A ORIENTACIÓN COMO PROXECTO INTERDISCIPLINAR
PROXECTO INTERDISCIPLINAR:
A ORIENTACIÓN
XUSTIFICACIÓN:
O proxecto interdisciplinar é un achegamento conxunto e compartido dende distintas materias ás competencias básicas.
Ten como obxectivo esta materia o coñecemento global a partir dos diversos puntos de vista disciplinares, neste caso un coñecemento do mundo que rodea ó alumno a través dos coñecementos das distintas materias que participan do proxecto. O outro grande obxectivo desta materia é o de favorecer o transito de Educación Primaria á Secundaria, no caso da orientación permite o alumno adquirir habilidades e adoptar aptitudes fronte os retos e as dificultades que lle permitirán resolver os problemas que se vaia atopando na súa vida. Así mesmo lle infundirán a seguridade en si mesmo necesaria para afrontar unha etapa educativa con maiores esixencias de tráballo autónomo.
A idade na que se introduce esta materia é a ideal para iniciar ó alumnado nas prácticas deportivas de orientación dado que é a idade na que os rapaces e rapazas xa poden competir sos no medio natural, 12 anos, neste curso xa poden comezar a competir no deporte escolar nesta especialidade.
O contido desta materia é competencia do Centro, debemos ter en conta que non pode ser parte dalgunha das restantes materias, sen embargo isto é case imposible posto que en maior ou menor grao sempre aparece algunha vinculación, dende os proxectos relacionados coa biblioteca, evidentemente interrelacionados coas linguas, ata outros relacionados coa ecoloxía tamén conectados coas ciencias naturais, pasando por aqueles proxectos relacionadas coa informática ou a tecnoloxía.
PROXECTO.
Fases.
§ Planificación.
Nesta fase ten especial importancia a intervención tanto da persoa responsable de impartir esta materia como dos responsables dos distintos departamentos participantes, neste caso: Ciencias Sociais, Matemáticas, Educación Física, Ciencias Naturais, Educación Plástica e Visual, Lingua Estranxeira e Tecnoloxía.
Programación deseño do curso: establecemento de obxectivos, busca de contidos, deseño de actividades, temporalización do curso, establecemento dos obxectivos, concreción de criterios de avaliación do alumnado e autoavaliación de tódolos elementos docentes.
§ Desenvolvemento.
Deseño do curso buscando implicar o desenvolvemento das competencias básicas. Incluso tratando de introducir intercambios con alumnos estranxeiros que nos permitan o intercambio de experiencias e información e o contacto en inmersión lingüística noutra cultura.
§ Presentación do proxecto.
Presentación do proxecto deberá facerse en reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica para ser valorada polos diversos departamentos, sobre todo aqueles que teñen participación directa no proxecto.
MATERIAS.
Ciencias Sociais.
Evidentemente a orientación trata da interpretación de mapas con todo o coñecemento que representa dos distintos elementos xeográficos e a súa representación cartográfica. Identificación da orografía baseándose na súa representación cartográfica. Conceptos como curvas de nivel, equidistancia, escala, altitude, meridianos, paralelos, etc.
Matemáticas.
Magnitudes como as distancias e as superficies. Cálculos baseados en conceptos como a escala e procedementos como talonar, para trasladar medidas do mapa á realidade. Desniveles acumulados ou calculo de rutas en función do desnivel.
Educación Física.
Diversas actividades de condición física. Estudio, investigación, recompilación de información e exposición por diversos medios de traballos de Historia deste deporte. Participación de competicións axeitadas á idade deste deporte, convivencias con alumnos da mesma idade en carreiras desenvolvendo as actitudes base deste deporte: respecto do medio natural, solidariedade con outros competidores, xogo limpo, respecto das normas e das propiedades privadas.
Educación Plástica e Visual.
Realización de pequenos planos representando espazos coñecidos, segundo unha escala dada, e polo tanto realizando os cálculos oportunos.
Linguas Estranxeiras.
Posibilidade de acceder a competicións escolares ou campamentos no estranxeiro patrocinados pola IOF nos que o inglés é o idioma oficial e se non for o caso intercambio con algún centro europeo onde a orientación é materia de clase.
