UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN

Website: Aula virtual do espazoAbalar
Kurs: Xeacronos 4 (Xeografía e Historia. 4º ESO)
Buch: UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN
Gedruckt von: Usuario convidado
Datum: Sonntag, 28. Dezember 2025, 01:25

1. Introdución

Nos séculos XVII e XVIII case toda Europa estaba baixo o que denominamos Antigo Réxime: sociedades europeas que manteñen un modo de vida baseado no absolutismo monárquico, na economía agraria de tipo señorial e na sociedade estamental. O termo Antigo Réxime foi acuñado polos revolucionarios franceses para referirse ao período anterior a 1789, ao que a propia Revolución Francesa lle puxera fin.

Esquema do Antigo Réxime


A Ilustración é un movemento cultural que xorde no século XVIII cuns postulados baseados na razón e no progreso que serven tanto para os intentos modernizadores no eido económico dos monarcas que pretenden respectar a esencia absolutista do Antigo Réxime como para as revolucións que rematarán con este sistema.

2. A estrutura política: o absolutismo

O absolutismo é o sistema político que define ao Antigo Réxime. Debido a un proceso de afianzamento da supremacía da Coroa sobre os demais estamentos iniciado na Baixa Idade Media, os monarcas caracterízanse por concentrar nas súas mans todo o poder sen limitacións. Así, o absolutismo pretendía superar a fragmentación do poder que caracterizaba ao feudalismo propio dos séculos medievais. No feudalismo, o monarca, malia ser en teoría a cúspide da pirámide social, na práctica era un primus inter pares que vía o seu poder moi condicionado polo dos señores feudais, foran estes nobres ou eclesiásticos.

A estrutura política do Antigo Réxime caracterízase pola soberanía real e pola xustificación do poder absoluto das monarquías na súa orixe divina: os monarcas son os representantes de Deus na terra e de aí deriva que os seus súbditos teñan que acatar a súa autoridade e obedecer os seus mandatos. Segundo esta teoría, non hai límite ao poder da Coroa.Luís XIV vestido do deus Apolo

Ademais, a teoría sobre a orixe divina do poder real enlaza tamén co grande protagonismo do clero na política, clave para entender as estruturas do Antigo Réxime e que supón un factor de continuidade cos séculos medievais. Neste sentido, a existencia de estamentos privilexiados coma o clero e a nobreza suporán na práctica un matiz ao absolutismo monárquico que se revelará determinante nos derradeiros compases do Antigo Réxime.

Un dos exemplos máis claros de monarca absoluto é Luís XIV de Francia, O Rei Sol, (1654-1715) caracterizado na imaxe como o astro e a quen se atribúe a frase "O Estado son eu".



Nota investiga
  • Como é a soberanía no sistema político da España actual? En que se diferenza da soberanía no Antigo Réxime?

2.1. A estrutura territorial: Estado Moderno e señoríos

A partir dos séculos XV e XVI distintas monarquías europeas comezan un proceso de afianzamento do seu poder sobre as estruturas feudais que supón o xurdimento do chamado Estado Moderno. Para reforzar o seu poder as monarquías potenciaron tres elementos:

  • un exército permanente que lles permitise non depender das tropas proporcionadas pola nobreza,
  • unha complexa administración que permitise o control dos aspectos políticos, xudiciais e económicos dos territorios controlados polas monarquías empregando funcionarios non dependentes dos señores feudais
  • e unha Facenda que obtivese os recursos económicos para manter toda esta estrutura.

Malia as semellanzas que se poidan atopar entre o denominado Estado Moderno que se constrúe no Antigo Réxime e os estados actuais, hai que ter presente unha diferenza básica: o Estado Moderno é un estado patrimonial, é dicir, propiedade da Coroa, que o configura empregando estratexias de conquista ou alianzas matrimoniais e o transmite como herdanza aos seus sucesores. Como consecuencia desta situación, os habitantes dos reinos son súbditos, definidos pola obediencia ao monarca, e non cidadáns, definidos polos seus dereitos.

