Temas Sociolingüística PAU
| Sitio: | Aula Virtual IES Mendiño |
| Curso: | Lingua Galega e Literatura 2BAC_25_26 |
| Libro: | Temas Sociolingüística PAU |
| Impreso por: | Visiteur anonyme |
| Data: | venres, 26 de xuño de 2026, 7:05 PM |
Táboa de contidos
- 1. Indicacións CIUGA
- 2. As linguas da península ibérica.
- 3. As variedades dialectais do galego.
- 4. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.
- 5. O proceso de construción da variedade estándar (perspectiva histórica).
- 6. Os prexuízos e estereotipos lingüísticos.
- 7. Historia da lingua a partir de 1981.
- 8. O proceso de normalización lingüística.
- 9. Terminoloxía sociolingüística.
1. Indicacións CIUGA
Pregunta 3: Bloque “As linguas e os seus falantes”
Esta pregunta pode presentar opcionalidade ou non. As cuestións propostas responderán aos criterios de avaliación CA1.1 e CA1.2.
CA1.1 Recoñecer e valorar as linguas da Península Ibérica e as variedades dialectais do galego, contrastando de maneira explícita e coa metalinguaxe apropiada aspectos lingüísticos e discursivos destas linguas en manifestacións orais, escritas e multimodais, diferenciando os trazos de lingua que responden á diversidade dialectal dos que se corresponden con sociolectos ou rexistros.
CA1.2. Cuestionar e refutar prexuízos e estereotipos lingüísticos adoptando unha actitude de respecto e valoración da riqueza cultural, lingüística e dialectal, atendendo á diversidade de normas cultas e estándares que se dan nunha mesma lingua, así como analizando e valorando a relevancia actual dos medios de comunicación e das redes sociais nos procesos de normalización lingüística.
Procurarase (aínda que non é imprescindible) que as respostas se elaboren a partir da análise de estímulos (textos, viñetas, estatísticas, gráficas, mapas...) vinculados a contidos do Bloque 1.
Con carácter orientador e non excluínte, as cuestións poderán versar sobre:
1. As linguas da Península Ibérica.
2. As variedades dialectais do galego.
3. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.
4. Os prexuízos e estereotipos lingüísticos.
Como normal xeral, procurarase que esta pregunta implique na súa resposta a produción dun texto cunha extensión aproximada de 120 palabras. A puntuación total desta terceira pregunta será sempre de 1,5 puntos.
1.1. Tipos de textos
Sobre os tipos de textos que nos podemos encontrar ou que teremos que elaborar.
Hai unha morea de tipos de textos falados e escritos: texto falado espontáneo, conferencia, homilía, conversa familiar, discusión científica, discusión espontánea, carta familiar, carta oficial, receita de cociña. Ademais dos textos escritos nas redes: email, entradas nas redes sociais etc.
Se temos que analizar un texto das PAU podemos atopar un texto científico, divulgativo, informativo, descritivo, expositivo, argumentativo, lírico, dramático, narrativo... E mesmo textos que se poden encadrar en dous ou máis apartados, como un texto expositivo-argumentativo.
Tipoloxía textual para analizar:
-Texto descritivo: pretende proporcionar información sobre o que unha persoa, obxecto ou fenómeno é, foi ou será (descrición obxectiva), ás veces con impresións ou opinións persoais (descrición subxectiva). É como unha imaxe feita con palabras. Pode ser a descrición do tempo, de lugares e paisaxes, dunha persoa (física ou moral) etc.
-Texto narrativo: representa unha sucesión de accións no tempo. Neste tempo dáse un cambio ou transformación desde unha situación de saída a un novo estado final.
-Texto expositivo: preséntanse de xeito neutral e obxectivo determinados feitos ou realidades. Non se intenta convencer, como no texto argumentativo, só informar e ensinar. Poden ser divulgativos (dirixidos a un público amplo e xeral) ou especializados (dirixidos a un público concreto e específico).
-Texto argumentativo: preséntanse razóns a favor ou en contra dunha determinada posición ou tese co obxectivo de convencer o lector mediante diferentes argumentos. Poden ter estrutura "causa-consecuencia" (analizan as causas dun feito ou as consecuencias que se derivan del) ou "problema-solución" (achéganse solucións a feitos ou situacións adversas en ensaios, artigos de opinión...).
2. As linguas da península ibérica.
A diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica supón unha grande riqueza cultural, social, histórica e patrimonial. Responde á historia e á diversidade existente no territorio.
Podemos diferenciar entre as linguas oficiais dos estados e as linguas cooficiais dentro do estado (oficiais no seu territorio).
1.Linguas oficiais.
-O idioma oficial de Xibraltar é o inglés, usado polas institucións, a televisión pública e o ensino. A lingua coloquial de moita xente é o llanito, mestura de español, inglés e outras linguas.
-Andorra é o único estado que ten como idioma oficial o catalán, tamén se fala moito o castelán e o francés.
-O idioma oficial de Portugal é o portugués, por número de falantes nativos é a sexta lingua máis falada do mundo. Para os lusistas é a mesma lingua que o galego, para os non lusistas é unha lingua irmá. É lingua oficial en Brasil e outros estados africanos. Desde 1999 tamén está recoñecido en Portugal o mirandés, usado por uns 15.000 falantes.
