Tema 8: O sistema Sol-Terra-Lúa

Imaxina que tés un péndulo e o fas xirar por riba da túa cabeza. Se a corda rompe, o péndulo sae disparado pola inercia (forza centrífuga). Se diminúes a velocidade de xiro o péndulo cae cara ao chan (forza de atracción gravitacional). Agora substitúe o péndulo pola Terra, ti es o Sol, a corda é a forza de atracción entre a Terra e o Sol, que impide que o péndulo saia disparado, e finalmente, a velocidade de xiro do péndulo é a velocidade de translación Terrestre, que evita que a Terra se precipite cara ao Sol. O equilibrio entre estas dúas forzas pode verse alterado por outros corpos celestes. A Lúa participa neste equilibrio constituíndo un único elemento gravitacional coa Terra de xeito que a súa desaparición tería graves consecuencias que afectarían enormemente á vida sobre o planeta.

Contido

Tema 8: O sistema Sol-Terra-Lúa. 1

Movementos da Terra e as súas consecuencias. 3

Características principais da Terra. 3

Os movementos da Terra e as súas consecuencias. 3

Características xerais do noso satélite. 5

Efectos da Lúa sobre a Terra. 6

As mareas. 6

As eclipses. 7


Movementos da Terra e as súas consecuencias.

Características principais da Terra.

A Terra é un dos chamados planetas interiores ou rochosos. O terceiro en relación ao Sol, a unha distancia de case 150 millóns de Km. É esférica pero lixeiramente aplanada nos polos, cun diámetro próximo aos 13.000 Km. Estas características non teñen nada fóra do común pero a Terra é un planeta único porque alberga vida, grazas a un conxunto de características que outros planetas non teñen:

· A distancia ao Sol, xunto coa existencia de atmosfera, fai que sexa un planeta de temperaturas suaves con grandes masas de auga en estado líquido.

· A masa e o volume da Terra permiten a existencia de atmosfera que ademais de contribuír a manter as temperaturas, protexe os organismos vivos de certas radiacións perigosas.

· Xera un campo magnético que desvía o vento solar protexéndonos de partículas de alta enerxía que impedirían o desenvolvemento da vida.

A Terra no espazo

campo magnético terrestre

Ilustración 0. A Terra vista dende o espazo (Misión Apollo)

Nesta animación mostra os últimos descubrimentos da misión THEMIS. O campo magnético da Terra, que protexe o noso planeta do vento solar,

moitas veces desenvolve dous buracos que permiten os maiores derrames de partículas solares (nasa.gov)

Pregunta1

Os movementos da Terra e as súas consecuencias.

En ocasións podemos percibir que algo se move cando en realidade quen se move somos nós: nun ascensor de portas transparentes, no interior dun tren que se cruza con outro que está parado, etc. Isto mesmo ocorre cando observamos o Sol e vemos que aparentemente se despraza de leste a oeste, cando en realidade quen se está a mover é a Terra. Este é un movemento de xiro coñecido co nome de rotación e preséntano case todos os corpos celestes. A rotación terrestre é o movemento de xiro da Terra arredor dun eixo imaxinario que a atravesa de norte a sur. A Terra tarda 23 horas e 56 minutos, é dicir, un día, en dar un xiro completo. O día e a noite son consecuencia deste movemento de xiro.Pregunta2

Sistema Sol-Terra-Lúa

Ilustración 1. Sistema Sol-Terra-Lúa

Modificado de J.A. Bermúdez

Banco de imaxes do INTEF. Pregunta3

Ademais a Terra tamén se move arredor do Sol describindo unha traxectoria elíptica denominada órbita. Este é o movemento de translación terrestre que ten unha duración de 365,25 días, ou o que é o mesmo, un ano e seis horas. Cada catro anos acumúlase un día en febreiro, dando lugar aos anos bisestos.

Debido a que o eixo de rotación terrestre está inclinado respecto da eclíptica, os días non duran o mesmo ao longo do ano e a radiación solar non chega coa mesma intensidade. Isto é o que orixina as estacións. As estacións están limitadas polos solsticios (de inverno e verán) e os equinoccios (de primavera e outono).

DIA/NOITE

Insolación Terrestre

Ilustración 2. Efecto da rotación terrestre (día e noite) e

da inclinación do eixo terrestre xunto á translación (estacións do ano).

