As fases da eclipse total de Sol
O espectáculo dunha eclipse total de Sol desenvólvese en varias fases:
- O primeiro contacto:
Todo empeza cando a Lúa toca por primeira vez o bordo do Sol. Parece que alguén lle deu unha dentada. A partir de aquí, ese "mordisco" vai facéndose cada vez máis grande. - O segundo contacto:
Xusto antes de que o Sol quede tapado de todo, teñen lugar dous fenómenos:- As Perlas de Baily: Como a Lúa ten montañas e cráteres, a luz do Sol escapa polos vales e vense como uns puntiños brillantes de luz, coma se fosen perlas nun colar.
- O Anel de Diamante: Cando só queda un puntiño de luz brillante e un aro fino ao redor, parece un anel de compromiso xigante no ceo.
- A Totalidade:
A Lúa tapa o Sol por completo. Durante uns minutos, faise de noite en pleno día: pódense ver as estrelas, os paxaros van durmir porque pensan que hai que descansar e a temperatura baixa. - O Sol volve saír:
A Lúa segue o seu camiño e o proceso repítese ao revés: volve aparecer o anel de diamante (3º contacto), despois a media lúa (4º contacto) e, finalmente, o Sol volve ser un círculo completo.
O principio do estenopo
Que é o estenopo?
A palabra estenopo vén do grego e significa burato estreito. A pesar de parecer algo moi sinxelo, ese pequeno burato ten un certo “poder máxico”: obriga á luz a ordenarse.
Grazas a ese principio podemos construír un instrumento de observación indirecta para ver o eclipse con seguridade. Neste caso, o estenopo será un buratiño feito cun alfinete ou cunha agulla nunha folla de papel ou nun anaco de papel de aluminio, que proxectará a imaxe do Sol sobre outra superficie, permitindo observar o fenómeno sen mirar directamente á luz solar.
Por que podemos ver a eclipse e non un círculo?
O estenopo permítenos fabricar unha cámara estenopeica porque ten certos poderes:
- A luz viaxa en liña recta: A luz que sae da parte de arriba do Sol pasa polo burato e chega á parte de abaixo da túa folla. A luz que sae da parte de abaixo vai cara arriba.
- Un debuxo feito de luz: Como o burato é tan pequeno, só deixa pasar un "raio" de cada parte do Sol. É como se o burato fose un pincel fino que debuxa na túa folla a forma exacta que ten o Sol nese momento.
- A "mordedura" da Lúa: Se a Lúa está tapando un anaquiño do Sol, a luz que nos chega xa non ten forma de círculo, senón de "C" ou de media lúa. O proxector de papel copia esa forma no chan ou noutra folla. Canto máis lonxe estea a folla do burato da folla onde se proxecta a imaxe, máis grande se verá o eclipse, pero un pouco menos brillante.
Se o buratiño fose cadrado, o que verías proxectado no papel seguiría sendo o Sol, e se o Sol fose cadrado, o que verías proxectado no papel sería un cadrado.