5. O proceso de construción da variedade estándar (perspectiva histórica).

Sobre este tema tedes informción no PDF que vos dera na clase, pero aquí vouvos poñer un resumo do tema que encontrei en ogalego.gal que creo que está moi completo e breve. En realidade hai dúas versións, unha máis curta (sobre 300 palabras) e outra un pouco máis extensa, de 700. Inclúo as dúas, cadaquén que escolla a que prefira. Inclúe tamén ao final algún comentario sobre desviacións da norma e interferencias lingüísticas, que son dous conceptos que poden ir ben para completar este tema, se vos cae. 

Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

(Versión curta)

A existencia dunha variedade estándar -usada nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear a dispersión dunha lingua. O galego tardou en contar cunha variedade estándar: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario (normativización lingüística).
A nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindible para a súa normalización social- ata o século XIX, co Rexurdimento. Neste longo proceso hai catro etapas:
a) Ata fins do século XIX.  Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Ata 1936. Os autores inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán.
c) Ata comezos de 1980. Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e aposta pola ortografía inspirada no castelán.
d)  Ata hoxe. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade. Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta.

Ten unha longa tradición o reintegracionismo partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.

Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil; son os castelanismos no galego: a maioría son de tipo léxico.

(Versión longa)

Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do século XIX: Rosalía, Curros...). Non existe realmente unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Galego enxebrizante (ata 1936: Irmandades da Fala...). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal, non o dunha zona concreta.
- Eliminación de castelanismos, moi abundantes na fala
- O portugués é de algunha maneira o seu modelo de lingua culta na escrita.
c) Galego protoestándar (ata fins dos anos 1970: autores de Galaxia). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e pola ortografía inspirada no castelán.
d) Galego estándar (ata a actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade
A oficialización dunha norma culta e estándar provocou en moitos falantes ao principio un certo rexeitamento ao consideraren a lingua da TVG, da Radio Galega e de outros medios como unha especie de "galego inventado, de laboratorio" co que non se sentían identificados. Mais toda lingua moderna ha de ter a súa norma culta que se usa nos rexistros máis formais, como o galego non a tiña polo seu uso unicamente oral foi necesario creala.
Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta: correctores de lingua e dicionarios para procesadores de texto, navegadores, sistemas operativos (Android, Windows, Linux); tradutores automáticos, webs especializadas; cursos en liña; etc.
Ten unha longa tradición o reintegracionismo ou lusismo (AGLPAGAL)partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil, no noso caso é o castelán o que actúa sobre o galego. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:

  • No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
  • No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos.
  • No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
  • No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)

Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).

O autor, Xosé Manuel Calvo, dá alguns consellos para esta pregunta, que aínda que están pensados para o modelo anterior, poden ser de utilidade. Recollo aquí algúns:

"O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver". 

"Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos". 

"Esta cuestión non debería levarche máis de 20 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións"

"Debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía".

E outra indicación da comisión:

Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.

Ás veces, menos é máis. Orde nas ideas, boa progresión temática, e sen  divagar. E o de sempre: parágrafos, conectores e oracións breves e claras.