4. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.

A lingua estándar

Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento. Mais hoxe xa contamos cun estándar consolidado que é indispensabél para o seu uso nos medios de comunicacion, no ensino, na Internet. O noso estándar agora está gobernado pola Real Academia Galega, a máxima autoridade sobre a lingua.

Tamén hai un importante movemento lusista: a variedade estándar do galego debe ser o portugués ou moi achegada a el porque nos permite entendernos cos moitos millóns de persoas da lusofonía (falantes de portugués). A súa institución máis importante é a Academia Galega da Língua Portuguesa.

Para que a lingua goce dunha normalización plena (uso normal en todos os aspectos e situacións) cómpre que dispoña dunha variante estándar consolidada, apoiada en gramáticas, dicionarios e métodos de aprendizaxe. Na actualidade as ferramentas informáticas serven de grande apoio grazas aos dicionarios e correctores ortográficos (tamén en liña e de balde).

Os sociolectos

Un sociolecto é unha variedade lingüística empregada por persoas do mesmo grupo social. Difire doutras formas de fala porque reflicte factores como a clase social, o nivel educativo, a idade, a profesión ou mesmo as actividades culturais daqueles que a empregan. O vocabulario, a pronuncia ou a fraseoloxía poden cambiar segundo o grupo social ao que pertencemos.

En galego teñen tradición algunhas xergas ou argots, linguaxes faladas propias de determinados oficios tradicionais. Normalmente teñen un carácter esotérico (só son coñecidas polos membros do oficio), utilízanse para se diferenciar e afirmar como grupo así como para evitar ser comprendido polos demais. Aprendíase o oficio o mesmo que se aprendía a xerga. Exemplos:
-O barallete: fala dos afiadores e paraugueiros.
-O verbo dos arxinas: fala dos canteiros.
-O latín dos chafoutas: fala dos albaneis.

Niveis de lingua (ou variedades diastráticas).

Os niveis de lingua son as formas diferentes de falar unha lingua dependendo das circunstancias sociais dos seus falantes: profesión, residencia e formación cultural.

Distínguense tres niveis de lingua:

  • Nivel culto:  é a fala propia das persoas que teñen unha elevada formación cultural.
    Caracterízase polo emprego dun galego coidado tanto no aspecto escrito coma no oral, o que implica unha ortografía e unha dicción correctas. Ademais, non se cometen erros sintácticos nin castelanismos e úsanse frecuentemente palabras cunha significación moi precisa.

  • Nivel medio: correspóndese coa modalidade empregada nos medios de comunicación, na administración, no ensino...
    Igual ca no caso anterior, caracterízase pola corrección no uso do idioma tanto a nivel escrito como oral,  se ben nas escollas léxicas non hai tanta abundancia de cultismos e as estruturas sintácticas adoitan ser máis sinxelas.

  • Nivel popular:  é o propio das persoas que carecen de formación académica e que empregan a lingua que aprenderon a falar de pequenos pero que non reforzaron na escola. Recoñécese pola convivencia de moitos castelanismos léxicos e ao mesmo tempo polo gran coñecemento de termos referidos á vida cotiá. Non presentan incorreccións dende o punto de vista morfolóxico pero si abundantes vulgarismos fonéticos, así como unha pronuncia ás veces con ton elevado e unha escrita con moitas faltas de ortografía.

Rexistros de lingua (ou variedades diafásicas)

Os rexistros lingüísticos son os distintos xeitos de usar a lingua por parte dos e das falantes. Teñen que ver coa situación concreta de comunicación, tendo en conta ás persoas a quen vai dirixida e o contexto no que nos encontramos. Por exemplo, un médico non fala o mesmo dunha doenza cando está coa familia que cando está nunha reunión de traballo, o mesmo lle pode pasar a un informático ou un enxeñeiro de telecomunicacións. Un alumno de 2.º Bach. non fala igual cando está cos compañeiros agardando a entrar na aula ou cando está na titoría cun profesor ou profesora. 

Podemos falar de: 

Rexistro formal: caractereizado por unha pronuncia máis coidada e propia da variedade estándar, un vocabulario preciso e variado, polo emprego de termos técnicos. É a variedade que debemos utilizar nun exame, nun traballo, nos medios de comunicación, en fin en actos de lingu mís formais.

Rexistro informal: caracterizado por unha pronuncia máis espontánea, por exemplo con supresión de fonemas: en lugar de "para" úsase pa; en lugar de imos para adiante > imos pa diante; un léxico menos variado, uso frecuente de frases feitas, de palabras "comodín", é dicir, que adquiren diversos significados segundo o casocousa, chisme, aquelar..., dialectalismos, coloquialismos... 

Variedades cronolóxicas.

Dependen exclusivamente do factor tempo, así o galego medieval fronte ao actual, por exemplo.