1. Indicacións CIUGA

1.1. Tipos de textos

Sobre os tipos de textos que nos podemos encontrar ou que teremos que elaborar.


Hai unha morea de tipos de textos falados e escritos: texto falado espontáneo, conferencia, homilía, conversa familiar, discusión científica, discusión espontánea, carta familiar, carta oficial, receita de cociña. Ademais dos textos escritos nas redes: email, entradas nas redes sociais etc.

Se temos que analizar un texto das PAU podemos atopar un texto científico, divulgativo, informativo, descritivo, expositivo, argumentativo, lírico, dramático, narrativo... E mesmo textos que se poden encadrar en dous ou máis apartados, como un texto expositivo-argumentativo.

Tipoloxía textual para analizar:

-Texto descritivo: pretende proporcionar información sobre o que unha persoa, obxecto ou fenómeno é, foi ou será (descrición obxectiva), ás veces con impresións ou opinións persoais (descrición subxectiva). É como unha imaxe feita con palabras. Pode ser a descrición do tempo, de lugares e paisaxes, dunha persoa (física ou moral) etc.

-Texto narrativo: representa unha sucesión de accións no tempo. Neste tempo dáse un cambio ou transformación desde unha situación de saída a un novo estado final.

-Texto expositivo: preséntanse de xeito neutral e obxectivo determinados feitos ou realidades. Non se intenta convencer, como no texto argumentativo, só informar e ensinar. Poden ser divulgativos (dirixidos a un público amplo e xeral) ou especializados (dirixidos a un público concreto e específico).

-Texto argumentativo: preséntanse razóns a favor ou en contra dunha determinada posición ou tese co obxectivo de convencer o lector mediante diferentes argumentos. Poden ter estrutura "causa-consecuencia" (analizan as causas dun feito ou as consecuencias que se derivan del) ou "problema-solución" (achéganse solucións a feitos ou situacións adversas en ensaios, artigos de opinión...).