2. A estrutura política: o absolutismo

2.2. Excepcións ao absolutismo: Reino Unido e Países Baixos

Alegoría Bill of rights

O parlamentarismo inglés

Na primeira metade do século XVII, os reis ingleses da dinastía Estuardo intentaron gobernar nos seus territorios como monarcas absolutos, pero toparon coa oposición da burguesía, que dominaba o Parlamento, o cal desembocou no estalido das revolucións de 1642 e 1688. Esta última, denominada Revolución Gloriosa, supuxo a expulsión da dinastía Estuardo do trono e o triunfo da monarquía parlamentaria. A diferenza do que sucedía nas monarquías absolutistas, o rei Guillermo de Orange aceptaba en 1689 a Declaración de Dereitos (Bill of Rights), que establecía o principio da soberanía nacional. Dentro das figuras que contribuíron ao desenvolvemento do parlamentarismo como forma política destaca John Locke (1632-1704).

O protagonismo político da burguesía nos Países Baixos.

Durante o século XVII as Provincias Unidas dos Países Baixos independizáronse da monarquía hispánica coa sinatura da Paz de Westfalia (1648), feito que marcaba a fin da guerra dos Trinta Anos. Na configuración política deste territorio holandés, caracterizado por unha grande autonomía das cidades, vai ter un enorme protagonismo político a burguesía, especialmente nas cidades costeiras con gran actividade comercial, coma Amsterdam. O auxe político desta burguesía enriquecida polo comercio vai erosionar o modelo do Antigo Réxime, no que a burguesía figuraba encadrada no Terceiro Estado, cun escaso peso político e social malia a súa posición económica. Así, os Países Baixos convertéronse na práctica nunha republica, na cal o poder era exercido polos cidadáns máis influentes, os burgueses.

Mapa da Paz de Westfalia