Para que?
Se estamos realmente implicados na utilización dos recursos TIC, e estamos usando diferentes ferramentas informáticas cos nosos alumnos e alumnas (sobre todo en internet), o uso dunha rede social con eles/as pode contribuír de moitos xeitos:
- Serve de núcleo de comunicación para o funcionamento doutras ferramentas: o mantemento do blog de aula, das wikis e de todas as novidades que dende o grupo se vaian creando precisa un espazo de comunicación para a xestión das mesmas.
- Substitúe de xeito efectivo a outros sistemas de comunicación: a dificultade de ter un correo electrónico por alumno/a vese resolto grazas ao uso dunha rede social educativa na que o alumnado pode participar sen deixar datos persoais.
- Resolve tamén a dificultade de compartir arquivos e carpetas nas redes locais internas do centro. Ademais permite acceder aos materiais dende fora do centro.
- Permite centralizar e unificar a axenda de aula. Ao ser un elemento compartido os datos do calendario de aula están á disposición de todos os membros do grupo. Cada entrada feita polo titor/a ou por calquera alumno/a queda á vista de todos.
- Esténdese máis alá das catro paredes da aula e do horario escolar, permitindo o contacto para, entre outras cousas, resolver dificultades en calquera momento (non só coa axuda do titor/a senón entre o propio alumnado).
- Algunhas das redes sociais pensadas para o ensino permiten a participación dos pais e nais, se fora de interese, dándolles acceso unicamente á información do seu fillo ou filla.
- Non é incompatible con ningunha outra ferramenta de aula (como as aulas virtuais a través de moodle) senón todo o contrario xa que pode ser un complemento perfecto para suplir carencias entre elas.
- Dispoñen de todas as características de traballo que definen a web 2.0, incluso o uso de recursos multimedia a través de códigos inseridos, o que nos permitirá ter dentro do espazo comunitario os vídeos, imaxes, sons e textos publicados na web sen necesidade de saír da rede social para traballar con eles.
- Para poder organizar todos estes contidos ofrécennos ferramentas de etiquetado e clasificación de recursos.
- Dado que a comunicación é fundamentalmente escrita posibilita o tratamento das linguas de xeito moi práctico. O titor/a pode corrixir incluso as mensaxes creadas polo alumnado, axudándolles así a progresar nas súas capacidades lingüísticas.
- Son redes pechadas, con altos niveis de seguridade onde é practicamente imposible que entren usuarios/as alleos ao noso grupo e, de ser o caso, temos mecanismos para corrixir o problema facilmente.
- Permite un nivel de privacidade total entre o alumnado e o profesorado, mentres que non deixa establecer conversas alleas ao control deste (é dicir, podemos facer conversas privadas alumno-profesor ou profesor-alumno, pero non alumno-alumno).
- E finalmente, se cadra unha das funcións máis importantes, axuda aos nosos alumnos e alumnas a entender a rede a as súas posibilidades comunicativas e de organización da información dun xeito titorizado, no que ademais hai que cumprir unhas normas. Deste xeito estaremos contribuíndo á súa formación non só de cara ao ensino formal senón tamén como persoas do século XXI, usuarios/as actuais ou próximos de redes sociais abertas nas que en moitos casos ninguén lles orienta nin axuda a manexar.