Modificado de J.A. Bermúdez / Banco de imaxes do INTEF.

Pregunta4Pregunta5

Características xerais do noso satélite.

O noso único satélite natural é a Lúa. A súa superficie presenta numerosos cráteres de impacto e outras formas de relevo que permanecen inalteradas ao longo do tempo porque non ten atmosfera. Non se coñece a súa orixe pero a teoría máis aceptada indica que procede dun fragmento terrestre desprendido a consecuencia do impacto dun planetoide coa Terra. Debido a que a Lúa tarda o mesmo tempo en dar unha volta sobre si mesma ca en dar unha volta arredor da Terra, sempre mostra a mesma cara; por tanto só vemos unha parte da Lúa, permanecendo a outra sempre oculta. Ademais, a Lúa reflicte a luz do Sol polo que dependendo da situación relativa dela con respecto a nós verémola iluminada totalmente ou en parte. Prodúcense así as fases lunares que varían ciclicamente cada 28 días.

Fases lunares

Ilustración 3. Fases da Lúa.

Modificado de J.A. Bermúdez

Banco de imaxes do INTEF.


Pregunta6


A cara oculta da Lúa e as fases lunares son a consecuencia dos movementos de translación e rotación da Lúa.

A rotación lunar é o movemento de xiro sobre si mesma cunha duración aproximada de 28 días . A translación é o movemento de xiro arredor da Terra, e tamén tarda 28 días en completalo. Ámbolos dous prodúcense no mesmo sentido.Pregunta7

Efectos da Lúa sobre a Terra

Dende a antigüidade crese que a Lúa ten efectos sobre a Terra e os organismos vivos. Tradicionalmente utilízanse as fases lunares como referente para escoller o momento de sementar ou de matar o porco e incluso se relaciona o ciclo lunar co ciclo menstrual das mulleres. Hai moitos estudos que apuntan a que o ciclo vital de moitas especies de animais e vexetais está influído pola Lúa. A maioría destes efectos non están demostrados cientificamente pero outros si, como son as mareas.

As mareas.

Entre a Terra e a Lúa existe unha gran forza de atracción gravitacional; as masas da Terra e a Lúa atráense pero non apreciamos o efecto en materiais ríxidos que non se deforman. Porén, as masas de auga dos mares e océanos sofren a atracción desprazándose e provocando ascensos e descensos do nivel do mar, as mareas.

A elevación no nivel do mar denomínase preamar e a súa diminución baixamar. As preamares e baixamares altérnanse ciclicamente cada 6 horas polo que cada día hai dúas preamares e dúas baixamares.

As preamares prodúcense nas zonas onde a Lúa está máis próxima á Terra e máis afastada seguindo o mesmo eixe. Nas zonas perpendiculares produciranse as baixamares.

As mareas

Ilustración 4. Situación do sistema Sol-Terra-Lúa durante as mareas vivas e as mareas mortas.

Modificado de commons.wikimedia.org

Pregunta8

As mareas non sempre teñen a mesma amplitude ao longo do ano. Chamámoslle mareas vivas ás de máxima amplitude e mortas ás que apenas cambian o seu nivel de preamar e baixamar. As mareas vivas prodúcense ao sumarse a forza de atracción solar á lunar cando están en liña a Terra, a Lúa e o Sol. Pola contra, cando o Sol está perpendicular ao eixo Terra-Lúa danse as mareas mortas.

As eclipses

A ocultación dun astro por outro denomínase eclipse. Dende a Terra as eclipses que podemos ver a simple vista son as da Lúa e do Sol.

Eclipse de Sol. Prodúcese pola interposición da Lúa entre a Terra e o Sol, ocultándoo total ou parcialmente; no primeiro caso falamos de eclipse total e no segundo de eclipse parcial.

Eclipse de Lúa. Prodúcese polo interposición da Terra entre o Sol e a Lúa, producindo o escurecemento desta última. Isto só ocorre cando os tres astros están en liña polo que só é posible durante a fase de Lúa chea. Tamén pode ser total ou parcial.

As eclipses

Ilustración 5.

Eclipse de Sol e de Lúa.

Modificado de J.A. Bermúdez

Banco de imaxes do INTEF.

Pregunta9

Última modificación: luns, 21 de decembro de 2015, 8:56 PM