Temas Sociolingüística PAU
3. As variedades dialectais do galego.
Hai localismos léxicos, palabras propias dunha zona que non se usan noutras pero que son admitidas na lingua estándar: golpe (raposo). E hai variantes dialectais, dialectalismos, que non son recollidas na lingua normativa. O dicionario da RAG define dialectalismo como "Vocábulo, construción sintáctica etc., propia dun dialecto, que se arreda do código considerado estándar".
Malia ser o galego unha lingua sen case variante culta durante moitos séculos, mantívose unha grande unidade en todo o territorio sen que en ningún momento os falantes teñan conciencia de falaren linguas diferentes. A baixa consideración dos galegos pola súa lingua levou a que ninguén considerase a súa como o mellor galego, sempre se pensaba que o mellor galego era o doutros lugares (de Lugo, da montaña, das rías...). O mesmo pasaba coas características dialectais, o seseo e a gheada tiñan pouca consideración social e eran corrixidos nas escolas cando se "escapaba" algunha palabra en galego.
Mais todas as variantes locais do galego son unha riqueza que debemos conservar, a variabilidade é unha fonte de riqueza do diasistema. Aínda que non se recollan na escrita ou na variedade culta hai que recuperalas e mantelas na lingua falada. Cadaquén debe falar de acordo coas características da súa zona e estar fachendoso delas, mesmo se poden recoller na creación literaria, como fan as poetas María Lado ou Lucía Aldao.
As variedades dialectais son tamén un reflexo dos trazos socioculturais e identitarios do territorio no que se falan e teñen moita importancia na conformación da lingua estándar.
Se nos fixamos nos trazos que citamos máis abaixo vemos que a lingua estándar reflicte os plurais das palabras rematadas en -l (animais) do bloque oriental, o non seseo nin gheada do bloque central, o sufixo -án/áns do bloque occidental. A lingua estándar "bebe" das variantes dialectais.
Son dialectalismos fonéticos:
- O seseo: sapato, lus, por zapato, luz
- A gheada ghato, reghalo, por gato, regalo
- O ditongo -ui- por -oi-: truita, muito, por troita, moito
- As formas en cua ou gua: cuando, guardar por cando, gardar
Son dialectalismos morfosintácticos:
- Os plurais de formas con –ns na lingua estándar: cas-caes/cais ou ladrós - ladrois para cans, ladróns- As formas en -ao, -án (-án, -á): o irmao / irmau, a irmán, fronte ao normativo o irmán - a irmá
- Os demostrativos: iste, ise, aquil, eso, fronte a este, ese, aquel, iso
- As terminacións verbais: andais, andandes, andás, por andades; colliu por colleu, sigueu por seguiu
Malia a grande unidade do galego falado acostuman diferenciarse tres grandes bloques dialectais baseándose nunhas poucas isoglosas (liñas que marcan unha forma diferente de dicir algo no territorio). Dentro dos bloques poden sinalarse tamén áreas máis pequenas.
1.-Bloque oriental:
- Plural -is (ns): cais (cans), pantalois (pantalóns), ladrois (ladróns)- Sufixo -in (-iño): camín (camiño), paxarín (paxariño) , vecín (veciño)
- Grupo -ua-: cuatro (catro), cuando (cando), guardar (gardar)
- Baxo (baixo), caxa (caixa)
Exemplos: gústanme esas canciois // O gato é moi bonitín // O meu vecín ten cuatro cais // Mira aí, ta guardado na caxa
Áreas do bloque oriental:
- Asturiana: artigo el/l´, avolo (avó), mulin (muíño) Ex. l´avolo ta n´el mulín- Ancaresa: vogais nasais
- Zamorana: collí (collín), partí (partín)
2. Bloque central:
- Non seseo: luz, dez, empezar, dicir- Sufixo -ao: mao, irmao, chao (man, irmán, chan)
- Plural -s (ns): cas (cans), leós (leóns), ladrós (ladróns), calcetís (calcetíns)
- Algunha gheada
Exemplos: a meu irmao caeulle a tixola ao chao // Vin pasar por alí unhos camiós negros // Mercou dous cas de palleiro
Áreas do bloque central:
- Mindoniense: cimo (grelo), golpe (raposo)- Lucu-auriense: come (cume), bibe (bebe), il (el)
3. Bloque occidental:
- Gheada: logho (logo), amigha (amiga), Lugho (Lugo)- Seseo total: disir (dicir), cosiña (cociña), des (dez) ou seseo só final de sílaba: lus (luz) mais facer
- Sufixo -an: man, irmán, castelán, chan
- Plural n: uns, algúns, leóns, calcetíns
Exemplos: asende a lus da cosiña // Os tighres non son curmáns dos leóns // Ese xa caeu des veces ao chan
Áreas do bloque occidental:
- Fisterrá: cheísmo (só che pronome, non te), muito (moito), nuite (noite), colliu (colleu)
- Bergantiñá: colliu (colleu), non cheísmo
- Baixo Miño (teísmo, só te, non che)
Mapas exemplos de isoglosas na lingua galega

A existencia de variedades dialectais no Galego é moi importante desde o punto de vista sociolingüístico, cultural e mesmo político. Non son “desviacións” dunha lingua estándar, senón expresións naturais dunha lingua viva e histórica. Pódense destacar varios argumentos:
-
As variedades dialectais conservan a riqueza histórica e cultural da lingua
Cada zona de Galicia mantén trazos propios de pronuncia, vocabulario ou gramática que reflicten a súa historia e a súa relación co territorio. Palabras, expresións ou sons característicos do occidente, do interior ou do oriente galego forman parte do patrimonio inmaterial da comunidade. Sen dialectos, a lingua perdería diversidade e memoria colectiva. -
Reforzan a identificación e o sentimento de pertenza
Moitas persoas recoñécense na maneira de falar da súa comarca ou da súa vila. Esa variedade próxima crea vínculos afectivos coa lingua e favorece a súa transmisión familiar e social. Nun contexto no que o galego sufriu procesos de substitución polo castelán, os falares locais poden actuar como elemento de orgullo e identidade. -
Demostran que o galego é unha lingua viva e dinámica
Todas as linguas con vitalidade presentan variación interna. A existencia de dialectos indica que o galego se adapta aos contextos sociais e territoriais, igual que ocorre co Castelán, o portugués ou o inglés. A estandarización é útil para a escola, os medios ou a administración, pero non debería eliminar a diversidade natural dos falares.
En conclusión, as variedades dialectais do galego non debilitan a lingua: ao contrario, enriquecéna, conectána coa historia e favorecen a identificación social coa comunidade lingüística.