Saltar navegación

Castro Lupario

O castro Lupario, ou da raíña Lupa, atópase entre os concellos de Teo, Brión e Rois. É o primeiro asentamento humano de relevancia do contorno. É de fácil acceso e poden verse restos das murallas. Aínda que pertence a Brión e Rois, ten moita importancia para o noso concello porque neste castro situouse segundo os historiadores a capital dos "amaeos" (os habitantes da Maía).

Segundo conta a lenda, os discípulos do apóstolo acudiron a este lugar na busca dun lugar para soterralo. Solicitáronlle á raíña Lupa axuda para transportar os restos do santo e a raíña indicoulles onde atopar uns bois para tirar do carro, que resultaron ser bravos. Por acción divina, os bois amansaron e os discípulos puideron transportar o corpo do apóstolo ata o que sería o seu enterramento en Compostela. A raíña, que era pagá, ao ver o prodixio dos bois, converteuse ao cristianismo.