
O uso do software libre na educación posibilita que tanto o profesorado como o alumnado poidan dispoñer libremente nos seus domicilios do mesmo software co que traballan no seu centro educativo, xa que o software libre permite copiarse e distribuírse libremente.
O software libre está baseado en estándares internacionais abertos e libres, polo que ensinar con software libre implica ensinar e aprender a usar a tecnoloxía e non un produto concreto dunha determinada marca.
A liberdade de uso do software libre permítenos cambiar de software en calquera momento e tantas veces como sexa necesario sen que isto represente necesariamente ningún desembolso económico. Neste sentido, o uso de software libre tamén crea usuarios e profesionais independentes dun determinado entorno de software.
O software libre permite entender o seu funcionamento, modificalo, melloralo e adaptalo ás nosas necesidades.