Glosario
Deporte
-
Definición:
-
Actividade física competitiva e con regulamento.
-
Exemplo:
-
O seu deporte favorito é o balonmán.
Equipo
-
Definición:
-
Conxunto de persoas que practican un mesmo deporte para xogar partidos ou campionatos.
-
Exemplo:
-
Un equipo de xogadoras de fútbol.
Quecemento
-
Definición:
-
Conxunto de exercicios que se realizan ao inicio dunha sesión de actividade física para render mellor e evitar lesións na parte principal.
-
Exemplo:
-
Antes do partido de baloncesto fíxose un quecemento para estar máis preparados.
Aliñación inicial
Que sabedes dos deportes? Cantas persoas xogan a cada deporte? Ídelo comprobar!
A actividade comeza con todas as persoas correndo ou camiñando polo espazo de xogo. O profesor ou profesroa di o nome dun deporte de equipo e tedes que pensar cantas persoas xogan nun equipo dese deporte e xuntarvos en grupos dese número.
Gaña o grupo que se forme primeiro, sempre e cando sexa do número axeitado ao deporte mencionado. E ese grupo gañador pon unha penalización aos demais, por exemplo, 10 agachamentos. Se ningún grupo acertou o número correcto de xogadores e xogadoras, a vosa mestra ou mestre elixe a penalización para toda a clase!
Cando remata a penalización, volvedes camiñar-correr ata que se diga outro deporte, tendo que adiviñar de novo de canto son os grupos que tedes que facer. Como norma para non repetir compañeiras e compañeiros, ningunha persoa pode formar grupo con máis de 2 persoas do deporte anterior.
O último deporte elixido permitirá formar os grupos para as seguintes actividades.
Lectura facilitada
Que sabes dos deportes? 🏀
Cantas persoas xogan en cada deporte?
Imos comprobalo! ✅
A actividade empeza con todas as persoas correndo 🏃 ou camiñando 🚶 polo espazo de xogo.
O profesor ou a profesora di o nome dun deporte de equipo.
Tes que pensar cantas persoas xogan nun equipo dese deporte e xuntarche en grupos do mesmo número. 👥
Gaña o grupo que chegue primeiro, sempre que sexa o número correcto de xogadores.
🏆 Ese grupo gañador pon unha penalización aos demais, por exemplo, 10 flexións.
💪 Se ningún grupo acerta o número correcto de xogadores, o mestre ou a mestra elixe a penalización para toda a clase. 📚
Cando termina a penalización, volven camiñar ou correr ata que se diga outro deporte.
Tes que adiviñar de novo cantas persoas hai nos grupos.
Como norma, non podes formar grupo con máis de 2 persoas do deporte anterior. 🚫👥
O último deporte elixido servirá para formar os grupos para as seguintes actividades. 🎉
Audio
O partido de probas

Unha vez elaborados os grupos, tedes que resolver tres desafíos traballando en equipo para solucionar cada un deles. Unha vez rematados expoñerédelos e reflexionaredes sobre isto.
Como o deporte inclúe tantas cousas que poderiades estar falando delas todo o curso (o adestramento, os xogos olímpicos, o regulamento...), neste apartado ides centrarvos en 3 contidos, para saber que é o que sabedes sobre eles. Os contidos serán o quecemento, o concepto de deporte e os deportes alternativos.
Cada contido terá unha proba na que descubriredes se aínda tedes moito que aprender.
Proba 1
O quecemento
Seguro que nalgunha ocasión fixestes algún quecemento na clase de Educación Física ou nalgunha actividade deportiva. Pero, que é o quecemento e como podedes facelo?
Tedes 3 minutos para elixir un dos deportes mencionados no xogo de formación de grupos anterior e crear unha actividade de quecemento para un partido dese deporte en concreto. Ao final, todos os grupos demostrarán as súas actividades e debateredes sobre para que pensades que serve o quecemento.
Proba 2
O deporte
Que é o deporte? É o mesmo que un xogo?
Primeiro, faredes unha chuvia de ideas por grupos para recoller as características do deporte que fan que sexa diferente a un xogo. Tedes 3 minutos para poñervos de acordo.
Despois, xuntaredes as respostas entre toda a clase para chegar a unha conclusión final.
Proba 3
Os deportes alternativos
Algunha vez xogastes, nas clases de Educación Física, a algún deporte que non se ve na tele?
Tedes 4 minutos para elixir un deporte moi raro que pensedes que os outros grupos non coñezan e falar de como se xoga.
Despois teredes que explicarllo ao resto de grupos.
Reflexión final
Exposición e reflexión
Expoñédelle as vosas ideas ao resto de grupos e reflexionade sobre o que xa sabiades e sobre o que aprendestes.
Credes que coñecedes moitos deportes? Que pode entenderse por deporte alternativo?
Imaxinade que tedes que organizar un torneo deportivo. A que deportes vos gustaría xogar e por que?
Lectura facilitada
Tedes que resolver tres desafíos en equipo.
Ao final, faredes unha reflexión.
Neste apartado ides a centrarvos en 3 contidos:
- O quecemento.
- O concepto de deporte.
- Os deportes alternativos.
Cada contido terá un desafío grupal.
Proba 1
O quecemento
Que é o quecemento e como podedes facelo?
Tedes 3 minutos para elixir un dos deportes mencionados no xogo anterior e crear unha actividade de quecemento para un partido dese deporte.
Ao final todos os grupos demostrarán as súas actividades.
Debateredes sobre o uso do quecemento.
Proba 2
O deporte
Que é o deporte?
É o mesmo que un xogo?
Primeiro, faredes unha chuvia de ideas por grupos.
Tedes que elixir as características do deporte que fan que sexa diferente a un xogo.
Tedes 3 minutos de tempo para poñervos de acordo.
Despois, faredes unha conclusión entre toda a clase.
Proba 3
Os deportes alternativos
Algunha vez xogastes nas clases de Educación Física a algún deporte que non se ve na tele?
Tedes 4 minutos para elixir un deporte moi raro e falar de como se xoga.
Despois, teredes que explicarllo ao resto de grupos.
Reflexión final
Exposición e reflexión
Expoñédelle as vosas ideas ao resto de grupos.
Reflexionade sobre os coñecementos.
Credes que coñecedes moitos deportes?
Que é un deporte alternativo?
Imaxinade que tedes que organizar un torneo deportivo.
A que deportes vos gustaría xogar e por que?
Audio
Cronómetro