-A lingua oficial do Estado español é o castelán ou español, a cuarta lingua máis falada no mundo, oficial en moitos estados americanos. É a lingua oficial única en moitas comunidades autónomas e cooficial noutras.
2. Linguas cooficiais.
-O catalán é a lingua oficial duns dez millóns de persoas en Cataluña, Illas Baleares e, segundo algúns, na Comunidade de Valencia.
-O valenciano é lingua oficial na Comunidade Valenciana. Existe unha controversia entre os que consideran o valenciano como unha variedade do catalán e os que o consideran unha lingua diferente.
-O aranés é unha lingua occitana usada por varios miles de persoas no Val de Arán pero considerada cooficial en toda Cataluña.
-O éuscaro é a lingua oficial no País Vasco e unha parte de Navarra (Euskal Herria). Non é unha lingua románica.
-O galego é a lingua oficial en Galicia. Fálase tamén no occidente de Asturias, no Bierzo, e en Seabra.
Non teñen consideración de oficiais o asturiano ou bable, o aragonés e a fala de Estremadura ou galego do Val do Ellas.
VALORACIÓN.-
O plurilingüismo non é unha eiva que impide a comunicación entre os falantes ibéricos, máis ben é unha riqueza, serve de vehículo da expresión cultural das comunidades. Os diferentes idiomas axudan á preservación do legado histórico e teñen un grande valor inmaterial e patrimonial. A música, as artes plásticas, a literatura, o baile, as artes escénicas son máis completas na Península grazas ás diferentes linguas nas que se expresan.
As constitucións dos Estados regulan o uso das linguas peninsulares. No caso de España o artigo 3 da Constitución di que "O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos". Polo que a lexislación tamén protexe a pluralidade lingüística.
Conclusión: a variedade de linguas fai máis grande a Península Ibérica.
3. As variedades dialectais do galego.
Hai localismos léxicos, palabras propias dunha zona que non se usan noutras pero que son admitidas na lingua estándar: golpe (raposo). E hai variantes dialectais, dialectalismos, que non son recollidas na lingua normativa. O dicionario da RAG define dialectalismo como "Vocábulo, construción sintáctica etc., propia dun dialecto, que se arreda do código considerado estándar".
Malia ser o galego unha lingua sen case variante culta durante moitos séculos, mantívose unha grande unidade en todo o territorio sen que en ningún momento os falantes teñan conciencia de falaren linguas diferentes. A baixa consideración dos galegos pola súa lingua levou a que ninguén considerase a súa como o mellor galego, sempre se pensaba que o mellor galego era o doutros lugares (de Lugo, da montaña, das rías...). O mesmo pasaba coas características dialectais, o seseo e a gheada tiñan pouca consideración social e eran corrixidos nas escolas cando se "escapaba" algunha palabra en galego.
Mais todas as variantes locais do galego son unha riqueza que debemos conservar, a variabilidade é unha fonte de riqueza do diasistema. Aínda que non se recollan na escrita ou na variedade culta hai que recuperalas e mantelas na lingua falada. Cadaquén debe falar de acordo coas características da súa zona e estar fachendoso delas, mesmo se poden recoller na creación literaria, como fan as poetas María Lado ou Lucía Aldao.
As variedades dialectais son tamén un reflexo dos trazos socioculturais e identitarios do territorio no que se falan e teñen moita importancia na conformación da lingua estándar.
Se nos fixamos nos trazos que citamos máis abaixo vemos que a lingua estándar reflicte os plurais das palabras rematadas en -l (animais) do bloque oriental, o non seseo nin gheada do bloque central, o sufixo -án/áns do bloque occidental. A lingua estándar "bebe" das variantes dialectais.
Son dialectalismos fonéticos:
- O seseo: sapato, lus, por zapato, luz
- A gheada ghato, reghalo, por gato, regalo
- O ditongo -ui- por -oi-: truita, muito, por troita, moito
- As formas en cua ou gua: cuando, guardar por cando, gardar
Son dialectalismos morfosintácticos:
- Os plurais de formas con –ns na lingua estándar: cas-caes/cais ou ladrós - ladrois para cans, ladróns- As formas en -ao, -án (-án, -á): o irmao / irmau, a irmán, fronte ao normativo o irmán - a irmá
- Os demostrativos: iste, ise, aquil, eso, fronte a este, ese, aquel, iso
- As terminacións verbais: andais, andandes, andás, por andades; colliu por colleu, sigueu por seguiu
Malia a grande unidade do galego falado acostuman diferenciarse tres grandes bloques dialectais baseándose nunhas poucas isoglosas (liñas que marcan unha forma diferente de dicir algo no territorio). Dentro dos bloques poden sinalarse tamén áreas máis pequenas.
