Saltar navegación

Checklist

Como ferramenta de valoración para asegurar o proceso correcto de construción dun e-portafolio, tamén é útil utilizar un checklist.

O checklist é unha lista de verificación ou control usada como axuda para revisar se o traballo ou o produto cumpre cos requisitos básicos sobre os que se ideou. Axuda a garantir a coherencia e a integridade no desempeño dunha tarefa. Trátase de "facer unha lista" completa pero lixeira do que se quere comprobar e valorar en cada ítem de maneira dicotómica (si/non) ou simplemente marcando se se conseguiu ou non.

Unha lista de verificación máis avanzada sería un calendario que establece as tarefas que deben realizarse de acordo coa hora do día ou con outros factores concretos.

Exemplo dun checklist para valorar un e-portafolio:

Lista de requisitos: comprobación de que se cumpren todos os requisitos antes de editar o e-portafolio. A valoración do e-portafolio estrutúrase en tres partes: A. Presentación, B. Contido e C. Proxección. Poderíanse sumar os resultados para ter unha valoración rápida do nivel de cumprimento do propio portafolio electrónico.

Ademais da data, hase de anotar en cada entrada se o requisito existe, non existe ou está incompleto.

A. Presentación
1. Inclúe título
2. Apunta un índice coa correspondente ligazón á súa páxina
3. Existe presentación persoal
4. Inclúe fotografía ou outros motivos biográficos
5. Achega algunha icona, anagrama, frase memorable, refrán... que representa ou se vincula coa filosofía persoal, coa maneira subxectiva de pensar (opcional)
6. Explicita claramente o obxectivo do e-portafolio
7. Contén unha reflexión persoal e ideolóxica sobre a profesión
8. Existen elementos destacables e pertinentes do currículo profesional
9. Tense en conta a variedade de soportes (audio, vídeo, escritura)

B. Contido
1. Revisouse todo o e-portafolio e comprobouse que todas as ligazóns son relevantes e funcionan correctamente
2. O título de cada páxina (indicado no índice) é suficientemente concreto e indicativo do contido
3. Revisáronse posibles erros gramaticais (estruturas, ortografía, puntuación...)
4. Todos os documentos (evidencias), audio, vídeo ou escritura, tecnicamente son correctos (enmarque, son, imaxe, cor, tipografías...)
5. Todos os documentos referenciados doutros autores están debidamente identificados (nome, título, localización...)
6. Todas as reflexións persoais teñen un sentido crítico e construtivo
7. As evidencias presentadas mostran clara e completamente as competencias profesionais

C. Proxección
1. Revisáronse suficientes e-portafolios para orientar produtivamente o propio
2. Se tres persoas da súa organización revisasen o e-portafolio valoraríano positivamente?
3. Equilibrouse ben o peso de cada apartado e o nivel de reflexión
4. Preséntase un e-portafolio orixinal, creativo e innovador
5. Reflexionar sobre o propio e-portafolio axudoulle a crecer profesionalmente?

Para unha avaliación de desenvolvemento profesional ou académico suxírese desenvolver os instrumentos de avaliación (rúbricas, check-list ou outros) en colaboración co estudante, profesor ou profesional (Green e Smyser, 1996). Se é posible, tamén en todo tipo de e-portafolio, xa que iso facilita a comprensión dos obxectivos e dos produtos que se queren alcanzar e o camiño para facelo. As rúbricas e check-list han de ser unhas guías para dar cos mellores contidos tanto para os que producen o e-portafolio coma para os que o consultan, e non un motivo de competición en si mesmo.


Ligazóns de interese:

  • Checklist para a valoración de portafolios profesionais (en inglés)
  • Exemplos e ítems para incluír nun e-portafolios (en inglés)