casto Sampedro Folgar, apuntándolle os seus coñecementos. En 1922 comezou a colaborar como gaiteiro no coro ourensán De Ruada e logo con Os Enxebres. No 1927 gravou dúas pezas coa zanfona.
Guerra e posguerra[editar | editar a fonte]
Durante os anos da guerra construíu moitas gaitas, que regalou a soldados galegos. Posteriormente foi trasladado a Barcelona e logo a Madrid en 1944, onde colaborou coa agrupación artística Rosalía de Castro e, en 1949, editou en Madrid un disco completo, intitulado Gravaciones históricas de zanfona. Tamén escribiu o primeiro libro español sobre este instrumento, La zanfona (1956), que está baseado no método francés de Michel Corrette (1738) e mesmo inclúe algunhas das súas ilustracións.
Colaborou tamén en periódicos e revistas como Finisterre, Revista de Galicia, Faro de Vigo etc. Foi importante tamén a conferencia que deu en Santiago en 1952 con motivo da inauguración do Pazo de Xelmírez e no recital-homenaxe a Ramón Menéndez Pidal, en 1954, no que deu a coñecer o Romance de don Gaiferos de Mormaltán.
Co apoio da Deputación de Lugo, fundou nesa cidade un Taller-Escola de Instrumentos Galegos en 1951, grazas ao patrocinio do empresario Antonio Fernández López. Nela contou coa axuda do gaiteiro Paulino Pérez e formou artesáns para que a tradición da zanfona non se perdese. Ao ano seguinte gravou catro discos, que posteriormente reeditou e refundiu nun único traballo chamado Faustino Santalices.
Dende principios dos anos 90 ten unha rúa dedicada en Pontevedra. O grupo Milladoiro reinterpretou o "Alalá das Mariñas" no disco O niño do sol, aparecendo na canción a voz e zanfona de Faustino Santalices.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Averiguaciones sobre la zanfona de Faustino Santalices (en castelán).
- Programa Alalá dedicado a Faustino Santalices
- "Romance de don Gaiferos"
- "Cantar de romaría"
- Alalá das Mariñas, de Milladoiro, coa voz e zanfona de Santalices
|
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0