1.-Bloque oriental:
- Plural -is (ns): cais (cans), pantalois (pantalóns), ladrois (ladróns)- Sufixo -in (-iño): camín (camiño), paxarín (paxariño) , vecín (veciño)
- Grupo -ua-: cuatro (catro), cuando (cando), guardar (gardar)
- Baxo (baixo), caxa (caixa)
Exemplos: gústanme esas canciois // O gato é moi bonitín // O meu vecín ten cuatro cais // Mira aí, ta guardado na caxa
Áreas do bloque oriental:
- Asturiana: artigo el/l´, avolo (avó), mulin (muíño) Ex. l´avolo ta n´el mulín- Ancaresa: vogais nasais
- Zamorana: collí (collín), partí (partín)
2. Bloque central:
- Non seseo: luz, dez, empezar, dicir- Sufixo -ao: mao, irmao, chao (man, irmán, chan)
- Plural -s (ns): cas (cans), leós (leóns), ladrós (ladróns), calcetís (calcetíns)
- Algunha gheada
Exemplos: a meu irmao caeulle a tixola ao chao // Vin pasar por alí unhos camiós negros // Mercou dous cas de palleiro
Áreas do bloque central:
- Mindoniense: cimo (grelo), golpe (raposo)- Lucu-auriense: come (cume), bibe (bebe), il (el)
3. Bloque occidental:
- Gheada: logho (logo), amigha (amiga), Lugho (Lugo)- Seseo total: disir (dicir), cosiña (cociña), des (dez) ou seseo só final de sílaba: lus (luz) mais facer
- Sufixo -an: man, irmán, castelán, chan
- Plural n: uns, algúns, leóns, calcetíns
Exemplos: asende a lus da cosiña // Os tighres non son curmáns dos leóns // Ese xa caeu des veces ao chan
Áreas do bloque occidental:
- Fisterrá: cheísmo (só che pronome, non te), muito (moito), nuite (noite), colliu (colleu)
- Bergantiñá: colliu (colleu), non cheísmo
- Baixo Miño (teísmo, só te, non che)
Mapas exemplos de isoglosas na lingua galega

A existencia de variedades dialectais no Galego é moi importante desde o punto de vista sociolingüístico, cultural e mesmo político. Non son “desviacións” dunha lingua estándar, senón expresións naturais dunha lingua viva e histórica. Pódense destacar varios argumentos:
-
As variedades dialectais conservan a riqueza histórica e cultural da lingua
Cada zona de Galicia mantén trazos propios de pronuncia, vocabulario ou gramática que reflicten a súa historia e a súa relación co territorio. Palabras, expresións ou sons característicos do occidente, do interior ou do oriente galego forman parte do patrimonio inmaterial da comunidade. Sen dialectos, a lingua perdería diversidade e memoria colectiva. -
Reforzan a identificación e o sentimento de pertenza
Moitas persoas recoñécense na maneira de falar da súa comarca ou da súa vila. Esa variedade próxima crea vínculos afectivos coa lingua e favorece a súa transmisión familiar e social. Nun contexto no que o galego sufriu procesos de substitución polo castelán, os falares locais poden actuar como elemento de orgullo e identidade. -
Demostran que o galego é unha lingua viva e dinámica
Todas as linguas con vitalidade presentan variación interna. A existencia de dialectos indica que o galego se adapta aos contextos sociais e territoriais, igual que ocorre co Castelán, o portugués ou o inglés. A estandarización é útil para a escola, os medios ou a administración, pero non debería eliminar a diversidade natural dos falares.
En conclusión, as variedades dialectais do galego non debilitan a lingua: ao contrario, enriquecéna, conectána coa historia e favorecen a identificación social coa comunidade lingüística.
4. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.
A lingua estándar
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento. Mais hoxe xa contamos cun estándar consolidado que é indispensabél para o seu uso nos medios de comunicacion, no ensino, na Internet. O noso estándar agora está gobernado pola Real Academia Galega, a máxima autoridade sobre a lingua.
Tamén hai un importante movemento lusista: a variedade estándar do galego debe ser o portugués ou moi achegada a el porque nos permite entendernos cos moitos millóns de persoas da lusofonía (falantes de portugués). A súa institución máis importante é a Academia Galega da Língua Portuguesa.
Para que a lingua goce dunha normalización plena (uso normal en todos os aspectos e situacións) cómpre que dispoña dunha variante estándar consolidada, apoiada en gramáticas, dicionarios e métodos de aprendizaxe. Na actualidade as ferramentas informáticas serven de grande apoio grazas aos dicionarios e correctores ortográficos (tamén en liña e de balde).
Os sociolectos
Un sociolecto é unha variedade lingüística empregada por persoas do mesmo grupo social. Difire doutras formas de fala porque reflicte factores como a clase social, o nivel educativo, a idade, a profesión ou mesmo as actividades culturais daqueles que a empregan. O vocabulario, a pronuncia ou a fraseoloxía poden cambiar segundo o grupo social ao que pertencemos.
En galego teñen tradición algunhas xergas ou argots, linguaxes faladas propias de determinados oficios tradicionais. Normalmente teñen un carácter esotérico (só son coñecidas polos membros do oficio), utilízanse para se diferenciar e afirmar como grupo así como para evitar ser comprendido polos demais. Aprendíase o oficio o mesmo que se aprendía a xerga. Exemplos:
-O barallete: fala dos afiadores e paraugueiros.
-O verbo dos arxinas: fala dos canteiros.
-O latín dos chafoutas: fala dos albaneis.
Niveis de lingua (ou variedades diastráticas).
Os niveis de lingua son as formas diferentes de falar unha lingua dependendo das circunstancias sociais dos seus falantes: profesión, residencia e formación cultural.
Distínguense tres niveis de lingua:
Nivel culto: é a fala propia das persoas que teñen unha elevada formación cultural.
