tempo

PALABRAS E EXPRESIÓNS PROCEDENTES DO CÓMPUTO DO TEMPO GRECORROMANO

“SESTA”

GALEGO: “botar unha sesta”.

SIGNIFICADO ACTUAL: botarse a descansar a primeira hora da tarde ou despois da comida do mediodía, algo moi frecuente nos países cálidos.

ORIXE: o tempo diario romano dividíase en doce horas de luz e doce horas de escuridade, pero non todas tiñan a mesma duración. A referencia sempre era a saída do sol, polo que a duración destes períodos era máis longa en verano ca en inverno. As horas expresábanse en números ordinais: hora prima, secunda, tertia... A hora prima era a do amencer e así a hora sexta sempre coincidía co mediodía. A hora sexta era a que empregaba o romano para descansar e desta expresión procede a nosa palabra sesta.

 

 

A hamaca. Gustave Courbet (1844).

 "BISESTO"

GALEGO: “ano bisesto”.

SIGNIFICADO ACTUAL: ano que ten un día adicional, de maneira que conta con 366 días. A finalidade é manter o calendario anual sincronizado co ano astronómico ou estacional.

ORIXE: bisesto é un adxectivo que deriva do latín bis sextus dies ante kalendas martii “dúas veces día sexto antes do día 1 de marzo”, que facía referencia ao feito de engadir un día máis entre o 23 e o 24 de febreiro no calendario de Xulio César. No calendario actual, que coñecemos como gregoriano, calendario feito por Gregorio XIII, este día extra intercalado é o día 29 de febreiro e intercálase cada catro anos.

 

"FEIRA”

GALEGO: “feira”.

SIGNIFICADO ACTUAL: unha exposición ou mercado feito nun tempo e nun lugar determinado para mercar e vender artigos e produtos, normalmente acompañado de varios entretementos.

ORIXE: este termo ten a súa orixe na expresión latina feriae, dies ferialis, nome usado na antiga Roma para referirse ao tempo libre para visitar templos e facer sacrificios aos deuses. Así mesmo, a palabra foi usada para os festivais públicos e para as celebracións privadas, como os cumpreanos.

 

“VIXILIA”

GALEGO: “vixilia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: esta palabra usámola para referirnos a un período de atenta vixilancia ou insomnio mantido por algunha razón durante o tempo normal de sono.

ORIXE: en tempos dos romanos, a noite dividíase en catro partes iguais, chamadas vixilias: vigilia prima, secunda vigilia, etc. Tiñan unha extensión diferente segundo a época do ano. Esta distribución en catro partes e o propio nome gardaban relación cos turnos de vixilancia dos campamentos militares. Tamén as unidades de bombeiros de Roma, de carácter militar, se denominaban vigiles, cohortes vigilium.