A mitoloxía grega non é unicamente un fabuloso conxunto de relatos entrelazados, repletos de feitos extraordinarios, de fazañas incribles, de crueis vinganzas e de castigos inimaxinables, de amores cegos e de odios acérrimos. Ten un marcado carácter didáctico, é dicir, quere ensinarnos algo que transcende todo iso, algo sobre a propia natureza dos seres humanos. Esta foi unha das ideas que Susana Reboreda, catedrática de Historia Antiga e vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, grande especialista no tema, quixo compartir co alumnado de sexto de primaria o pasado 25 de febreiro ao longo dunha interesantísima charla que valeu para expandir o noso coñecemento nunha área tan apaixonante.
Comezou Susana falando das fontes historiográficas das que se obteñen estes coñecementos, salientando o valor das fontes literarias e das arqueolóxicas. Das primeiras indicou que Homero está á cabeza de todas coa Ilíada e coa Odisea, pero tamén mencionou a Teogonía de Hesíodo, ese intento de sistematización do panteón grego. Das fontes arqueolóxicas e do estudo da iconografía deu numerosos exemplos ao longo da disertación pois a cerámica grega contén abundantísimas representacións míticas.
Dun xeito moi ameno, adaptándose a un auditorio moi diferente ao dos universitarios cos que trata cada día, co cariño de quen ama o que conta, Susana Reboreda foi explicando as características esenciais dos doce deuses olímpicos, facendo fincapé no seu aspecto xerárquico baixo o mando de Zeus pero tamén no seu carácter complementario, presentando pares combinados como o de Atenea e Ares, divindades que representan modalidades distintas da guerra, a ordenada baixo un código nobre de conduta e a da guerra sen refreo, violenta, caótica, ao estilo colérico de Aquiles.
Despertou o interese coa historia de Deméter pois todos os nenos e nenas desta idade son capaces de comprender a desesperación dunha nai que vai na busca da súa filla Perséfone, aínda que esa busca a conduza aos perigos do inframundo. Saber desa solución case poética, por salomónica, que dá lugar de maneira mítica ao verán e ao inverno foi moi emocionante e prendeu no maxín de todo o grupo.
O relato dos nacementos de Afrodita, Atenea e Dioniso causaron tamén impresión pois, aínda que coñecían ben o primeiro, ignoraban o curioso xeito de nacer das outras dúas divindades. Non quixemos deixar pasar a oportunidade de facer a broma con Dioniso, que seguramente sería o deus favorito do pobo de Baión pola nosa relación histórica coas vides e co viño.
O papel da muller
Tamén quixo sinalar Susana o papel da muller neste mundo xerarquizado recordando que naquela cultura limitábase, polo xeral, a ser esposa e nai. As excepcións, como o triunfo de Atenea sobre Poseidón no favor dos atenienses, serviron para poñer o contrapunto á tendencia xeral. Son deuses de aspecto varón os que se reparten o mundo. Ningunha muller. Observar este universo desde o noso prisma moderno, con outra moral, é unha oportunidade magnífica para educar na reflexión, pero temos que ser sempre conscientes de que eses criterios mudaron de raíz ao longo dos tempos. Os castigos dos deuses, por moi desproporcionados que nos parezan hoxe, obedecen a outros códigos, a outros pensamentos. Non se pode romper a harmonía divina. Quen o fai, merece castigo.
Entender ese carácter didáctico, máis alá do anecdótico de cada relato mitolóxico, é quizais a aprendizaxe máis valiosa para uns nenos e nenas que comezan a comprender a profundidade filosófica e moral que se agocha no que ata agora simplemente parecía unha colección de contos curiosos.
O alumnado prestou moita atención ao longo de toda a charla, pois é un tema que xera enorme interese no grupo. Chega con dicir que foi o tema elixido por votación no ano previo e sobre o que estamos a desenvolver lecturas, actividades de escrita, xogos, etc. Ao finalizar a charla, no debate de aula, todos os membros do grupo compartían a sensación de que aprenderan moito e de que descubriran novos feitos sobre os deuses dos que están a traballar no proxecto.
A charla de Susana Reboreda forma parte do programa de charlas científico-divulgativas da Universidade de Vigo. A profesora Reboreda, gratamente sorprendida polo coñecemento e interese do alumnado, aproveitou para facer unha defensa firme das humanidades nun tempo, o actual, que parece fascinado pola intelixencia artificial e outras bagatelas semellantes. No enorme tesouro da mitoloxía grega está agochado un saber universal que sempre vai valer a pena descubrir. Quedamos moi agradecidos pola visita e oxalá poidamos contar con ela noutra ocasión. Amanda, en representación de todo o colexio, entregoulle a Susana un pequeno obsequio tamén como recordatorio da súa estancia na escola de Baión. Oxalá o saboree como nós saboreamos cada unha das palabras coas que foi tecendo unha charla memorable.