Biografía e traxectoria
Dorothé Schubarth
Dorothé Schubarth[1] é unha musicóloga e compositora suíza, nada en Basilea, onde fixo estudos musicais, ampliados logo en Colonia e Múnic. Ela rexistrou, xunto con Antón Santamarina, o Cancioneiro Popular Galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.
En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié.
Hoxe en día, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos.
Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. No Arquivo Sonoro de Galicia están conservados os 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "VI Día del Orgullo Gaitero: Intervención (en galego) de Dorothé Schubarth", páxina da Universidade de Vigo TV
- "Dorothé Schubarth: datos biográficos", páxina da plataforma de crítica literaria A Sega
- "Fondos de Dorothé Schubarth", Consello da Cultura Galega na Rede.
- "Dorothé Schubarth e Antón Santamarina", páxina da Asociación de Gaiteiros Galegos
- "Cancioneiro popular galego, Recollido e ordenado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina", páxina da Fundación Barrié
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0