UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN
5. A Ilustración
5.1. O despotismo ilustrado
Denomínase despotismo ilustrado á adaptación das monarquías europeas ás novas ideas da Ilustración.
Unha boa parte das monarquías europeas do século XVIII foron conscientes da necesidade de modernizar os seus Estados. Así, tentaron adaptar as ideas de razón, educación e progreso, características dos autores ilustrados, pero sen transformar a estrutura política do Antigo Réxime; é dicir, mantendo o absolutismo. A frase que sintetiza o despotismo ilustrado, "Todo para o pobo, pero sen o pobo," resume á perfección o carácter contraditorio desta tendencia política.
Como representantes do despotismo ilustrado podemos sinalar a Federico II de Prusia, Carlos III de España, Luís XVI de Francia ou Catarina a Grande de Rusia (na imaxe, retratada por Argunov). As medidas que levaron a cabo durante os seus reinados buscaron a modernización: creación de escolas, hospitais e centros de investigación; fomento de infraestruturas e obras públicas (estradas, portos, sistemas de abastecemento); introdución de melloras na agricultura e na produción artesanal, etc.