I
Velaí ven, velaí ven avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.
O 'eu poético' no poema é o mesmo autor, que utiliza a primeira persoa para describir a escena que presencia. Penso que o tema é a chegada da primeira locomotora a Ourense e o impacto que causou na sociedade e na vida cotiá da cidade, véndose reflectido na expresión de sensacións de asombro e fascinación na xente da época (pódese ver nos versos 3-4 onde a voz poética chama entusiasmada á xente do lugar para que vexan aquilo que é tan impresionante, ademais nos versos 5 e 6 tamén reflexa co uso de metáforas que aquilo é tan bo que, por onde pasa, a terra fecúndase).
En canto ás características da linguaxe do autor, pódese apreciar a utilización dunha linguaxe poética moi elaborada e rica en metáforas e descricións detalladas. O poema está escrito en versos libres, dando maior liberdade ao autor para expresar a súa visión. Ademais, tamén aparecen castelanismos como o uso de signos de exclamación ao principio dunha frase exclamativa (v. 3-4 por exemplo), o uso de 'i' en lugar de 'e' (v. 16) ou tamén o uso de popularismos propios da lingua oral do pobo como por exemplo "frolecen" (v.8), ou "surrisas" en lugar de sorrisos (v. 23); dialectalismos como "bon" (v.29), entre outros...
Unha característica a destacar é que, nos versos 11 e 12, recorre ao denominado “simbolismo inverso” propio do seu estilo, onde atribúe valores espiritualmente elevados a elementos cotiáns, como pon no poema “que parece unha Nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro”, onde compara a chegada da locomotora coa a da Virxe María.
Entón, como conclusión, penso que Curros busca retratar a realidade social e cultural de Ourense ou mesmo de toda Galicia, os seus costumes e as experiencias das persoas da nosa terra.