Temas Sociolingüística PAU
9. Terminoloxía sociolingüística.
9.3. Outros conceptos.
Normalización lingüística: proceso que consiste na recuperación paulatina de usos e funcións sociais dunha lingua que, sendo propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos, especialmente os máis prestixiosos. O proceso de normalización está constituído por todas as medidas e accións legais, políticas, sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos.
Iniciativas normalizadoras: calquera acción, pública ou privada, destinada a fomentar o
uso do galego.
Plan de normalización: programa que contén as medidas e accións concretas destinadas a promover o uso do galego.
Planicación lingüística: accións promovidas polas institucións públicas destinadas a solucionar os problemas que se observen nunha lingua nun territorio. A planificación lingüística afecta a que lingua/s van ser utilizadas no ensino, na Administración, e de que maneira se pode intervir na sociedade para protexer o uso dunha lingua.
Política lingüística: decisións políticas, tomadas polo goberno que ten competencias, que se refiren ao apoio institucional a un idioma para ampliar os seus falantes. En Galicia o goberno actual segue o criterio que xa implementara Fraga Iribarne e que tantos sociolingüistas criticaron como incerto: o bilingüismo harmónico.
Prestixio: valoración social e cultural que se outorga a unha lingua nunha determinada comunidade lingüística. Refírese á percepción que a xente ten sobre unha lingua en termos de estatus, respecto e consideración e reflíctese nos usos (ou non usos) que fai dela.
Prexuízos lingüísticos: xuízos de valor emitidos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes co propósito de provocar o seu rexeitamento. Os prexuízos apréndense e transmítense socialmente, a través das familias, das amizades, dos medios de comunicación, da publicidade... O obxectivo dos prexuízos lingüísticos é manter o status social privilexiado da lingua dominante sobre a minorizada e, en consecuencia, incrementar o autoodio, individual e colectivo.
Estandarización: creación dunha norma estándar que sirva como referencia para a ortografía, a gramática e o léxico. O obxectivo é establecer a forma común e aceptada de escribir e falar unha lingua, o que facilita o prestixio da lingua e promove a cohesión dunha comunidade lingüística.
Variedade estándar: é a variedade das linguas destinada ás situacións formais, común
a todos os falantes. A variedade estándar é a variedade de maior prestixio, a que se erixe
como modelo de corrección e mesmo como factor de aceptación e integración social.
Porén, cómpre subliñar que non é o único modelo correcto: a variedade correcta é aquela
que mellor se adecúa a cada situación comunicativa. Así mesmo, a estandarización dunha
lingua non é un proceso pechado, está aberta a continuos cambios e como dixeron James
e Lesley Milroy: “As únicas linguas completamente estandarizadas son as linguas mortas”.
Funcións sociais da lingua: a principal función dunha lingua é a comunicación, mais esta pode concretarse segundo as relacións sociais que establecemos. Destácanse:
> A función familiar: é a función que ten unha lingua como elemento de relación no seo da familia, que é o espazo da primeira socialización. Durante séculos, o galego foi a lingua familiar no noso territorio, pero na actualidade a familia pode actuar como elemento desgaleguizador.
> A función local: é a que realiza a lingua nos contactos diarios entre persoas do mesmo contorno (amigas, veciñas, coñecidas). Un cambio de residencia ou de espazo social pode provocar un cambio de lingua. (ex. persoa que merca nun mercado/feira sv. comprar nun centro comercial urbano).
> A función laboral: é a función que ten unha lingua como elemento de relación no mundo do traballo.
> A función institucional: a lingua cumpre esta función cando é empregada para relacionarse con institucións políticas e administrativas.
> A función cultural: é a función que realiza unha lingua cando é usada pola comunidade para comunicarse no mundo das ciencias e da arte.
> A función internacional: é a función que cumpre unha lingua cando é utilizada non só polos seus falantes orixinarios senón tamén por persoas doutros territorios que q aprenderon como segunda lingua.
> A función identitaria: a lingua canaliza o nosos pensamento, e tamén configura a
nosa identidade como individuos e como membros dunha comunidade.
Neofalantes: falantes que teñen como lingua materna e familiar unha distinta ao galego (normalmente o castelán, mais non sempre), mais que deciden falar o galego de maneira case exclusiva en todas as súas interaccións. Normalmente, as súas motivacións son afectivas ou ideolóxicas e son considerados un grupo moi activo socialmente. Dado que a lingua é aprendida, adoitan utilizar o modelo normativo, polo que cometen menos erros no léxico e na morfoloxía que os paleofalantes, pero adoitan ter peor sintaxe, fonética e prosodia.
Paleofalantes: falantes que tiveron como lingua materna e familiar o galego, que o
aprenderon e o usaron desde a infancia. Son o contrario aos neofalantes, aínda que
ambos os grupos se complementan moi ben: os paleofalantes achegan a súa firme
determinación e a superación de todo tipo de prexuízos e os paleofalantes achegan o seu
dominio da lingua nos aspectos sintácticos, fonéticos e prosódicos.