No Antigo Réxime, xunto con esta formación do Estado Moderno e matizando o seu alcance, permanecen os señoríos, territorios nos que un señor (eclesiástico ou nobre, incluíndo ás propias monarquías) exercen o seu poder. Se no feudalismo ese poder incluía a capacidade de gobernar, xulgar e obter recursos económicos, no Antigo Réxime vai permanecer o aspecto económico, mentres que o poder político dos señores será erosionado polo afianzamento do poder real no marco do absolutismo.


Francia en 1659Francia en 1659

Neste mapa podemos observar a estrutura territorial francesa no século XVII, sobre a que se desenvolverá o Estado Moderno. Apréciase a enorme variedade de señoríos e territorios diversos.  

2.2. Excepcións ao absolutismo: Reino Unido e Países Baixos

Alegoría Bill of rights

O parlamentarismo inglés

Na primeira metade do século XVII, os reis ingleses da dinastía Estuardo intentaron gobernar nos seus territorios como monarcas absolutos, pero toparon coa oposición da burguesía, que dominaba o Parlamento, o cal desembocou no estalido das revolucións de 1642 e 1688. Esta última, denominada Revolución Gloriosa, supuxo a expulsión da dinastía Estuardo do trono e o triunfo da monarquía parlamentaria. A diferenza do que sucedía nas monarquías absolutistas, o rei Guillermo de Orange aceptaba en 1689 a Declaración de Dereitos (Bill of Rights), que establecía o principio da soberanía nacional. Dentro das figuras que contribuíron ao desenvolvemento do parlamentarismo como forma política destaca John Locke (1632-1704).

O protagonismo político da burguesía nos Países Baixos.

Durante o século XVII as Provincias Unidas dos Países Baixos independizáronse da monarquía hispánica coa sinatura da Paz de Westfalia (1648), feito que marcaba a fin da guerra dos Trinta Anos. Na configuración política deste territorio holandés, caracterizado por unha grande autonomía das cidades, vai ter un enorme protagonismo político a burguesía, especialmente nas cidades costeiras con gran actividade comercial, coma Amsterdam. O auxe político desta burguesía enriquecida polo comercio vai erosionar o modelo do Antigo Réxime, no que a burguesía figuraba encadrada no Terceiro Estado, cun escaso peso político e social malia a súa posición económica. Así, os Países Baixos convertéronse na práctica nunha republica, na cal o poder era exercido polos cidadáns máis influentes, os burgueses.

Mapa da Paz de Westfalia



3. A estrutura económica: señoríos e gremios

cadro A colleita (Brueghel)

Na imaxe: A colleita (Brueghel, 1565) DP (w. commons)

       A economía do Antigo Réxime caracterízase, en primeiro lugar, por ser fundamentalmente agraria e rural; é dicir, as actividades agrícolas e gandeiras eran as predominantes tanto en volume de produción como en poboación adicada a elas e, polo tanto, a maior parte da poboación vivía no mundo rural. Aínda así, ao longo do século XVIII vai ter lugar un progresivo desenvolvemento do mundo urbano tanto polo crecemento das actividades económicas asociadas á cidade (artesanía e comercio) como pola vontade das monarquías europeas de ampliar e mellorar os espazos urbanos.

       A agricultura do Antigo Réxime caracterizábase por unha escasa tecnificación, unha numerosa man de obra e uns rendementos baixos. Estes elementos iranse modificando a partir das achegas da revolución científica e da revolución industrial, aínda que persistirán enormes contrastes rexionais no espazo europeo. En canto á propiedade, a terra estaba en mans principalmente da nobreza e o clero e, aínda que a implantación do absolutismo ao longo da Idade Moderna lles resta poder político e xudicial sobre os señoríos que posúen, reciben rendas do campesiñado. Así, a terra segue sendo a principal fonte de riqueza dos estamentos privilexiados a través do pago de numerosos tributos por parte do campesiñado, que a traballa e que vive nunhas durísimas condicións.

       Ademais, as terras pertencentes a clero e nobreza están amortizadas, é dicir, fóra do mercado, xa que forman parte do patrimonio nobre ou eclesiástico: os representantes destes estamentos pode explotar as terras ou obter rendas do traballo nas mesmas, pero non vendelas.

