2. A estrutura política: o absolutismo

O absolutismo é o sistema político que define ao Antigo Réxime. Debido a un proceso de afianzamento da supremacía da Coroa sobre os demais estamentos iniciado na Baixa Idade Media, os monarcas caracterízanse por concentrar nas súas mans todo o poder sen limitacións. Así, o absolutismo pretendía superar a fragmentación do poder que caracterizaba ao feudalismo propio dos séculos medievais. No feudalismo, o monarca, malia ser en teoría a cúspide da pirámide social, na práctica era un primus inter pares que vía o seu poder moi condicionado polo dos señores feudais, foran estes nobres ou eclesiásticos.

A estrutura política do Antigo Réxime caracterízase pola soberanía real e pola xustificación do poder absoluto das monarquías na súa orixe divina: os monarcas son os representantes de Deus na terra e de aí deriva que os seus súbditos teñan que acatar a súa autoridade e obedecer os seus mandatos. Segundo esta teoría, non hai límite ao poder da Coroa.Luís XIV vestido do deus Apolo

Ademais, a teoría sobre a orixe divina do poder real enlaza tamén co grande protagonismo do clero na política, clave para entender as estruturas do Antigo Réxime e que supón un factor de continuidade cos séculos medievais. Neste sentido, a existencia de estamentos privilexiados coma o clero e a nobreza suporán na práctica un matiz ao absolutismo monárquico que se revelará determinante nos derradeiros compases do Antigo Réxime.

Un dos exemplos máis claros de monarca absoluto é Luís XIV de Francia, O Rei Sol, (1654-1715) caracterizado na imaxe como o astro e a quen se atribúe a frase "O Estado son eu".



Nota investiga
  • Como é a soberanía no sistema político da España actual? En que se diferenza da soberanía no Antigo Réxime?