O sentimento amoroso no Rexurdimento
1. Rosalía de Castro
1. Unha figura singular e universal
- A súa obra reflicte a cosmovisión dunha muller culta que non se someteu aos roles sexistas do patriarcado.
- Percíbese unha voz contestataria ante as ideoloxías dominantes, desde o uso literario da lingua galega ata a consciencia das inxustizas sociais.
- Rosalía impulsou o sistema literario galego e fíxoo superando as barreiras temáticas e estilísticas redutoras.
- A súa escrita transmite un pioneiro pensamento feminista, anticapitalista, solidario coas que sofren a historia e galeguista.
Pode verse esta presentación na páxina da Fundación Rosalía de Castro.
Deixamos para outra secuencia a súa poesía socialmente comprometida, mais cómpre ter en conta que a clasificación íntimo / social é simplificadora e achamos moitos textos nos que ambos os aspectos están plenamente imbricados. Rosalía fainos ver que a psique e as emocións están condicionadas polo contexto da comunidade e conségueo dándolle voz a múltiples protagonistas: as que padecen a soidade por mor da emigración, as que non poden entregarse e só suman penurias ante unha vida precaria, etc.
2. A liña intimista rosaliana
Rosalía tece un enorme abano emocional e reflexivo, e faino desde un intimismo radical. O seu profundamento na mente e na existencia outórgalle un valor senlleiro e universal.
2.1. Cantares gallegos (1863)
As temáticas etnográficas, sociais e patrióticas (ou sexa, non intimistas) dominan amplamente esta obra. Hai, aínda así, dúas excepcións principais:
-
A) A presenza do amor como queixa ou laio, mais tamén como mostra das imposicións do amor romántico ou a consciencia dos límites da atracción e as formas do patriarcado.
-
B) Os poemas introspectivos de saudade e de soidade (“Campanas de Bastabales”, “Como chove miudiño”) que adiantan perspectivas presentes en Follas novas.
2.2. Follas novas (1880)
-
O desacougo, o cansazo existencial ou a reflexión sobre a escrita caracterizan o libro primeiro, Vaguedás.
-
O paso do tempo, o desamor, a perda da ilusión, a imposibilidade de ser feliz ou a procura de liberación para o sufrimento conforman Do íntimo. É unha viaxe dolorosa ás entrañas, un proceso de autocoñecemento que desemboca na soidade existencial e na saudade, pois nada pode aliviar o desamparo do ser humano.
-
O libro Varia mostra a complexidade do existir e aborda especificamente as relacións amorosas da muller e os problemas que estas enfrontan.
-
Os poemas son máis breves que en Cantares e conteñen combinacións métricas pouco ríxidas, por veces insólitas e sorprendentes: octosílabos e hendecasílabos, octosílabos e alexandrinos, agrupacións libres... Créase así un ritmo entrecortado, abrupto, que se adecúa aos sentimentos de angustia, desasosego, etc. que se transmiten.
-
É unha obra innovadora por múltiples aspectos: o ideolóxico, o métrico, o simbólico e tamén o temático: demostra a capacidade do idioma galego para expresar aqueles temas considerados máis fondamente humanos, como as inquietudes existenciais.
|
ACTIVIDADES ESCRITAS 1. Comentario de “Unha vez tiven un cravo” (Follas Novas)
2. Comentario de “Cando penso que te fuches” (Follas Novas)
|
Complementos
Presentación do IES Rego de Trabe.
Lectura na rede:
Máis: no 25N