No que se refire á artesanía do Antigo Réxime, esta estaba dominada polos gremios, agrupacións de artesáns de orixe feudal que monopolizaban a  escala local, en vilas e cidades, os procesos de fabricación e venda dos produtos artesanais: roupa, calzado, mobiliario...

plano do porto de Londres (1746)O comercio exterior, crecente a medida que transcorre a Idade Moderna, reportará grandes beneficios á burguesía europea e creará redes de intercambio a escala continental. Cidades coma Londres (na imaxe podemos ver un plano do seu porto en 1746), Sevilla ou Amsterdam destacarán neste eido.


NOTA INVESTIGA 

  • A que se lle chama na Idade Moderna "comercio triangular"? Con que apartado dos vistos neste epígrafe ten relación?

4. A estrutura social: os estamentos. A demografía

A sociedade do Antigo Réxime ten como trazo fundamental que se atopa dividida en estamentos. Os estamentos son grupos sociais definidos polo nacemento e/ou o privilexio, de xeito que dan lugar a unha estratificación social ríxida e impermeable, no sentido de que é moi difícil a mobilidade entre os distintos grupos.

caricatura terceiro estado

Distinguimos tres estamentos no Antigo Réxime, moi relacionados coa ordenación social deseñada xa durante o feudalismo medieval:

1.- Clero: formado polos representantes da Igrexa, dividos en clero regular (monxes) e clero secular (párrocos). Así mesmo, existirán diferenzas internas entre alto e baixo clero no que se refire ao seu poder, destacando abades (no clero regular) e bispos (no secular).

2.- Nobreza: estamento composto por un catálogo variado de títulos de distinto rango e poder.

Con independencia das diferenzas internas, clero e nobreza teñen en común que son os estamentos privilexiados: son os grandes propietarios da terra e, polo tanto, os que reciben os beneficios desta, e non están suxeitos ao pago de taxas, entre outras prerrogativas que marca o seu carácter de elite social.

3.- Terceiro Estado: neste estamento, o maioritario desde o punto de vista numérico, están integrados todos os membros da sociedade que non pertencen nin ao clero nin á nobreza (campesiños, artesáns,  burgueses...). A nota común é a súa heteroxeneidade. O que os agrupa no mesmo estamento é a falta de privilexios e o sometemento aos dous estamentos privilexiados mediante as relacións sociopolíticas (goberno, administración de xustiza, etc...) ou económicas (pago de rendas, taxas, etc...).

En relación coa demografía, o Antigo Réxime caracterízase, nos séculos XVI e XVII, por presentar os trazos típicos do denominado réxime demográfico antigo: altas taxas de natalidade e altas taxas de mortalidade, o que supoñía un feble crecemento demográfico, en ocasións negativo pola sobremortalidade provocada por malas colleitas e enfermidades. O século XVIII suporá o inicio da chamada fase de transición demográfica, na que en determinados lugares se irán reducindo as taxas de mortalidade grazas ás melloras na alimentación, a hixiene a a medicina, polo que a poboación comezará a medrar. Será tamén o momento no que comece o crecemento das cidades, tanto en poboación como en número. 

gráfico réximes demográficos

 

5. A Ilustración

Lectura no salón de Madame Geoffrin

Principios como liberdade, igualdade, ou dereitos  civís  semellan hoxe en día non soamente incuestionables, senón tamén irrenunciables. Porén, isto non era así no Antigo Réxime, e será a partir do século XVIII cando unha serie de pensadores comecen a difundir estes principios como base da sociedade, formando o que se denomina a Ilustración.

O impacto destas ideas foi tal, que serviu tanto a monarcas que querían modernizar os seus reinos sen renunciar ao absolutismo (despotismo ilustrado) como ao liberalismo que, a partir da Revolución Francesa e ao longo do s. XIX, rematará co Antigo Réxime.

Entre os principios da Ilustración destacan os seguintes:

  • Uso da razón como fonte de todo o coñecemento. O século XVIII foi coñecido como o Século das Luces.
  • Confianza no progreso constante da humanidade, que debe conducir á felicidade.
  • Fomento da educación como medio de conseguir o progreso.

