UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN
4. A estrutura social: os estamentos. A demografía
A sociedade do Antigo Réxime ten como trazo fundamental que se atopa dividida en estamentos. Os estamentos son grupos sociais definidos polo nacemento e/ou o privilexio, de xeito que dan lugar a unha estratificación social ríxida e impermeable, no sentido de que é moi difícil a mobilidade entre os distintos grupos.

Distinguimos tres estamentos no Antigo Réxime, moi relacionados coa ordenación social deseñada xa durante o feudalismo medieval:
1.- Clero: formado polos representantes da Igrexa, dividos en clero regular (monxes) e clero secular (párrocos). Así mesmo, existirán diferenzas internas entre alto e baixo clero no que se refire ao seu poder, destacando abades (no clero regular) e bispos (no secular).
2.- Nobreza: estamento composto por un catálogo variado de títulos de distinto rango e poder.
Con independencia das diferenzas internas, clero e nobreza teñen en común que son os estamentos privilexiados: son os grandes propietarios da terra e, polo tanto, os que reciben os beneficios desta, e non están suxeitos ao pago de taxas, entre outras prerrogativas que marca o seu carácter de elite social.
3.- Terceiro Estado: neste estamento, o maioritario desde o punto de vista numérico, están integrados todos os membros da sociedade que non pertencen nin ao clero nin á nobreza (campesiños, artesáns, burgueses...). A nota común é a súa heteroxeneidade. O que os agrupa no mesmo estamento é a falta de privilexios e o sometemento aos dous estamentos privilexiados mediante as relacións sociopolíticas (goberno, administración de xustiza, etc...) ou económicas (pago de rendas, taxas, etc...).
En relación coa demografía, o Antigo Réxime caracterízase, nos séculos XVI e XVII, por presentar os trazos típicos do denominado réxime demográfico antigo: altas taxas de natalidade e altas taxas de mortalidade, o que supoñía un feble crecemento demográfico, en ocasións negativo pola sobremortalidade provocada por malas colleitas e enfermidades. O século XVIII suporá o inicio da chamada fase de transición demográfica, na que en determinados lugares se irán reducindo as taxas de mortalidade grazas ás melloras na alimentación, a hixiene a a medicina, polo que a poboación comezará a medrar. Será tamén o momento no que comece o crecemento das cidades, tanto en poboación como en número.