Caracterízase polo emprego dun galego coidado tanto no aspecto escrito coma no oral, o que implica unha ortografía e unha dicción correctas. Ademais, non se cometen erros sintácticos nin castelanismos e úsanse frecuentemente palabras cunha significación moi precisa.- Nivel medio: correspóndese coa modalidade empregada nos medios de comunicación, na administración, no ensino...
Igual ca no caso anterior, caracterízase pola corrección no uso do idioma tanto a nivel escrito como oral, se ben nas escollas léxicas non hai tanta abundancia de cultismos e as estruturas sintácticas adoitan ser máis sinxelas. - Nivel popular: é o propio das persoas que carecen de formación académica e que empregan a lingua que aprenderon a falar de pequenos pero que non reforzaron na escola. Recoñécese pola convivencia de moitos castelanismos léxicos e ao mesmo tempo polo gran coñecemento de termos referidos á vida cotiá. Non presentan incorreccións dende o punto de vista morfolóxico pero si abundantes vulgarismos fonéticos, así como unha pronuncia ás veces con ton elevado e unha escrita con moitas faltas de ortografía.
Rexistros de lingua (ou variedades diafásicas)
Os rexistros lingüísticos son os distintos xeitos de usar a lingua por parte dos e das falantes. Teñen que ver coa situación concreta de comunicación, tendo en conta ás persoas a quen vai dirixida e o contexto no que nos encontramos. Por exemplo, un médico non fala o mesmo dunha doenza cando está coa familia que cando está nunha reunión de traballo, o mesmo lle pode pasar a un informático ou un enxeñeiro de telecomunicacións. Un alumno de 2.º Bach. non fala igual cando está cos compañeiros agardando a entrar na aula ou cando está na titoría cun profesor ou profesora.
Podemos falar de:
Rexistro formal: caractereizado por unha pronuncia máis coidada e propia da variedade estándar, un vocabulario preciso e variado, polo emprego de termos técnicos. É a variedade que debemos utilizar nun exame, nun traballo, nos medios de comunicación, en fin en actos de lingu mís formais.
Rexistro informal: caracterizado por unha pronuncia máis espontánea, por exemplo con supresión de fonemas: en lugar de "para" úsase pa; en lugar de imos para adiante > imos pa diante; un léxico menos variado, uso frecuente de frases feitas, de palabras "comodín", é dicir, que adquiren diversos significados segundo o caso: cousa, chisme, aquelar..., dialectalismos, coloquialismos...
Variedades cronolóxicas.Dependen exclusivamente do factor tempo, así o galego medieval fronte ao actual, por exemplo.
5. O proceso de construción da variedade estándar (perspectiva histórica).
Sobre este tema tedes informción no PDF que vos dera na clase, pero aquí vouvos poñer un resumo do tema que encontrei en ogalego.gal que creo que está moi completo e breve. En realidade hai dúas versións, unha máis curta (sobre 300 palabras) e outra un pouco máis extensa, de 700. Inclúo as dúas, cadaquén que escolla a que prefira. Inclúe tamén ao final algún comentario sobre desviacións da norma e interferencias lingüísticas, que son dous conceptos que poden ir ben para completar este tema, se vos cae.
Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
(Versión curta)
A existencia dunha variedade estándar -usada nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear a dispersión dunha lingua. O galego tardou en contar cunha variedade estándar: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario (normativización lingüística).
A nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindible para a súa normalización social- ata o século XIX, co Rexurdimento. Neste longo proceso hai catro etapas:
a) Ata fins do século XIX. Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Ata 1936. Os autores inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán.
c) Ata comezos de 1980. Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e aposta pola ortografía inspirada no castelán.
d) Ata hoxe. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade. Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta.
Ten unha longa tradición o reintegracionismo partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.
Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil; son os castelanismos no galego: a maioría son de tipo léxico.
(Versión longa)
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do século XIX: Rosalía, Curros...). Non existe realmente unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Galego enxebrizante (ata 1936: Irmandades da Fala...). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal, non o dunha zona concreta.
- Eliminación de castelanismos, moi abundantes na fala
- O portugués é de algunha maneira o seu modelo de lingua culta na escrita.
c) Galego protoestándar (ata fins dos anos 1970: autores de Galaxia). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e pola ortografía inspirada no castelán.
d) Galego estándar (ata a actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade
A oficialización dunha norma culta e estándar provocou en moitos falantes ao principio un certo rexeitamento ao consideraren a lingua da TVG, da Radio Galega e de outros medios como unha especie de "galego inventado, de laboratorio" co que non se sentían identificados. Mais toda lingua moderna ha de ter a súa norma culta que se usa nos rexistros máis formais, como o galego non a tiña polo seu uso unicamente oral foi necesario creala.
Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta: correctores de lingua e dicionarios para procesadores de texto, navegadores, sistemas operativos (Android, Windows, Linux); tradutores automáticos, webs especializadas; cursos en liña; etc.
Ten unha longa tradición o reintegracionismo ou lusismo (AGLP, AGAL)partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil, no noso caso é o castelán o que actúa sobre o galego. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:
- No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
- No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos.
- No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
- No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)
Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).
O autor, Xosé Manuel Calvo, dá alguns consellos para esta pregunta, que aínda que están pensados para o modelo anterior, poden ser de utilidade. Recollo aquí algúns:"O ideal sería que levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver".
"Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se gaña por contidos".
"Esta cuestión non debería levarche máis de 20 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións"
"Debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía".
E outra indicación da comisión:
Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.
Ás veces, menos é máis. Orde nas ideas, boa progresión temática, e sen divagar. E o de sempre: parágrafos, conectores e oracións breves e claras.
6. Os prexuízos e estereotipos lingüísticos.
Cómpre destacar o valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e o necesario respecto por estes.
Marco legal e normalización
En 1978 apróbase a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 o Estatuto de Autonomía: “a lingua propia de Galicia é o galego”. En 1983 a Lei de Normalización Lingüística: regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica, da Xunta de Galicia. O seu ensino é obrigatorio en Primaria e Secundaria, e algunhas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego, que non se chegaron a desenvolver. O actual marco legal senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego ...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
Prexuízos e estereotipos
A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante. O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística, ou pode que non.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización do galego (facer normal o seu uso na sociedade) é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
-o galego é propio do mundo rural
-o galego non serve para as matemáticas ou a informática
-o galego non serve para nada fóra do territorio galego
-o que hai que aprender é inglés e non galego
-o galego só o falan os nacionalistas
-o galego normativo é “inventado”
-o galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet
Que son falsas verdades e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas.
Vexamos:
-o galego é unha lingua tan válida na cidade coma na aldea
-o galego serve para calquera ámbito: a Facultade de Matemáticas foi moito tempo das máis galeguizadas
-o galego ponnos en contacto con toda a comunidade de fala galego-portuguesa
-aprender o inglés non ten que ver con falar galego, non se opoñen, ademais os falantes bilingües aprenden mellor unha terceira lingua
-hai moita xente que non é nacionalista e fala galego
-o galego estándar está baseado na historia e nos idiomas latinos irmáns
-no mundo globalizado cómpre ter unha identidade propia e a Internet axuda á difusión do galego
Se non existisen estes prexuízos poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos. Para entendermos que se trata dunha cuestión de prestixio, vemos que o castelán, que en Galicia é a lingua de prestixio fronte ao galego, en moitos lugares dos EE.UU é a lingua minorizada fronte ao inglés.
Na actualidade hai xa un amplo coñecemento e uso do galego escrito, sobre todo nas aulas, mais a transmisión xeracional do idioma (de pais a fillos) nunca foi tan baixa. Que pensan os galegos? Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente, consideran que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. Mais outros consideran o galego unha lingua de segunda, sen interese para o futuro -para que sirve el gallego?-, non paga a pena promover o seu uso.
Así que poderiamos concluír que a conciencia lingüística na actualidade en Galicia é moi diversa. Para uns a situación da lingua é óptima, as autoridades apoian a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e ten preocupación pola súa desaparición pero opina que non se debe impoñer o seu uso.
Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego en 2023 sinalan:
-falan en galego sempre o 24,37
-falan máis galego ca castelán o 21,86
-falan máis castelán ca galego o 24,11
-falan só en castelán o 29,66
46,23% falan maioritariamente galego fronte ao 53,77 que falan maioritariamente castelán, por primeira vez na historia os falantes de castelán superan os de galego. A situación é preocupante para o galego.
Cualitativamente o galego está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Cada vez un maior número de profesionais liberais o utiliza normalmente. Neste século XXI temos que ter en conta o seu uso na internet pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos en galego, ademais de Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil ofertan algúns terminais en galego. En 2022 o galego ocupaba por número de falantes o posto 160 entre as linguas do mundo, o 59 por uso na Internet, o 53 por páxinas na Wikipedia e o 37 por peso a nivel mundial! Está claro que se queremos, podemos, malia as dificultades!
Máis aínda: falar varios idiomas retrasa o envellecemento acelerado.
Conclusión
Defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos.
-Vídeo de Rosalía Fernández sobre a lingua
7. Historia da lingua a partir de 1981.
Para este tema tedes unha boa información no seguinte PDF que podedes atopar na Aula Virtual. Como xa nos coñecemos prepareivos un resumo.
Dado o carácter competencial das novas probas PAU, non creo que teñades unha pregunta de tipo expositivo sobre o tema, senón máis ben elaborar un texto argumentativo, por exemplo en relación ao proceso de normalización ou de normativización, situación legal, lingua oficial..., para o que poden vir moi ben estes coñecementos.
Resumo:
O galego a finais do século XX e comezos do XXI experimentou cambios importantes grazas á chegada da democracia e á creación dun novo marco político e legal. Tras a fin da ditadura franquista, a lingua conseguiu a cooficialidade en Galicia e aumentou a súa presenza na vida pública, especialmente no ensino, na administración e nos medios de comunicación. Ademais, produciuse a culminación do proceso de estandarización, coa creación dunha normativa oficial que favoreceu a difusión dun modelo común de lingua.
A oficialidade do galego recóllese principalmente na Constitución Española de 1978, no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e na Lei de Normalización Lingüística de 1983. Estes textos recoñecen o dereito da cidadanía a usar o galego e impulsan a súa presenza nos distintos ámbitos sociais. Porén, a situación segue sendo desigual respecto ao castelán, xa que este é de coñecemento obrigatorio para toda a poboación, mentres que o galego só ten recoñecido o dereito ao seu uso.