A maioría das informacións acerca deste deporte están en inglés posto que é o idioma oficial da IOF. Así se poden realizar multitude de traballos en idiomas estranxeiros sobre todo idiomas europeos do centro e norte de Europa onde a orientación é un deporte común.(vídeo en inglés)
CONTRIBUCIÓN Á ADQUISICIÓN DAS COMPETENCIAS BÁSICAS.
§ Competencia en comunicación lingüística.
O deporte da
orientación admite moitos formatos e en tódalas competicións sempre hai
diferentes instruccións fundamentais para completar a carreira, polo tanto a
comprensión de lecturas de boletíns e de información oral é fundamental para o
desenvolvemento neste mundo. Se se trata dunha competición fóra de España o
idioma oficial é o inglés e polo tanto é neste idioma onde ten que
desenvolverse o alumno.
§ Competencia matemática.
Fundamental que sexa
quen de afacerse a facer cálculos mentais para adiviñar distancias, memorizar
códigos e valorar dimensións.
§ Competencia no coñecemento e a interacción co
mundo físico.
Creo que esta é a
competencia onde este deporte nos pode aportar máis directamente posto que
nisto exactamente consiste o deporte, ser quen de descubrir os elementos
naturais e identificar a súa
representación gráfica para situarse el mesmo no espazo. Debido á variedade de
modalidades o alumno vai ter que desenvolverse nunha gran variedade de
entornos.
§ Tratamento da información e competencia dixital.
Os adestramentos máis
significativos deste deporte realízanse no ordenador analizando o percorrido no
mapa que normalmente podémolo rexistrar coa axuda dun simple teléfono móbil con
GPS.
Así mesmo os alumnos
empezarán a manexar algún xogo para familiarizarse con técnicas neste deporte,
xogos que se practican en Internet ou no ordenador.
§ Competencia social e cidadá.
En calquera deporte
esta competencia está claramente proposta, sen embargo na orientación isto é
así de forma moi especial. Quizais por ser un deporte endémico dos países
nórdicos a súa cultura de contacto coa natureza, de respecto e civismo son
signos de identidade nas carreiras de orientación.
Así mesmo en tódalas
competicións se dá un trofeo á acción máis deportiva e por iso é norma non
escrita que calquera deportista que ve outro competidor en apuros non dubida en
abandonar a súa carreira para socorrer á outra persoa. Tamén é normal axudar a
orientarse a persoas de iniciación ou categorías inferiores, incluso para
competidores de elite.
§ Competencia para aprender a aprender.
A mellora das
habilidades de orientación prodúcese primordialmente a través da reflexión
diante do mapa dos errores cometidos e a partir disto cada persoa idea a súa
forma de análise. Incluso algúns gravan o seu percorrido dende unha cámara
suxeita ó seu corpo.
§ Autonomía e iniciativa persoal.
Este deporte consiste en ser quen de facer un percorrido pasando por uns puntos coa única axuda dunha brúxola e dun mapa feito para o efecto.
Ó correr nun medio expostos ós cambios da natureza, meteoroloxía principalmente, pero tamén a incidencia de animais salvaxes ou cambios repentinos nos elementos producidos pola natureza ou polo home, a persoa que compite ten que resolver sobre a marcha innumerables problemas sen axuda externa. Para a solución destes inconvenientes que poidan xurdir só poderán contar coa axuda dos elementos naturais que ten ó seu alcance, coa axuda do mapa e da brúxula.
Sempre o rapaz chega a meta, iso si, non sen antes sortear as dificultades e iso repórtalle unha satisfacción persoal que o fai adquirir seguridade en si mesmo e confianza nas súas posibilidades para resolver os problemas que se lle poidan plantear na vida.
CONCLUSION.
A orientación seméllanos un deporte que destila unha serie de posibilidades pedagóxicas que dende hai moitas décadas souberon apreciar os países nórdicos, sobre todo Finlandia. Aínda que algún que outro profesor de EF o introduce na súa programación, cremos que pode aportar moito máis.
A introdución como materia non é ningún experimento e os resultados se poden observar a pouco que nos acerquemos a calquera competición onde compitan escolares do centro ou norte de Europa e para ver como se desenvolven tanto na propia competición senón tamén no entorno da competición, nos albergues, transportes públicos, etc... incluso a pesar de atoparse noutro país lonxe da súa familia e a tan temperáns idades.