Entre os medios de difusión característicos da Ilustración podemos sinalar:

  • A Enciclopedia promovida polos franceses Diderot e D'Alembert, que pretendía compilar e difundir os logros do saber adquiridos pola aplicación da razón.
  • Salóns e faladoiros, vencellados á elite social do século XVIII e nos que atoparon oco os postulados ilustrados. Destacan os salóns promovidos por mulleres da aristocracia como a francesa Tencin ou a inglesa Montagu.
  • Academias: institucións creadas polos monarcas coa finalidade de potenciar unha determinada actividade cultural (Academia de Belas Artes de San Fernando, Real Academia Española, etc...).

Entre os principais representantes da Ilustración podemos sinalar a Locke, KantMontesquieu, Voltaire ou Rousseau. Tamén neste momento empezan a oírse voces de mulleres reclamando os mesmos dereitos, como Madame de La Fayette ou Olympe de Gouges.


NOTA INVESTIGA

  • Anota un trazo de cada unha das persoas sinaladas no parágrafo anterior que nos permita identificalas como representantes da Ilustración. Inclúe no teu traballo as fontes consultadas.

5.1. O despotismo ilustrado

Denomínase despotismo ilustrado á adaptación das monarquías europeas ás novas ideas da Ilustración.catarina II. Retrato de Arguov

Unha boa parte das monarquías europeas do século XVIII foron conscientes da necesidade de modernizar os seus Estados. Así, tentaron adaptar as ideas de razón, educación e progreso, características dos autores ilustrados, pero sen transformar a estrutura política do Antigo Réxime; é dicir, mantendo o absolutismo. A frase que sintetiza o despotismo ilustrado, "Todo para o pobo, pero sen o pobo," resume á perfección o carácter contraditorio desta tendencia política.

Como representantes do despotismo ilustrado podemos sinalar a Federico II de Prusia, Carlos III de España, Luís XVI de Francia ou Catarina a Grande de Rusia (na imaxe, retratada por Argunov). As medidas que levaron a cabo durante os seus reinados buscaron a modernización: creación de escolas, hospitais e centros de investigación; fomento de infraestruturas e obras públicas (estradas, portos, sistemas de abastecemento); introdución de melloras na agricultura e na produción artesanal, etc.

 

6. A revolución científica

A evolución do Antigo Réxime ao longo de tres centurias, do século XVI ao XVIII, vai ir acompañada dunha revolución científica que supuxo a maioría de idade da ciencia como coñecemento, independizada cada vez máis da fe e da tradición.

Aínda que é imposible establecer un punto de partida concreto para o que chamamos "a revolución científica", adoita usarse como referencia a publicación en 1543 da obra de Copérnico De revolutionibus. Do mesmo xeito, a obra Principia, de Newton, publicada en 1687, marcaPrincipia, obra de Newton a súa fin. Desta época son algúns científicos como Francis Bacon, Johannes Kepler ou Galileo Galilei.

No século XVIII, como consecuencia da revolución científica dos séculos anteriores e do pensamento ilustrado, a ciencia e as viaxes de exploración (como as levadas a cabo polo británico James Cook) experimentaron un grande auxe, con descubrimentos e avances técnicos que cambiaron para sempre a vida das persoas. Entre os científicos máis destacados do século XVIII, podemos mencionar os seguintes: Anders Celsius, Gabriel Fahrenheit, Benjamin Franklin ou o matrimonio formado por Marie e  Antoine Lavoisier.


NOTA INVESTIGAa. Busca información sobre algunha das viaxes de exploración desta época e anota quen a levou a cabo, cando e que se descubriu nela.

b. Elabora unha táboa na que figuren os científicos mencionados neste epígrafe xunto coa súa cronoloxía e unha breve explicación da importancia da sua obra.

c. Algúns dos adiantos tecnolóxicos máis destacados desta época son a calculadora mecánica, o motor de vapor, o telescopio ou o termómetro de mercurio. Elabora unha liña do tempo na que inclúas estes inventos e polo menos outros tres máis desta época (séculos XVI-XVIII).

- Non esquezas anotar as fontes consultadas en cada unha das actividades.

