UNIDADE DIDÁCTICA 1: ANTIGO RÉXIME E ILUSTRACIÓN
3. A estrutura económica: señoríos e gremios

Na imaxe: A colleita (Brueghel, 1565) DP (w. commons)
A economía do Antigo Réxime caracterízase, en primeiro lugar, por ser fundamentalmente agraria e rural; é dicir, as actividades agrícolas e gandeiras eran as predominantes tanto en volume de produción como en poboación adicada a elas e, polo tanto, a maior parte da poboación vivía no mundo rural. Aínda así, ao longo do século XVIII vai ter lugar un progresivo desenvolvemento do mundo urbano tanto polo crecemento das actividades económicas asociadas á cidade (artesanía e comercio) como pola vontade das monarquías europeas de ampliar e mellorar os espazos urbanos.
A agricultura do Antigo Réxime caracterizábase por unha escasa tecnificación, unha numerosa man de obra e uns rendementos baixos. Estes elementos iranse modificando a partir das achegas da revolución científica e da revolución industrial, aínda que persistirán enormes contrastes rexionais no espazo europeo. En canto á propiedade, a terra estaba en mans principalmente da nobreza e o clero e, aínda que a implantación do absolutismo ao longo da Idade Moderna lles resta poder político e xudicial sobre os señoríos que posúen, reciben rendas do campesiñado. Así, a terra segue sendo a principal fonte de riqueza dos estamentos privilexiados a través do pago de numerosos tributos por parte do campesiñado, que a traballa e que vive nunhas durísimas condicións.
Ademais, as terras pertencentes a clero e nobreza están amortizadas, é dicir, fóra do mercado, xa que forman parte do patrimonio nobre ou eclesiástico: os representantes destes estamentos pode explotar as terras ou obter rendas do traballo nas mesmas, pero non vendelas.
No que se refire á artesanía do Antigo Réxime, esta estaba dominada polos gremios, agrupacións de artesáns de orixe feudal que monopolizaban a escala local, en vilas e cidades, os procesos de fabricación e venda dos produtos artesanais: roupa, calzado, mobiliario...
O comercio exterior, crecente a medida que transcorre a Idade Moderna, reportará grandes beneficios á burguesía europea e creará redes de intercambio a escala continental. Cidades coma Londres (na imaxe podemos ver un plano do seu porto en 1746), Sevilla ou Amsterdam destacarán neste eido.
- A que se lle chama na Idade Moderna "comercio triangular"? Con que apartado dos vistos neste epígrafe ten relación?