Outros recursos
Festa dos maios
A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
A celebración das festas de maio é común en moitos países de Europa, onde existen variantes similares da mesma festividade.
Índice
Orixes[editar | editar a fonte]
As orixes da festa remóntanse ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta. A festividade celta de Beltane marcaba o inicio do verán pastoral cando as rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e as terras de pasto das montañas. De aí a adoración dos fenómenos terrenais: terra, mar e aire. Unha das principais actividades da festividade consistía en acender fachos nas montañas e outeiros con rituais e significados políticos[1]. A tradición estivo presente en Roma, entre o culto a multitude de deuses. Os romanos tamén asimilaron esta tradición mayumea en honra da chegada da primavera e das primeiras flores do ano, o día que corresponde co actual primeiro de maio. E todo poboado romano tiña ademais dos deuses oficiais os propios autóctonos. En Hispania adorábase a deusa Bona Dea [2], que non era outra cá deusa da fertilidade Maia ou Fauna na mitoloxía romana, coa que se celebraba a chegada da primavera nunhas festas que recibían o nome de Floralia. Seguramente esta tradición sufriu variacións coa chegada da civilización árabe aos campos de Castela, como a manifestación en cantos ou rondas á persoa amada. Finalmente, o cristianismo asimilou multitude de festas pagás profesadas con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas, sendo este un claro exemplo: a maioría destas pasaron a ser festas en honra á Virxe María.
Celebracións en Galicia[editar | editar a fonte]
En Galicia vén celebrándose habitualmente o 1º de maio, se ben en Ourense fano o día 3, día da Santa Cruz [3], que na tradición cristiá representa a árbore da que nos veñen a vida, a saúde e a resurrección, segundo di o introito á celebración da misa nese día.
A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás, substituído hoxe por diñeiro.
É costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores cantigas. Esta celebración ten sona en lugares coma Vilagarcía de Arousa[4] ou Ourense.
Tipoloxías[editar | editar a fonte]
As figuras que protagonizaban a festa, os maios, permiten clasificalos en:
- Maios figurados: unha figura en forma de cono -modelo máis tradicional- ou de calquera outra forma (maios artísticos). Dentro deste grupo incluiríase a árbore de maio.
- Maios humanos: unha persoa -neno ou adulto- cuberto de pólas, follas, flores etc.
Maios figurados[editar | editar a fonte]
Os maios figurados consisten nunha armazón ou esqueleto de paus ou táboas de forma cónica ou piramidal, recuberto de tea metálica ou arpillera, que se cubre de mofo, fiúncho ou herba. A armazón constrúese sobre unha plataforma que, a modo de padiola, permitía transporta-lo maio polas rúas do lugar.
Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz. Hoxe, a imaxinación popular tamén constrúe maios coas figuras máis variadas: pontes, hórreos, cruceiros, casas, animais, figuras humanas etc. En localidades costeiras, como Marín, fanse tamén con forma de barco.
Cando o maio era esa figura transportable que se dixo antes, Risco lembraba que nalgúns lugares, coma Ourense, a festa remataba queimando ou afogando o maio.
Na zona de Laza ou de Entrimo plantábase unha árbore, por veces varias [5]. Os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza principal, adornándoa despois con faroliños. O elemento utilizado daba o nome á festa: Festa da Árbore de Maio [6].
Probablemente estea relacionado con estas festas da árbore o costume de colocar pólas de xesta (tamén chamada, por esta razón, maios) nas portas da casa e da corte, nas ventás, carros, leiras e barcas, e actualmente nos coches, na tarde-noite do último día de abril, para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades. Outros etnógrafos relacionan isto co ritual de alumea-las leiras na noite do 30 ou 29 de abril, coa fin de protexer os campos e comezar maio libres de calquera mal.
Maios humanos[editar | editar a fonte]
Os maios humanos podían ser individuais: un mozo ou moza, ás veces disfrazados, adornados con flores, follas ou pólas e cunha coroa de flores. Cando se trataba dunha nena, a maia, ía vestida de branco, con ás e coroas de flores. Noutros lugares eran grupos de xente vestidos do mesmo xeito, e que cantaban e danzaban arredor do maio.
Cantigas[editar | editar a fonte]
Había dous tipos de cantigas para cantar ó redor dos maios. Son raras (só sobreviven en Portomarín e Lourenzá) as composicións tradicionais, que se aprenden e repiten ano tras ano. Máis habituais son os textos que se escribían para cada ano, recollendo feitos actuais e, cada vez máis, críticas políticas, como esta que lle dedicaron ó gobernador civil de Pontevedra en 1923:
nin é malo, nin é bo,
parece un reló parado
dentro da Deputación.
Estas coplas imprímense en follas soltas que se venden ós asistentes. O Museo de Pontevedra e a biblioteca Ben-Cho-Shey (na deputación de Ourense) conservan amplas coleccións das que se cantaron ó longo do século XX. Nalgunhas delas poden comprobarse os efectos da censura que riscaban ou modificaban os textos que a autoridade de turno consideraba inapropiados.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Danaher, K.: The Year in Ireland: Irish Calendar Customs. Dublin: Mercier, 1972. Pax. 86-127. ISBN 1-85635-093-2 (en inglés).
- ↑ Designación achegada por Risco, segundo Manuel Quintáns.
- ↑ Ou da invención da Santa Cruz.
- ↑ "Os maios en Vilagarcía de Arousa", en www.ivilagarcia.com.
- ↑ En Entrimo, o costume era coller un piñeiro; en Laza utilizaban calquera árbore.
- ↑ Esta forma de celebrar a festa pode estar relacionada coa Festa do Ramo que celebran nalgúns puntos da Coruña. Neste caso, as participantes -normalmente mozas novas- portaban un longo pau do que penduran arcos de madeira imitando a forma dunha árbore. Neses arcos había diversas lambetadas e froitas que se repartían entre os asistentes.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- González Pérez, Clodio (1989): A festa dos maios, Ir Indo Edicións, Vigo. ISBN 84-7680-014-2.
- González Pérez, Clodio (1989): A festa dos maios en Galicia, Premio de Investigación, 1987, Deputación P. de Pontevedra. ISBN 84-86845-17-3.
- Quintáns Suárez, Manuel: Anuario de tradicións galegas, Tambre Editorial, Oleiros 1994.
- González Pérez, Clodio e Rodríguez Cruz, J. (2014). A festa dos maios de Marín. Pontevedra, Deputación de Pontevedra.ISBN 978-84-8457-414-9
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "Os maios en Galicia", artigo en Galicia espallada
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0










