UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN
2. A estrutura política: o absolutismo
2.1. A estrutura territorial: Estado Moderno e señoríos
A partir dos séculos XV e XVI distintas monarquías europeas comezan un proceso de afianzamento do seu poder sobre as estruturas feudais que supón o xurdimento do chamado Estado Moderno. Para reforzar o seu poder as monarquías potenciaron tres elementos:
- un exército permanente que lles permitise non depender das tropas proporcionadas pola nobreza,
- unha complexa administración que permitise o control dos aspectos políticos, xudiciais e económicos dos territorios controlados polas monarquías empregando funcionarios non dependentes dos señores feudais
- e unha Facenda que obtivese os recursos económicos para manter toda esta estrutura.
Malia as semellanzas que se poidan atopar entre o denominado Estado Moderno que se constrúe no Antigo Réxime e os estados actuais, hai que ter presente unha diferenza básica: o Estado Moderno é un estado patrimonial, é dicir, propiedade da Coroa, que o configura empregando estratexias de conquista ou alianzas matrimoniais e o transmite como herdanza aos seus sucesores. Como consecuencia desta situación, os habitantes dos reinos son súbditos, definidos pola obediencia ao monarca, e non cidadáns, definidos polos seus dereitos.
No Antigo Réxime, xunto con esta formación do Estado Moderno e matizando o seu alcance, permanecen os señoríos, territorios nos que un señor (eclesiástico ou nobre, incluíndo ás propias monarquías) exercen o seu poder. Se no feudalismo ese poder incluía a capacidade de gobernar, xulgar e obter recursos económicos, no Antigo Réxime vai permanecer o aspecto económico, mentres que o poder político dos señores será erosionado polo afianzamento do poder real no marco do absolutismo.
Francia en 1659
Neste mapa podemos observar a estrutura territorial francesa no século XVII, sobre a que se desenvolverá o Estado Moderno. Apréciase a enorme variedade de señoríos e territorios diversos.