Saltar navegación

Plan de Igualdade

Dentro da Estratexia galega de convivencia escolar (educonvives.gal) temos o Plan de Igualdade no ámbito educativo que é un proxecto xurdido da cooperación entre os órganos superiores da Xunta de Galicia con competencias en materia de educación e igualdade, que ten como obxectivo xeral principal que a actividade educativa estea dirixida de xeito transversal a contribuír á construción dunha sociedade na que a igualdade de xénero sexa unha realidade mediante a eliminación de todo tipo de discriminación por este motivo, afondando na educación entre persoas iguais con independencia do seu sexo e integrando o respecto á diversidade afectiva e sexual.

Para a elaboración deste Plan tivéronse en conta catro principios inspiradores que sustentan todos e cada un dos eixes de actuación:

Transversalidade: a igualdade de xénero como un principio transversal e sempre presente na actividade educativa. 

Sociedade igualitaria: a construción dunha sociedade na que homes e mulleres sexan iguais empregando a educación como medio para combater todas as formas de discriminación.

Obxectivo “violencia 0 nas aulas e na sociedade”: é imprescindible a sensibilización e a concienciación na comunidade educativa do problema da violencia de xénero na nosa sociedade e a loita pola súa total desaparición.

Inclusión e integración da diversidade: A educación para a aceptación da diversidade sexual e a integración plena de todas as persoas na comunidade educativa e na sociedade sen que inflúa a súa opción afectiva ou sexual.

.

Este I Plan estrutúrase en 6 eixes de actuación subdivididos en obxectivos e medidas de actuación.


Podes consultar todo o plan en formato pdf na seguinte ligazón.