A ira de Dios, en labarada ardente,
cinguiu do Vaticano a cima escura
i endómeta, estralante, xorda, dura,
prendeu do falso Cristo na aspra frente.
Queimado o altar, sin solio en que se asente,
rodou por terra o ídolo da altura,
i a boca abrindo desdentada e impura,
«Valeime aquí!», berroulle á turba crente.
Romeiros acudí... Sinistro e fosco,
o incendio crece que a razón atiza;
cai o papado, a Fe cheira a chamosco!
Acudí pelegrinos!..., que na liza
que contra a Libertá abriu convosco,
a besta apocalíutica... aguniza.
Xa nas primeiras palabras faise referencia á ira de Deus, a Deus enfadado, algo que se ve reflexado en todo o poema. A súa ira débese a que o papado e o clero terxiversan a súa palabra, a palabra de Deus.
A segunda estrofa representa como claramente queima o altar, un dos símbolos máis importantes da Igrexa. Na terceira estrofa fai referencia á caída do papado, manifestando que “a fe cheira a chamosco!”.
Na última estrofa do poema conclúe facendo referencia á derrota que sufrirá a institución no combate que o clero abriu en contra da liberdade, facendo un chamamento dos pelegrinos.
Este poema representa a un Deus enfadado, que queima o Vaticano para manifestar a ira que esa inxustiza lle produce. Está enfadado porque pensa que se están aproveitando diso para o seu beneficio en lugar de transmitir a mensaxe real de Deus. É dicir, o papado e o clero non cumpren coa función que teñen de compartir a palabra de Deus, pois exercían un gran poder dun xeito que Curros non consideraba correcto. Como consecuencia dese enfado, queima o Vaticano, que é o símbolo mais representativo dos/as cristiás/áns na Terra.
Este poema é un claro exemplo dun dos temas máis recurrentes de Curros en moitas das súas obras, o anticlericalismo, a crítica ao clericalismo. Reflexa o enfado que ten que ter Deus como consecuencia do mal que para el estaba facendo o clero.
A súa crítica non se centra na relixión en si mesma nin nos cristiás, senón no propio clero e no papado, que se estaban a beneficiar da posición de Deus mandando unha mensaxe equivocada.
