lemos a Rosalía (+0'25)

Xan (Follas novas, 1880)

Xan (Follas novas, 1880)

por Usuario eliminado -
Número de respostas: 1
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo…
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.
Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
— Por Dios non barulles moito…
que me estou mesmo morrendo.
— ¿Pois que tes, ña mulleriña?
— ¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio…
— Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.
De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n’ hai máis que un anxo antre os demos;
n’ hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

Neste poema Rosalía conta a historia dun home chamado Xan, o cal é moi completo e fai un lote de traballo fóra da casa, coma se indica ao comezo do poema. Tamén fala de que é un home que moitas mulleres buscan pero en cambio atopan o contrario ou un "Pedro" coma lle chama no poema. Xan ten unha muller chamada Pepa, a cal tamén fai un lote de traballos pero na casa. Cando este chega á casa atopa a Pepa e pregúntalle que lle pasa e esta respóndelle que deite os nenos.

Eu penso que Rosalía neste poema quere denunciar a posición da muller na época e as inxustizas que estas tiñan que vivir, xa que mentras o home traballaba, ela tiña que estar sempre pendente dos traballos da casa e dos nenos, ata que chega o punto que esta se cansa coma Rosalía mostra no poema. 

En resposta a Usuario eliminado

Re: Xan (Follas novas, 1880)

por Usuario eliminado -
En efecto, poema social de Rosalía no que contrastan os duros e múltiples traballos do home da casa (parágrafo 1) con respecto aos máis tranquilos e ociosos da muller da casa (parágrafo 2). O clímax do poema está no último parágrafo, no que a autora expón que non sempre sucede así ("non hai máis que un anxo entre os demos" ou "non hai máis que un atormentado entre mil que dan tormentos"), como querendo dicir que na maioría de familias (da sociedade, vaia) seguía primando un reparto sexista do traballo e dos coidados. Rosalía, feminista desde o XIX!! :)