1. Introdución

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. Desde esta convicción falamos, logo, de xogos populares galegos porque, malia a termos un grande número de xogos en común con outras culturas do noso contorno, temos tamén as suficientes creacións orixinais para significar a nosa singularidade nas creacións lúdicas. Segundo investigadores como Moreno Palos, Galicia aparece, só despois do País Vasco e Navarra, no segundo grupo de comunidades autónomas españolas polo seu número de xogos e deportes tradicionais, e mesmo polo seu nivel de preservación e vixencia.

Os xogos populares son creados para satisfacer unha necesidade lúdica inevitablemente marcada polo xeito de vida do pobo creador. Os xogos populares galegos están sempre plenamente enraizados no medio, pero unha das súas virtualidades esenciais é que permiten ser recreados e modificados constantemente, cultivando, xa que logo, a creatividade.

Se, neste intento por descubrir a vixencia dos xogos populares galegos, nos detemos agora nos valores xenéricos do xogo, comprobaremos que en nada desmerecen os nosos xogos dos xogos modernos e industriais. Así e todo, cómpre observar que, máis alá desa actividade pseudolúdica facilitada por xoguetes que converten ao neno nun mero espectador pasivo, existen tamén xoguetes modernos cunha grande virtualidade educativa. Se pensamos, porén, en catro nenos xogando con coches teledirixidos e os contrapoñemos a outros catro nenos xogando simplemente á pita cega, a incidencia do xogo popular en cada un dos campos -físico, moral, intelectual, educativo, cultural- é, obviamente, máis profunda que a do xogo industrial. Tal comparanza pode ser levada a cabo con infinidade de xogos máis, aínda admitindo a existencia no mercado de xoguetes nada desprezables.

Aínda por último, cómpre amentar a tan traída e levada destrución dos xoguetes por parte dos rapaces e rapazas. Os sofisticados enredos mercados son rotos ao segundo día nunha boa porcentaxe porque os seus propietarios e propietarias descoñecen como son por dentro, e necesitan coñecelos para satisfacer a súa curiosidade. Pois ben, á destrución dos xoguetes modernos podemos contrapoñer a construción dos xoguetes populares. Non só os xogos populares utilizan, cando os precisan, elementos do contorno -xa que logo, ecolóxicos, baratos, educativos-, senón que son os propios nenos os que constrúen os seus xoguetes, ben dun xeito simbólico -a vasoira que se converte en cabalo-, ben dun xeito real -a palla que se converte en frauta-. Un neno nunca esnaquizará unha carrilana.