Webquest "O magosto"
Tarefas
Para completar as tarefas desta webquest imos organizar catro grupos na clase, onde cada grupo realizará un traballo diferente, pero complementario co dos demais:
- Historiadores e historiadoras. Este grupo encargarase de pescudar información sobre a orixe da celebración do magosto. Coa información obtida terá que elaborar unha presentación e un cartaz seguindo as indicacións que se reflicten no apartado de "Proceso".
- Botánicos e botánicas. Este grupo encargarase de pescudar información sobre os castiñeiros e as castañas. Coa información obtida terá que elaborar unha presentación e un cartaz seguindo as indicacións que se reflicten no apartado de "Proceso".
- Lingüistas. Serán os encargados de recoller refráns, ditos, adiviñas, poemas... para elaborar un libro recopilatorio ilustrado, para a biblioteca do centro, seguindo as indicacións que se reflicten no apartado de "Proceso".
- Restauradores e restauradoras: Estes traballadores serán os encargados de pescudar na web receitas de cociña onde os ingredientes principais sexan as castañas. Con ditas receitas elaborarán un libro de fichas de cociña en tamaño DIN A4 seguindo as indicacións que se reflicten no apartado de "Proceso".
Asemade, todo o alumnado, individualmente, deberá realizar unha manualidade con castañas seguindo os modelos que se achegan no apartado de "Proceso".
As presentacións realizadas serán engadidas á web e blogs do centro. Os cartaces e libros recopilatorios serán expostos durante o mes de novembro xunto coas manualidades realizadas.
Para rematar, no apartado de "Conclusión" imos participar na organización da realización do magosto do cole.
... e xa sabes, polo San Martiño... trompos ao camiño!!