Saltar navegación

Aprender os pasos

Trátase dunha danza de representación. Narra como o Rei das Fadas sae un día a pasear e vai atopando a todos os elementos, cinco para a tradición céltica (do mesmo xeito que para os pobos indoeuropeos e, tamén, para a cultura clásica grega): auga, terra, aire, lume, e o éter.

As persoas participantes sitúanse en corro, fila ampla, ou filas de oito ou nove, coas mans en V abaixo.   

Fig.1.- O rei pasea polo bosque, a brancas, con lixeira subdivisión, 16 pasos en SIAR (sentido inverso ás agullas do reloxo).
Fig.2.- A auga: D adiante, E adiante deixando o D elevado lixeiramente, D atrás, E atrás deixando o D elevado lixeiramente, catro veces en total.
Fig.3.- A terra: abre D e cruza E por diante e, logo, alternativamente por detrás e por diante (16 pasos).
Fig.4.- O aire: simulando o vento coa man libre, o guía pasa polo arco dos dous últimos, seguido de todos os demais (si a disposición inicial é en corro, débese soltar da man D). Os dous últimos móvense con pasos curtos á fronte, buscando ao guía. Cando este pasa polo arco, debe retomar SIAR por detrás de todos os demais (16 pasos).
Fig.5.- O lume: cara a adiante, D E D, e salto sobre o D mantendo o xeonllo E elevado. Repite para o E cara atrás, catro veces en total.
Fig.6.- O éter: lateralmente, D E D e pasa o E por diante sen apoiar; repite para o D. Catro veces en total.

Previo á execución da danza, o alumnado realizará sobre a súa música diversos exercicios rítmicos para interiorizar o tempo e facilitar o movemento a brancas: palmeados a só, por parellas, xogos motrices, creación de coreografías, etcétera. Posteriormente improvisarán sobre a música expresando sentimentos e sensacións. É factible empregar grabacións diferentes para propiciar diferentes expresións: máis viva, de ensoñación, que promove a tensión... coidando que non exceda a actividade do tempo previsto na sesión.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0