Parámetros de estudo de desigualdades de xénero no patio

O estudo das condicións espaciais que xeran desigualdades vai permitir, como vimos, a diagnose da situación de partida e a concienciación de alumnado, familias e profesorado. Transformar o patio é unha tarefa que debe ser planificada coa participación e a implicación de toda a comunidade educativa co profesorado como impulsor.

Queremos deternos na fase de investigación-acción e propoñer un exercicio de observación e percepción de desigualdades de xénero asociadas ao uso e ocupación de espazos. Diversas autoras, como é o caso do grupo Equal Saree (2017), analizan os parámetros de estudo que adoitan empregarse na diagnose das desigualdades de xénero:

Diversidade: Variedade de espazos e elementos. Favorece un reparto e un uso igualitario.

Flexibilidade: Capacidade para adaptarse a diferentes situacións e usos. Permite o desenvolvemento de actividades menos estereotipadas e menos segregadas por xénero.

Interrelación: Relacións que se establecen entre dous ou máis elementos ou espazos como distancias, visibilidade, espazos intermedios... Impide a xerarquización e evita a invasión dunhas actividades sobre outras.

Confort: Características dos espazos e dos elementos que aportan benestar. Aumenta o benestar físico e psicolóxico, reforzando a importancia dos valores de coidado.

Representatividade: Recoñecemento, visibilidade e participación igualitaria na toma de decisións de toda a comunidade educativa. Se é igualitaria, fomenta valores e condutas non sexistas nos uso dos espazos.


Vostede completou o 0% da lección
0%