7. España e Galicia no século XVIII

O século XVIII comeza en España coa guerra de Sucesión (1701-1713), un conflito sucesorio tralo derradeiro Austria/Habsburgo (Carlos II, 1665-1700) que supuxo a chegada da dinastía dos Borbón coa figura de Felipe V (1700-1724).

A nova monarquía comeza un programa de centralización política cos Decretos de Nova Planta, disposicións legais que eliminaban as institucións dos reinos da Coroa de Aragón (que apoiara ao rival de Felipe V na Guerra de Sucesión). Esta vontade centralizadora, porén, non acada todo o territorio, xa que se manteñen os foros de Navarra.

retrato de Jovellanos

O despotismo ilustrado tamén se manifestará na coroa hispana, principalmente durante o reinado de Carlos III (1759-1788), quen levará a cabo diversas tentativas de modernización a través da construción de obras públicas, da creación de academias ou da posta en marcha dalgunhas reformas económicas. Estas tentativas atoparán a oposición da nobreza e o clero, estamentos privilexiados que seguían mantendo un gran poder no século XVIII. Entre as figuras da Ilustración en España destacan Gaspar Melchor de Jovellanos (retratado por Goya na imaxe) ou o Conde de Floridablanca.

En Galicia mantéñense as estruturas económicas e sociais características do Antigo Réxime, destacando a fidalguía como baixa nobreza non propietaria que obtén os seus recursos do cobro das rendas dos foros, contratos agrarios de moi longa duración aos que está sometida a maioría do campesiñado.

Na Ilustración galega ten grande importancia o clero, con figuras como Benito Xerónimo Feijóo ( o Padre Feijoo) ou Frei Martín Sarmiento.


NOTA INVESTIGAa. Busca información das figuras da Ilustración española e galega sinaladas neste apartado e escribe un breve informe de por que se encadran dentro deste movemento. Anota as fontes consultadas.

b. Elabora unha ficha sobre un dos edificios públicos que mandou construír Carlos III. Deberás incluír a seguinte información: ano de construción, arquitecto, lugar onde está situado, para que se utilizaba no século XVIII e que uso ten actualmente. Non esquezas anotar as fontes consultadas.

8. Un símbolo do absolutismo: Versalles

Palacio de VersallesO inmenso pazo de Versalles vaise configurando ao longo do reinado de Luis XIV como o eixo da vida política francesa e auténtico símbolo do absolutismo. En Versalles, que está a uns 24 km. de París, tiña a familia real un pequeno pazo de caza que Luís XIV converteu no pazo máis luxoso da Europa da súa época, símbolo da elegancia, o luxo e o refinamento. Alí decidiu fixar a súa corte, lonxe de París e das antigas residencias reais (coma o Louvre), que se facían pequenas para albergar as 20000 persoas que chegaron a habitar en Versalles, entre nobres e servizo. E alí trasladou a alta nobreza para vixiala de cerca e evitar así calquera intento de rebelión que puidera xurdir, para o cal non escatimou medios: os bailes, banquetes, representacións teatrais e festas que se prolongaban durante varios días eran famosos en toda Europa e mantiñan aos ociosos nobres entretidos e controlados, evitando conspiracións en contra do rei.

A arquitectura, a decoración e a propia liturxia da rutina levada a cabo diariamente en Versalles tiñan un só obxectivo: que ninguén esquecera quen era o Rei Sol e o abismo que separaba a este do común dos mortais. Do mesmo xeito que os planetas xiran arredor do Sol, Luís XIV estaba convencido de que toda a corte, e mesmo toda Francia, debía gravitar ao seu redor e non escatimou esforzos para conseguilo. Por este motivo, este monarca e o seu pazo son o símbolo máis logrado do absolutismo.


NOTA INVESTIGA

  • A relevancia de Versalles foi tal que se emprega o concepto "Versalles español " para sinalar un edificio. ¿De cal se trata? ¿Quen e cando o mandou construír? ¿En que se parece ao Versalles francés?

9. Licenzas de imaxes

CŔEDITOS DE IMAXES _UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN


  • Mapa de Francia en Mapa de Francia en 1659 - DP (flickr)
  • Mapa da Paz de Westfalia - CC BY NC SA (kairós)