Temas Sociolingüística PAU
9. Terminoloxía sociolingüística.
9.1. Diglosia, bilingüismo, ...
Diglosia (que provén do grego δίγλωσσος, "de dúas linguas") é a distribución dunha ou máis variedades lingüísticas que, dentro dunha comunidade (linguas en contacto), por mor dunha desigual repartición de usos, cumpren unhas funcións distintas e empréganse en situacións e contextos diferentes.
O concepto desenvolveuno Charles Nine Ferguson no artigo Diglossia publicado na revista Word en 1959 para caracterizar dúas variedades dunha mesma lingua, na que unha, codificada, se emprega só nos ámbitos elevados e a outra, sen codificación, só nos ámbitos privados nunha situación estable no tempo. Posteriormente o concepto evolucionou para cubrir situacións que implican dúas linguas e que poden mudar no tempo:
Tras reparar en que, a miúdo, os falantes dan en empregar unhas variedades lingüísticas ou outras segundo a situación en que se achen, Ferguson denominou diglosia á relación lingüística, ás veces conflitiva, que se establece entre esas variedades.
Fishman fai unha definición máis ampla nun estudo posterior, observa que a diglosia non equivale a bilingüismo e expresa que o termo pode referir as sociedades multilingües, aquelas que empregan unha lingua vernácula e outra clásica e mesmo a calquera sociedade na cal se empreguen dialectos ou variedades funcionalmente diferentes.
É dicir, que se inicialmente este concepto refería a relación de dúas variedades dunha mesma lingua coa súa comunidade de falantes, no caso do galego e, en moitos outros, estamos a falar de comunidades de falantes que empregan dúas linguas con diferentes funcionalidades ou empregadas en diferentes ámbitos de uso.
A diglosia, entón, pode ser de dous tipos:
Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua (en Marrocos o árabe clásico é a lingua oficial, mentres que o árabe magrebí se reserva para usos coloquiais).
Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes (galego e castelán en Galicia).
A realidade galega
Os estudos sobre a realidade lingüística galega coinciden en sinalar que a situación presente en Galicia é de diglosia sen bilingüismo de xeito que os ámbitos sociais de uso para cada unha das linguas son diferentes, pois emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social (aínda que nalgúns ámbitos comparte usos co castelán, como nos referentes á administración autonómica), deixando o castelán para representar os usos formais (o mundo da xustiza, empresarial e medios de comunicación teñen unha presenza do castelán maioritaria e estábel), aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio. Ademais tamén son diferentes os espazos xeográficos ó empregarse o galego no rural e nos alfoces das cidades, e o castelán nos núcleos das zonas urbanas. Por último, os interlocutores varían segundo o contexto requira un rexistro máis coloquial ou elevado entre unha lingua ou outra.
Interferencias lingüísticas: introdución nunha lingua de elementos ortográficos, fonéticos, morfolóxicos, sintácticos e léxicos procedentes doutra coexistente con ela. Afectan ao idioma socialmente máis débil, no noso caso, o galego. As interferencias máis frecuentes na nosa lingua son os castelanismos. As causas destas interferencias son varias, mais as principais son:
- A situación de contacto e de conflito lingüístico entre o galego e o castelán.
- A semellanza estrutural entre as dúas linguas.
Conflito lingüístico: é a situación de tensión que se produce entre dúas linguas (habitualmente, unha lingua dominante e outra minorizada) que conviven nun mesmo territorio e que compiten polos ámbitos de uso. Para resolver un conflito lingüístico, hai dúas saídas:
→ a substitución lingüística: a lingua minorizada é desprazada pola lingua dominante. Prodúcese en tres fases: -Implantación dunha lingua foránea nun territorio con lingua propia -Período diglósico -Abandono da lingua propia e asimilación da lingua de fóra
→ a normalización lingüística: a lingua minorizada recupera o prestixio social e o seu uso en todos os ámbitos sociais.
Bilingüismo harmónico: orientación da política lingüística que sostén que non hai conflito lingüístico entre o galego e o castelán nos falantes de Galicia, polo que se considera que non hai que exercer ningunha presión para tomar medidas para protexer o idioma propio.
Bilingüismo (individual ou social): o bilingüismo individual é a capacidade que ten unha persoa para empregar dúas linguas. Frecuentemente, o uso dunha das linguas predomina sobre a outra. Adoita distinguirse entre bilingüismo activo e bilingüismo pasivo. No caso do bilingüismo activo, a persoa comprende e exprésase nas dúas linguas, mentres que no bilingüismo pasivo o individuo comprende as dúas linguas mais só é quen de expresarse nunha delas. O bilingüismo social prodúcese nunha sociedade na que empregan dúas linguas diferentes como medio de comunicación, polo que a maioría da súa poboación é bilingüe. O bilingüismo social non adoita ser estable, o que provoca desequilibrios e tensión e por isto se fala de diglosia e conflito lingüístico.
Plurilingüismo: situación lingüística que caracteriza as comunidades en que existen distintas linguas. Tendo en conta que existen entre 6000 e 7000 linguas no mundo e arredor de 200 estados, conclúese que a meirande parte deles son plurilingües.
Ecolingüismo: variante recente (dos anos 90) da sociolingüística que relaciona as
linguas co seu medio ambiente, co ecosistema social no que usan, e que defende a
preservación das linguas do mundo, como tamén debemos preservar os ecosistemas
todos do mundo.