O guión

Unha vez que contamos co equipo necesario, a realización dun bo podcast depende unicamente da nosa creatividade e a nosa habilidade para preparar os guións dos programas.

Ao ser un medio de comunicación oral temos que procurar ser claros e directos ao escribir. Utilizaremos frases sinxelas e construcións directas. Aínda que o oínte pode “rebobinar”, non podemos obrigarlle a facelo (de feito o normal é que non o faga).

É mellor expoñer poucas ideas de forma clara que intentar abarcalo todo. Se o capítulo acaba sendo moi longo podémolo dividir en varias entregas.

Se consideramos a posibilidade de engadir imaxes ao podcast, é o momento de buscar as máis adecuadas. As imaxes poden axudar a clarificar aqueles puntos que resulten ambiguos na explicación oral.