5. A Ilustración

Lectura no salón de Madame Geoffrin

Principios como liberdade, igualdade, ou dereitos  civís  semellan hoxe en día non soamente incuestionables, senón tamén irrenunciables. Porén, isto non era así no Antigo Réxime, e será a partir do século XVIII cando unha serie de pensadores comecen a difundir estes principios como base da sociedade, formando o que se denomina a Ilustración.

O impacto destas ideas foi tal, que serviu tanto a monarcas que querían modernizar os seus reinos sen renunciar ao absolutismo (despotismo ilustrado) como ao liberalismo que, a partir da Revolución Francesa e ao longo do s. XIX, rematará co Antigo Réxime.

Entre os principios da Ilustración destacan os seguintes:

  • Uso da razón como fonte de todo o coñecemento. O século XVIII foi coñecido como o Século das Luces.
  • Confianza no progreso constante da humanidade, que debe conducir á felicidade.
  • Fomento da educación como medio de conseguir o progreso.

Entre os medios de difusión característicos da Ilustración podemos sinalar:

  • A Enciclopedia promovida polos franceses Diderot e D'Alembert, que pretendía compilar e difundir os logros do saber adquiridos pola aplicación da razón.
  • Salóns e faladoiros, vencellados á elite social do século XVIII e nos que atoparon oco os postulados ilustrados. Destacan os salóns promovidos por mulleres da aristocracia como a francesa Tencin ou a inglesa Montagu.
  • Academias: institucións creadas polos monarcas coa finalidade de potenciar unha determinada actividade cultural (Academia de Belas Artes de San Fernando, Real Academia Española, etc...).

Entre os principais representantes da Ilustración podemos sinalar a Locke, KantMontesquieu, Voltaire ou Rousseau. Tamén neste momento empezan a oírse voces de mulleres reclamando os mesmos dereitos, como Madame de La Fayette ou Olympe de Gouges.


NOTA INVESTIGA

  • Anota un trazo de cada unha das persoas sinaladas no parágrafo anterior que nos permita identificalas como representantes da Ilustración. Inclúe no teu traballo as fontes consultadas.