1. Indicacións CIUGA

Pregunta 3: Bloque “As linguas e os seus falantes”

Esta pregunta pode presentar opcionalidade ou non. As cuestións propostas responderán aos criterios de avaliación CA1.1 e CA1.2.

CA1.1 Recoñecer e valorar as linguas da Península Ibérica e as variedades dialectais do galego, contrastando de maneira explícita e coa metalinguaxe apropiada aspectos lingüísticos e discursivos destas linguas en manifestacións orais, escritas e multimodais, diferenciando os trazos de lingua que responden á diversidade dialectal dos que se corresponden con sociolectos ou rexistros.

CA1.2. Cuestionar e refutar prexuízos e estereotipos lingüísticos adoptando unha actitude de respecto e valoración da riqueza cultural, lingüística e dialectal, atendendo á diversidade de normas cultas e estándares que se dan nunha mesma lingua, así como analizando e valorando a relevancia actual dos medios de comunicación e das redes sociais nos procesos de normalización lingüística.

Procurarase (aínda que non é imprescindible) que as respostas se elaboren a partir da análise de estímulos (textos, viñetas, estatísticas, gráficas, mapas...) vinculados a contidos do Bloque 1.

Con carácter orientador e non excluínte, as cuestións poderán versar sobre:

1. As linguas da Península Ibérica.

2. As variedades dialectais do galego.

3. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.

4. Os prexuízos e estereotipos lingüísticos.

Como normal xeral, procurarase que esta pregunta implique na súa resposta a produción dun texto cunha extensión aproximada de 120 palabras. A puntuación total desta terceira pregunta será sempre de 1,5 puntos.