Metodoloxía de cambio

Como xa comentamos anteriormente, a metodoloxía para propiciar un cambio nos nosos patios non consistirá nunha solución universal, xa que cada espazo e centro teñen as súas propias peculiaridades. Así, ao longo desta sección achegarémonos a unhas liñas xerais de actuación que cada centro deberá adaptar e aplicar á súa realidade. O que si podemos afirmar é a satisfacción das comunidades educativas que apostaron polo cambio e experimentaron unha transformación real e efectiva. Tal e como estipulan Tomé, Subirats, Bonal, Rambla e Rovira (2021) debemos lanzarnos a comprobar o impacto que pequenas modificacións nos hábitos cotiás de alumnado e profesorado poden ter para servir de impulso e desencadear un conxunto de modificacións en cascada.

Como en todo proceso de cambio sairán dúas preguntas inicias a formular: que non funciona ou non nos gusta da situación actual no noso centro e que é o que queremos obter. Que se corresponden coa realización dunha análise ou sensibilización da realidade na que nos atopamos e na formulación duns obxectivos a acadar. E, por outra banda, tamén será imprescindible a implicación de toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, familias, persoal non docente e incluso asociación ou colectivos da contorna do centro.

Tomé et al. (2021) suxiren dividir o proceso en dúas fases:

  1. Fase de sensibilización
  2. Fase de investigación-acción

E aconsellan dedicar un ano para cada fase, non intentando de ningún modo acelerar o proceso de cambio, xa que requirirá de tempo para que sexa efectivo.

Vostede completou o 100% da lección
100%