9. Terminoloxía sociolingüística.

9.2. Lingua.

Lingua materna ou inicial: é a primeira lingua que aprende unha persoa nos seus primeiros anos de vida, e a que se converte no seu vehículo de comunicación e de pensamento. Adquírea de modo espontáneo e, por regra xeral, no ámbito familiar. É posible ter máis de unha lingua inicial.

Lingua oficial: Lingua que goza do recoñecemento legal.

Cooficialidade: estatus legal que recoñece ao galego como lingua cooficial xunto ao castelán en Galicia.

Lingua maioritaria: é o idioma que, dentro dunha comunidade lingüística, é falado pola meirande parte da poboación.

Lingua minorizada: é o idioma (xeralmente, autóctono) que, dentro dunha comunidade lingüística, ten menos presenza en diversos ámbitos sociais como a xustiza, o ensino, os medios de comunicación... e, xa que logo, ten menos prestixio social. Este concepto é un concepto cualitativo, relativo aos usos e funcións sociais das linguas. 

Lingua minoritaria: é o idioma que, dentro dunha comunidade lingüística, é falado por un pequeno número de falantes. Este é un concepto cuantitativo (número de falantes). Non se deben confundir os conceptos “lingua minorizada” e “lingua minoritaria”. As linguas minoritarias non teñen que estar minorizadas (ex. o islandés en Islandia), e unha lingua maioritaria pode atoparse minorizada (ex. o caso do galego durante a ditadura franquista). Así mesmo, o status dunha lingua pode mudar segundo o territorio: por exemplo, o francés é a lingua dominante en Francia mais é minorizada no Quebec (provincia francófona do Canadá). 

Lingua hexemónica ou dominante: é aquel idioma que, nunha sociedade plurilingüe, goza de recoñecemento oficial e de prestixio social, e que despraza á/s outra/s lingua/s coa/s que convive nas súas funcións sociais (función laboral, institucional...). Adoita ser unha lingua foránea.