Na actualidade, o galego mantén unha importante presenza nas funcións familiares, laborais e culturais, sobre todo no ámbito rural e entre as persoas de máis idade. Con todo, o seu uso diminúe nas xeracións máis novas, nos núcleos urbanos e nos sectores de maior nivel socioeconómico. Isto evidencia que o proceso de substitución lingüística continúa avanzando.
No ámbito institucional, o galego acadou unha presenza relevante. A Xunta, o Parlamento e moitos concellos empregan habitualmente esta lingua, aínda que na Xustiza o seu uso segue sendo reducido. No ensino, o galego converteuse en materia obrigatoria desde 1983 e ampliouse a súa utilización como lingua vehicular, aínda que medidas recentes, como o Decreto do Plurilingüismo de 2010, reduciron a súa presenza nas aulas.
Nos medios de comunicación destaca o papel da Radio Galega e da TVG, así como o crecemento de medios dixitais en galego. Ademais, o galego presenta unha grande vitalidade no ámbito cultural, especialmente na literatura, na música e no teatro.
A pesar dos avances conseguidos desde 1975, o texto sinala problemas importantes: a perda progresiva de falantes, a lentitude da normalización e a persistencia de actitudes desgaleguizadoras. Por iso, conclúese que a supervivencia do galego depende tanto das políticas institucionais como do compromiso individual da sociedade para transmitir a lingua ás futuras xeracións.
8. O proceso de normalización lingüística.
Información máis completa no PDF que tedes na Aula Virtual.
Volvo a recordar o carácter competencial das probas. Non se trata de aprender conceptos de memoria e repetilos na proba, senón de coñecer información e ser quen de mobilizala, de utilizala para razoar, argumentar, opinar... sobre temas relacionados. Ter os coñecementos e necesario pero, tendo en conta ademais os límites de extensión, mellor ter algunhas ideas centrais sobre o tema claras que poidamos utilizar en diferentes situacións que ter moita información memorizada e non saber ou non poder utilizala.
Resumo elaborado por ogalego.gal:
O actual marco legal (Constitución de 1978, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego ...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo moitas das axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas...
A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.
O galego xa está nas aulas cun amplo coñecemento e uso do galego escrito. Mais a transmisión xeracional do idioma (de pais a fillos) nunca foi tan baixa. Que pensan os galegos? Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Mais segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro -para que sirve el gallego?-, non paga a pena promover o seu uso. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa.
Así que poderiamos concluír que a conciencia lingüística na actualidade en Galicia é moi diversa. Para uns a situación da lingua é óptima, as autoridades apoian a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e ten preocupación pola súa desaparición pero opina que non se debe impoñer o seu uso.
Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2019 só 3 de cada 10 persoas fala sempre en galego, só un 16,88% das persoas escriben normalmente en galego, fronte ao 83,12% do castelán, un 63,81% da xente que fala sempre en galego cambia ao castelán na escrita. En 2021 por primeira vez na historia o castelán supera o galego como a lingua máis falada na Galiza. O número de mozos e mozas que fala español multiplica por catro aos que o fan en galego e das persoas menores de 20 anos case 8% recoñecen que non poder falar "nada" de galego e outro 22% di que o fala "con dificultade " (INE). E o galego fálase nas cidades galegas máis que o catalán en Barcelona ou o vasco en Bilbao, así que é posible normalizar o seu uso.
Son datos moi preocupantes para a normalización do galego.
9. Terminoloxía sociolingüística.
"Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística
especializada e axeitada aos argumentos sostidos".
A continuación, nas seguintes páxinas inclúo información sobre a terminoloxía que tedes que coñecer e manexar.
9.1. Diglosia, bilingüismo, ...
Diglosia (que provén do grego δίγλωσσος, "de dúas linguas") é a distribución dunha ou máis variedades lingüísticas que, dentro dunha comunidade (linguas en contacto), por mor dunha desigual repartición de usos, cumpren unhas funcións distintas e empréganse en situacións e contextos diferentes.
O concepto desenvolveuno Charles Nine Ferguson no artigo Diglossia publicado na revista Word en 1959 para caracterizar dúas variedades dunha mesma lingua, na que unha, codificada, se emprega só nos ámbitos elevados e a outra, sen codificación, só nos ámbitos privados nunha situación estable no tempo. Posteriormente o concepto evolucionou para cubrir situacións que implican dúas linguas e que poden mudar no tempo:
Tras reparar en que, a miúdo, os falantes dan en empregar unhas variedades lingüísticas ou outras segundo a situación en que se achen, Ferguson denominou diglosia á relación lingüística, ás veces conflitiva, que se establece entre esas variedades.
Fishman fai unha definición máis ampla nun estudo posterior, observa que a diglosia non equivale a bilingüismo e expresa que o termo pode referir as sociedades multilingües, aquelas que empregan unha lingua vernácula e outra clásica e mesmo a calquera sociedade na cal se empreguen dialectos ou variedades funcionalmente diferentes.
É dicir, que se inicialmente este concepto refería a relación de dúas variedades dunha mesma lingua coa súa comunidade de falantes, no caso do galego e, en moitos outros, estamos a falar de comunidades de falantes que empregan dúas linguas con diferentes funcionalidades ou empregadas en diferentes ámbitos de uso.
