Que precisamos

Equipo de gravación:

O ordenador e os programas

Un ordenador, equipado cun programa de edición de audio. Pódese usar Audacity, un editor de audio de código libre e dispoñible para Mac, Windows e Linux. Por suposto, existen outros editores de audio. Con todo, para publicar necesitaremos algún programa máis.

A cuestión dos programas e servidores para subir e hospedar os podcast verémolo nun capítulo específico.

Micrófono

Un bo micrófono mellorará moito a calidade dos nosos programas. Os micrófonos incorporados nalgúns equipos poden ser suficientes para un traballo máis ben doméstico, pero un micrófono externo é bastante barato e ten moitas vantaxes. É máis fácil de manexar cando participan varias persoas na gravación, axúdanos a evitar o ruído procedente do propio ordenador e facilítanos non ter que estar movéndoo. A voz, pola súa banda, queda mellor gravada e máis intelixible.

Unha boa opción é un micrófono USB de sobremesa. Proporciona unha boa entrada de son por un prezo razoable. Outra alternativa interesante é un conxunto (headset) de micrófono e auriculares. Para proxectos máis ambiciosos, existen mesas mesturadora que nos permiten montaxes complexas similares ao dun estudo de radio profesional.