7. España e Galicia no século XVIII

O século XVIII comeza en España coa guerra de Sucesión (1701-1713), un conflito sucesorio tralo derradeiro Austria/Habsburgo (Carlos II, 1665-1700) que supuxo a chegada da dinastía dos Borbón coa figura de Felipe V (1700-1724).

A nova monarquía comeza un programa de centralización política cos Decretos de Nova Planta, disposicións legais que eliminaban as institucións dos reinos da Coroa de Aragón (que apoiara ao rival de Felipe V na Guerra de Sucesión). Esta vontade centralizadora, porén, non acada todo o territorio, xa que se manteñen os foros de Navarra.

retrato de Jovellanos

O despotismo ilustrado tamén se manifestará na coroa hispana, principalmente durante o reinado de Carlos III (1759-1788), quen levará a cabo diversas tentativas de modernización a través da construción de obras públicas, da creación de academias ou da posta en marcha dalgunhas reformas económicas. Estas tentativas atoparán a oposición da nobreza e o clero, estamentos privilexiados que seguían mantendo un gran poder no século XVIII. Entre as figuras da Ilustración en España destacan Gaspar Melchor de Jovellanos (retratado por Goya na imaxe) ou o Conde de Floridablanca.

En Galicia mantéñense as estruturas económicas e sociais características do Antigo Réxime, destacando a fidalguía como baixa nobreza non propietaria que obtén os seus recursos do cobro das rendas dos foros, contratos agrarios de moi longa duración aos que está sometida a maioría do campesiñado.

Na Ilustración galega ten grande importancia o clero, con figuras como Benito Xerónimo Feijóo ( o Padre Feijoo) ou Frei Martín Sarmiento.


NOTA INVESTIGAa. Busca información das figuras da Ilustración española e galega sinaladas neste apartado e escribe un breve informe de por que se encadran dentro deste movemento. Anota as fontes consultadas.

b. Elabora unha ficha sobre un dos edificios públicos que mandou construír Carlos III. Deberás incluír a seguinte información: ano de construción, arquitecto, lugar onde está situado, para que se utilizaba no século XVIII e que uso ten actualmente. Non esquezas anotar as fontes consultadas.