Libro _ XOGOS TRADICIONAIS

Site: Centro Autonómico de Formación e Innovación - Aula virtual
Disciplina: XOGOS TRADICIONAIS
Livro: Libro _ XOGOS TRADICIONAIS
Impresso por: Visiteur anonyme
Data: segunda-feira, 6 de abril de 2026 às 09:24

1. Introdución

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. Desde esta convicción falamos, logo, de xogos populares galegos porque, malia a termos un grande número de xogos en común con outras culturas do noso contorno, temos tamén as suficientes creacións orixinais para significar a nosa singularidade nas creacións lúdicas. Segundo investigadores como Moreno Palos, Galicia aparece, só despois do País Vasco e Navarra, no segundo grupo de comunidades autónomas españolas polo seu número de xogos e deportes tradicionais, e mesmo polo seu nivel de preservación e vixencia.

Os xogos populares son creados para satisfacer unha necesidade lúdica inevitablemente marcada polo xeito de vida do pobo creador. Os xogos populares galegos están sempre plenamente enraizados no medio, pero unha das súas virtualidades esenciais é que permiten ser recreados e modificados constantemente, cultivando, xa que logo, a creatividade.

Se, neste intento por descubrir a vixencia dos xogos populares galegos, nos detemos agora nos valores xenéricos do xogo, comprobaremos que en nada desmerecen os nosos xogos dos xogos modernos e industriais. Así e todo, cómpre observar que, máis alá desa actividade pseudolúdica facilitada por xoguetes que converten ao neno nun mero espectador pasivo, existen tamén xoguetes modernos cunha grande virtualidade educativa. Se pensamos, porén, en catro nenos xogando con coches teledirixidos e os contrapoñemos a outros catro nenos xogando simplemente á pita cega, a incidencia do xogo popular en cada un dos campos -físico, moral, intelectual, educativo, cultural- é, obviamente, máis profunda que a do xogo industrial. Tal comparanza pode ser levada a cabo con infinidade de xogos máis, aínda admitindo a existencia no mercado de xoguetes nada desprezables.

Aínda por último, cómpre amentar a tan traída e levada destrución dos xoguetes por parte dos rapaces e rapazas. Os sofisticados enredos mercados son rotos ao segundo día nunha boa porcentaxe porque os seus propietarios e propietarias descoñecen como son por dentro, e necesitan coñecelos para satisfacer a súa curiosidade. Pois ben, á destrución dos xoguetes modernos podemos contrapoñer a construción dos xoguetes populares. Non só os xogos populares utilizan, cando os precisan, elementos do contorno -xa que logo, ecolóxicos, baratos, educativos-, senón que son os propios nenos os que constrúen os seus xoguetes, ben dun xeito simbólico -a vasoira que se converte en cabalo-, ben dun xeito real -a palla que se converte en frauta-. Un neno nunca esnaquizará unha carrilana.


2. A Mariola

Xogo moi coñecido no que hai que ir desprazando un obxecto plano a través dun determinado percorrido; marcaremos os cadros no chan, adaptándoos no tamaño ás idades dos e das participantes. Se alguén lanza fóra do sitio que lle corresponda, deixa o obxecto enriba dunha raia ou ben pisa esta, cederá a súa vez ao xogador ou xogadora seguinte. Os/as máis pequenos/as só lanzarán e recollerán o obxecto, pasando á pata coxa ou parando cos dous pés nos cadros marcados. Os/as medianiños/as terán que ir golpeando co pé o obxecto lanzado. Os/as maiores terán que ir á pata coxa e golpear o obxecto lanzado, pasando por todos os números marcados en cada cadro do chan.


3. O aro

Empezaremos falando dos nomes dos utensilios do xogo (o aro e a guía). Seguiremos explicando como coller a guía para que o aro poida rodar. Despois procuraremos que as persoas que xoguen sexan capaces de manter o aro en equilibrio mentres se desprazan. Para as persoas que xa consigan que o aro xire, marcaremos un percorrido circular con algunha curva polo medio. Por último, para as persoas que dominen o xogo podemos facer unha proba por tempos, na que deben pasar un itinerario establecido previamente e facelo no menor tempo posible. Antigamente xogábase cunha llanta de bicicleta facendo de aro e un ferro dobrado nas veces de “guía”.


4. As lombas



Unha persoa cómbase, agachando a cabeza e flexionando o tronco; o resto colócase en fila, de fronte a esa persoa. O/a primeiro/a, á vez que salta dirá unha frase e fará un determinado tipo de movemento coas partes do seu corpo. As frases e accións serán: • Á unha, saltar a mula (saltar pousando só as mans). • Ás dúas, salto e pégoche un couce (saltar dándolle cun pé no cu). • Ás tres, a Cruz de San Andrés (saltar e caer coas pernas abertas e brazos en cruz). • Ás catro, cuada que te parto (saltar e dar co cu no lombo do/da que apanda). • Ás cinco, maior ou menor brinco (saltar atrás ou diante do que indique a persoa que leva o xogo). • Ás seis, “meis” (saltar, beliscando no lombo). • Ás sete, cachete (saltar, dando unha palmada no cu a quen apanda). • Ás oito, pan viño e biscoito (saltar, dar co pé no cu e cuada no lombo). • Ás nove, abre o paraugas que chove (saltar, facendo que abrimos un paraugas). • Ás dez, estatuas unha e outra vez (saltar e quedar estáticos/as, sen tocarse entre si).


5. Os zancos

Tamén coñecido cos nomes de “andas” ou “trécolas”, son dous paus feitos en madeira non moi branda e que teñen uns topes onde se pousan os pés. A altura dos zancos debe sobrepasar os ombros das persoas que xogan, unha vez subidas enriba deles. É un xogo que axuda a ir adquirindo o sentido do equilibrio. Na súa orixe empregábanse para pasar os regatos ou as zonas enchoupadas. Normalmente xógase en terreos amplos, nos que haberá que atravesar un percorrido previamente indicado. Móvense coas mans, acompañando a acción dos brazos e a das pernas, sen perder o equilibrio. Pódense realizar carreiras individuais, en relevos, desprazándose cara atrás ou atravesando unha serie de obstáculos que se colocan no percorrido.