A dirección do centro, como responsable do tratamento dos datos persoais recadados ou almacenados no mesmo, disporá que se sigan os procedementos establecidos e que se garantan os dereitos das persoas en materia de protección de datos.
Na planificación do funcionamento ordinario terase en conta que o centro conte cos recursos de custodia axeitados: pechaduras nas portas e armarios que o requiran e custodia das chaves correspondentes, acceso aos ordenadores dos usuarios que o requiran a un perfil protexido con contrasinal, procedementos de destrución de papel axeitados, …
Con carácter xeral, non poderá destruírse ningunha documentación en soporte papel que teña carácter único. Calquera documento xerado ou recadado polo centro no exercicio da súa función ten a consideración de documento de titularidade pública, polo que non poderá ser destruído en tanto non se cumpran os requisitos que en materia de arquivos e documentos estableza.
As comunicacións que conteñan datos persoais especialmente protexidos deberán facerse por medios axeitados para garantir a seguridade, evitando, na medida do posible, medios electrónicos ou dixitais non seguros. Por ex., o envío e recepción de informes psicopedagóxicos, sanitarios, etc., farase por correo certificado ou por entrega persoal en sobre pechado co selo de Confidencial. Nos supostos nos que sexa necesario a utilización, por ex., do correo electrónico, a comunicación farase a través de correos corporativos e cifrando a información enviada.
O/a secretario/a do centro será o/a encargado/a, por delegación da dirección, da custodia documental, polo que as pautas do responsable do ficheiro e as indicacións da dirección, asegurará que o fluxo destes datos se faga conforme ao previsto, particularmente nas “entradas” e “saídas” de documentación e no almacenamento das dependencias do centro, así como no que atinxe ao tratamento dos datos do persoal docente e non docente do centro.
A persoa que exerce a xefatura de estudos seguirá as pautas que as persoas que ocupan a dirección e a secretaría marquen, tanto no relativo aos datos do alumnado e as súas familias como no que atinxe ao profesorado do centro