Ola, bo día a todos/as!
Saudámosvos desde o CAFI neste novo curso académico aproveitando para darvos as GRAZAS por todo o apoio prestado ao proxecto SBLENDID no pasado ano así como polo traballo realizado. Moitas, moitas grazas! Tentamos incluír os recursos creados por cada un dos vosos minigrupos dentro dos cursos de formación en ensino semipresencial para o profesorado.
Falando disto, queriamos recordarvos que esa formación se creou grazas á proactividade de todas as docentes participantes no primeiro curso de formación con NILE, que viron axeitado que os coñecementos non se compartisen só nas sesións de difusión, senón que perdurasen no tempo a través de crear estes cursos nos que agora todo o profesorado que queira poida inscribirse. Traballaron a reo complementando o aprendido con lecturas, investigación e creación de materiais auténticos (incluídos vídeos) para que fosen breves (20h) e atractivos en termos de contido, estrutura e formato.
Oxalá vos preste este itinerario de aprendizaxe! Son 4 cursos, pero pódense facer de maneira independente e en cursos académicos distintos, por suposto. De momento só podedes inscribirvos en dous deles (G2101046 e G2101047), titorizados polas compañeiras das EOI de Pontevedra e Santiago María Fernández, Paula Gómez, Cristina González e Laura Iglesias.
Paralelamente, continuamos co traballo de difusión do proxecto. Neste eido, queriamos tamén informarvos de que os cursos tamén se impartirán en Navarra e Madrid de xeito case simultáneo, así que en redes veredes moito movemento do cancelo #itinerarioSEMI. É unha gran oportunidade de tecer redes, coñecendo e traballando con docentes de EOI de ámbito nacional. Alén disto, María Fernández participou no congreso INNTED con
Por último, e máis importante: O día 16 de outubro (sábado), ás 12:00 convidámosvos a un brunch-convivio en Santiago (confirmaremos localización) co fin de desvirtualizarnos, celebrar os logros do proxecto, ver cara onde camiñamos este ano e que proxección/continuidade queremos darlle unha vez rematado en agosto de 2022. Encantaríanos que todos/as vós puidésedes asistir! Se así o desexades, co fin de organizármonos ben, pregamos que nos enviedes un correo a cafi.internacional@edu.xunta.gal confirmando asistencia (e se tedes algunha alerxia alimentaria).
De novo, moitas grazas por continuar aí, do outro lado da pantalla e acompañando na andaina deste proxecto arredor do ensino semipresencial.
Un saúdo de Alicia Eizaguirre, Santiago García e Diana Pastoriza