A diglosia, entón, pode ser de dous tipos:
Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua (en Marrocos o árabe clásico é a lingua oficial, mentres que o árabe magrebí se reserva para usos coloquiais).
Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes (galego e castelán en Galicia).
A realidade galega
Os estudos sobre a realidade lingüística galega coinciden en sinalar que a situación presente en Galicia é de diglosia sen bilingüismo de xeito que os ámbitos sociais de uso para cada unha das linguas son diferentes, pois emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social (aínda que nalgúns ámbitos comparte usos co castelán, como nos referentes á administración autonómica), deixando o castelán para representar os usos formais (o mundo da xustiza, empresarial e medios de comunicación teñen unha presenza do castelán maioritaria e estábel), aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio. Ademais tamén son diferentes os espazos xeográficos ó empregarse o galego no rural e nos alfoces das cidades, e o castelán nos núcleos das zonas urbanas. Por último, os interlocutores varían segundo o contexto requira un rexistro máis coloquial ou elevado entre unha lingua ou outra.
Interferencias lingüísticas: introdución nunha lingua de elementos ortográficos, fonéticos, morfolóxicos, sintácticos e léxicos procedentes doutra coexistente con ela. Afectan ao idioma socialmente máis débil, no noso caso, o galego. As interferencias máis frecuentes na nosa lingua son os castelanismos. As causas destas interferencias son varias, mais as principais son:
- A situación de contacto e de conflito lingüístico entre o galego e o castelán.
- A semellanza estrutural entre as dúas linguas.
Conflito lingüístico: é a situación de tensión que se produce entre dúas linguas (habitualmente, unha lingua dominante e outra minorizada) que conviven nun mesmo territorio e que compiten polos ámbitos de uso. Para resolver un conflito lingüístico, hai dúas saídas:
→ a substitución lingüística: a lingua minorizada é desprazada pola lingua dominante. Prodúcese en tres fases: -Implantación dunha lingua foránea nun territorio con lingua propia -Período diglósico -Abandono da lingua propia e asimilación da lingua de fóra
→ a normalización lingüística: a lingua minorizada recupera o prestixio social e o seu uso en todos os ámbitos sociais.
Bilingüismo harmónico: orientación da política lingüística que sostén que non hai conflito lingüístico entre o galego e o castelán nos falantes de Galicia, polo que se considera que non hai que exercer ningunha presión para tomar medidas para protexer o idioma propio.
Bilingüismo (individual ou social): o bilingüismo individual é a capacidade que ten unha persoa para empregar dúas linguas. Frecuentemente, o uso dunha das linguas predomina sobre a outra. Adoita distinguirse entre bilingüismo activo e bilingüismo pasivo. No caso do bilingüismo activo, a persoa comprende e exprésase nas dúas linguas, mentres que no bilingüismo pasivo o individuo comprende as dúas linguas mais só é quen de expresarse nunha delas. O bilingüismo social prodúcese nunha sociedade na que empregan dúas linguas diferentes como medio de comunicación, polo que a maioría da súa poboación é bilingüe. O bilingüismo social non adoita ser estable, o que provoca desequilibrios e tensión e por isto se fala de diglosia e conflito lingüístico.
Plurilingüismo: situación lingüística que caracteriza as comunidades en que existen distintas linguas. Tendo en conta que existen entre 6000 e 7000 linguas no mundo e arredor de 200 estados, conclúese que a meirande parte deles son plurilingües.
Ecolingüismo: variante recente (dos anos 90) da sociolingüística que relaciona as
linguas co seu medio ambiente, co ecosistema social no que usan, e que defende a
preservación das linguas do mundo, como tamén debemos preservar os ecosistemas
todos do mundo.
9.2. Lingua.
Lingua materna ou inicial: é a primeira lingua que aprende unha persoa nos seus
primeiros anos de vida, e a que se converte no seu vehículo de comunicación e de
pensamento. Adquírea de modo espontáneo e, por regra xeral, no ámbito familiar. É
posible ter máis de unha lingua inicial.
Lingua oficial: Lingua que goza do recoñecemento legal.
Cooficialidade: estatus legal que recoñece ao galego como lingua cooficial xunto ao
castelán en Galicia.
Lingua maioritaria: é o idioma que, dentro dunha comunidade lingüística, é falado pola
meirande parte da poboación.
Lingua minorizada: é o idioma (xeralmente, autóctono) que, dentro dunha comunidade lingüística, ten menos presenza en diversos ámbitos sociais como a xustiza, o ensino, os medios de comunicación... e, xa que logo, ten menos prestixio social. Este concepto é un concepto cualitativo, relativo aos usos e funcións sociais das linguas.
Lingua minoritaria: é o idioma que, dentro dunha comunidade lingüística, é falado por un pequeno número de falantes. Este é un concepto cuantitativo (número de falantes). Non se deben confundir os conceptos “lingua minorizada” e “lingua minoritaria”. As linguas minoritarias non teñen que estar minorizadas (ex. o islandés en Islandia), e unha lingua maioritaria pode atoparse minorizada (ex. o caso do galego durante a ditadura franquista). Así mesmo, o status dunha lingua pode mudar segundo o territorio: por exemplo, o francés é a lingua dominante en Francia mais é minorizada no Quebec (provincia francófona do Canadá).
