¡Que triste está a aldea,
que triste e que sola!
¡A terra sin frutos, a feira sin xente,
sin brazos o campo,
sin nenos a escola,
sin sol o hourizonte, sin fror a semente!
A pedra i as nubes
a sembra arrasando,
agoiran un ano de fame sombría;
sin pan os labregos,
nin herba pró gando,
¿que vai a ser deles na crúa invernía?
Manadas famentas
de lobos montesos
baixaron das chouzas na noite calada,
e postos en ringla,
cos ollos acesos,
acenan dos probes prá porta pechada...
Mociños honrados
de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos,
librádeos da morte,
¡facei montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!
Este poema pertenece ao poemario Aires da miña terra de Curros (1880). Todo o poema é unha metáfora do que sofren os labregos por culpa dos opresores.
Na primeira estrofa fálanos dunha aldea desolada que está na miseria. Aquí pódese entender como unha masiva emigración do rural á cidade (causada polos abusos, dos cales xa está canso o pobo) xa que di que non hai nenos (“sin nenos a escola”) nin xente (“a feira sin xente”). Ou tamén se lle pode dar a interpretación de que a pobreza da poboación provoca que xa non teñan folgos nin ánimos para facer nada, ir á escola ou á feira. A situación é tan mala que non ven melloras próximas (“sin sol o hourizonte”).
Na segunda estrofa fai unha pregunta retórica (“¿que vai a ser deles na crúa invernía?”) para así fortalecer a visión da fatal situación para os labregos e os animais. "A pedra i as nubes" pode ser parte da metáfora "lobos de terra e ceo", explicada posteriormente. Volve a repetir a idea de que os opresores deixan na fame á aldea, xa que levan todo para eles.
Na terceira estrofa os lobos (opresores) están agradando para cometer inxustizas contra os pobres (“lobos montesos baixaron das chouzas na noite calada”).
Na última estrofa fai un chamamento á mocidade (“Mociños honrados de sangue bravía”), para que defendan ao pobo (“librádeos da morte”) e dille que fagan montería (persecución a alguén por parte de moitos) contra os lobos da terra e os lobos dos ceos. Estes lobos de terra son unha metáfora referida a distintas clases altas (caciques, ricos e outras institucións que mandaban nos pobres) e os lobos dos ceos é unha metáfora referida a Deus e institucións da igrexa.
Como é moi común nos poemas de Curros, é de temática de denuncia social, xa que quere criticar a situación dos labregos galegos, as inxustizas que estes reciben por parte dos caciques, curas, ricos en xeral… Polo tanto tamén é anticlerical e anticaciquil.
En canto á lingua de Curros, hai castelanismos (sola, i, sin..) coloquialismos (mociños) e popularismos (fror, hourizonte…).