Lingua hexemónica ou dominante: é aquel idioma que, nunha sociedade plurilingüe, goza de recoñecemento oficial e de prestixio social, e que despraza á/s outra/s lingua/s coa/s que convive nas súas funcións sociais (función laboral, institucional...). Adoita ser unha lingua foránea.
9.3. Outros conceptos.
Normalización lingüística: proceso que consiste na recuperación paulatina de usos e funcións sociais dunha lingua que, sendo propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos, especialmente os máis prestixiosos. O proceso de normalización está constituído por todas as medidas e accións legais, políticas, sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos.
Iniciativas normalizadoras: calquera acción, pública ou privada, destinada a fomentar o
uso do galego.
Plan de normalización: programa que contén as medidas e accións concretas destinadas a promover o uso do galego.
Planicación lingüística: accións promovidas polas institucións públicas destinadas a solucionar os problemas que se observen nunha lingua nun territorio. A planificación lingüística afecta a que lingua/s van ser utilizadas no ensino, na Administración, e de que maneira se pode intervir na sociedade para protexer o uso dunha lingua.
Política lingüística: decisións políticas, tomadas polo goberno que ten competencias, que se refiren ao apoio institucional a un idioma para ampliar os seus falantes. En Galicia o goberno actual segue o criterio que xa implementara Fraga Iribarne e que tantos sociolingüistas criticaron como incerto: o bilingüismo harmónico.
Prestixio: valoración social e cultural que se outorga a unha lingua nunha determinada comunidade lingüística. Refírese á percepción que a xente ten sobre unha lingua en termos de estatus, respecto e consideración e reflíctese nos usos (ou non usos) que fai dela.
Prexuízos lingüísticos: xuízos de valor emitidos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes co propósito de provocar o seu rexeitamento. Os prexuízos apréndense e transmítense socialmente, a través das familias, das amizades, dos medios de comunicación, da publicidade... O obxectivo dos prexuízos lingüísticos é manter o status social privilexiado da lingua dominante sobre a minorizada e, en consecuencia, incrementar o autoodio, individual e colectivo.
Estandarización: creación dunha norma estándar que sirva como referencia para a ortografía, a gramática e o léxico. O obxectivo é establecer a forma común e aceptada de escribir e falar unha lingua, o que facilita o prestixio da lingua e promove a cohesión dunha comunidade lingüística.
Variedade estándar: é a variedade das linguas destinada ás situacións formais, común
a todos os falantes. A variedade estándar é a variedade de maior prestixio, a que se erixe
como modelo de corrección e mesmo como factor de aceptación e integración social.
Porén, cómpre subliñar que non é o único modelo correcto: a variedade correcta é aquela
que mellor se adecúa a cada situación comunicativa. Así mesmo, a estandarización dunha
lingua non é un proceso pechado, está aberta a continuos cambios e como dixeron James
e Lesley Milroy: “As únicas linguas completamente estandarizadas son as linguas mortas”.
Funcións sociais da lingua: a principal función dunha lingua é a comunicación, mais esta pode concretarse segundo as relacións sociais que establecemos. Destácanse:
> A función familiar: é a función que ten unha lingua como elemento de relación no seo da familia, que é o espazo da primeira socialización. Durante séculos, o galego foi a lingua familiar no noso territorio, pero na actualidade a familia pode actuar como elemento desgaleguizador.
> A función local: é a que realiza a lingua nos contactos diarios entre persoas do mesmo contorno (amigas, veciñas, coñecidas). Un cambio de residencia ou de espazo social pode provocar un cambio de lingua. (ex. persoa que merca nun mercado/feira sv. comprar nun centro comercial urbano).
> A función laboral: é a función que ten unha lingua como elemento de relación no mundo do traballo.
> A función institucional: a lingua cumpre esta función cando é empregada para relacionarse con institucións políticas e administrativas.
> A función cultural: é a función que realiza unha lingua cando é usada pola comunidade para comunicarse no mundo das ciencias e da arte.
> A función internacional: é a función que cumpre unha lingua cando é utilizada non só polos seus falantes orixinarios senón tamén por persoas doutros territorios que q aprenderon como segunda lingua.
> A función identitaria: a lingua canaliza o nosos pensamento, e tamén configura a
nosa identidade como individuos e como membros dunha comunidade.
Neofalantes: falantes que teñen como lingua materna e familiar unha distinta ao galego (normalmente o castelán, mais non sempre), mais que deciden falar o galego de maneira case exclusiva en todas as súas interaccións. Normalmente, as súas motivacións son afectivas ou ideolóxicas e son considerados un grupo moi activo socialmente. Dado que a lingua é aprendida, adoitan utilizar o modelo normativo, polo que cometen menos erros no léxico e na morfoloxía que os paleofalantes, pero adoitan ter peor sintaxe, fonética e prosodia.
Paleofalantes: falantes que tiveron como lingua materna e familiar o galego, que o
aprenderon e o usaron desde a infancia. Son o contrario aos neofalantes, aínda que
ambos os grupos se complementan moi ben: os paleofalantes achegan a súa firme
determinación e a superación de todo tipo de prexuízos e os paleofalantes achegan o seu
dominio da lingua nos aspectos sintácticos, fonéticos e prosódicos.