O sentimento amoroso no Rexurdimento

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: O sentimento amoroso no Rexurdimento
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 26 de decembro de 2025, 11:39 PM

1. Rosalía de Castro

1. Unha figura singular e universal
  • A súa obra reflicte a cosmovisión dunha muller culta que non se someteu aos roles sexistas do patriarcado.
  • Percíbese unha voz contestataria ante as ideoloxías dominantes, desde o uso literario da lingua galega ata a consciencia das inxustizas sociais.
  • Rosalía impulsou o sistema literario galego e fíxoo superando as barreiras temáticas e estilísticas redutoras.
  • A súa escrita transmite un pioneiro pensamento feminista, anticapitalista, solidario coas que sofren a historia e galeguista.

Pode verse esta presentación na páxina da Fundación Rosalía de Castro.

Deixamos para outra secuencia a súa poesía socialmente comprometida, mais cómpre ter en conta que a clasificación íntimo / social é simplificadora e achamos moitos textos nos que ambos os aspectos están plenamente imbricados. Rosalía fainos ver que a psique e as emocións están condicionadas polo contexto da comunidade e conségueo dándolle voz a múltiples protagonistas: as que padecen a soidade por mor da emigración, as que non poden entregarse e só suman penurias ante unha vida precaria, etc.

2. A liña intimista rosaliana

Rosalía tece un enorme abano emocional e reflexivo, e faino desde un intimismo radical. O seu profundamento na mente e na existencia outórgalle un valor senlleiro e universal.

2.1. Cantares gallegos (1863)

As temáticas etnográficas, sociais e patrióticas (ou sexa, non intimistas) dominan amplamente esta obra. Hai, aínda así, dúas excepcións principais:

  • A) A presenza do amor como queixa ou laio, mais tamén como mostra das imposicións do amor romántico ou a consciencia dos límites da atracción e as formas do patriarcado.

  • B) Os poemas introspectivos de saudade e de soidade (“Campanas de Bastabales”, “Como chove miudiño”) que adiantan perspectivas presentes en Follas novas.

2.2. Follas novas (1880)

  • O desacougo, o cansazo existencial ou a reflexión sobre a escrita caracterizan o libro primeiro, Vaguedás.

  • O paso do tempo, o desamor, a perda da ilusión, a imposibilidade de ser feliz ou a procura de liberación para o sufrimento conforman Do íntimo. É unha viaxe dolorosa ás entrañas, un proceso de autocoñecemento que desemboca na soidade existencial e na saudade, pois nada pode aliviar o desamparo do ser humano.

  • O libro Varia mostra a complexidade do existir e aborda especificamente as relacións amorosas da muller e os problemas que estas enfrontan.

  • Os poemas son máis breves que en Cantares e conteñen combinacións métricas pouco ríxidas, por veces insólitas e sorprendentes: octosílabos e hendecasílabos, octosílabos e alexandrinos, agrupacións libres... Créase así un ritmo entrecortado, abrupto, que se adecúa aos sentimentos de angustia, desasosego, etc. que se transmiten.

  • É unha obra innovadora por múltiples aspectos: o ideolóxico, o métrico, o simbólico e tamén o temático: demostra a capacidade do idioma galego para expresar aqueles temas considerados máis fondamente humanos, como as inquietudes existenciais.

ACTIVIDADES ESCRITAS

1. Comentario de “Unha vez tiven un cravo” (Follas Novas)

  • a) O poema presenta un desenvolvemento narrativo. En que partes se pode dividir?
  • b) Que pensas que simboliza o “cravo”? E o baleiro que deixa? Xustifica as respostas.
  • c) Analiza a métrica do poema. Que innovacións métricas atopamos en Follas novas?

2. Comentario de “Cando penso que te fuches” (Follas Novas)

  • a) Que pode ser a “negra sombra”? Xustifica a túa interpretación.
  • b) O poema presenta recursos de repetición. Sinálaos e indica a que contribúen globalmente.
  • c) Analiza a presenza das persoas gramaticais no poema e explica de que xeito lle fornecen intensidade lírica.

[sol1][sol2]

Complementos

Presentación do IES Rego de Trabe.

Lectura na rede:

Máis: no 25N

2. Curros Enríquez e Eduardo Pondal

Os outros dous grandes rexurdimentistas só cultivaron o intimismo de xeito circunstancial ou tanxencial e non atenderon practicamente o amor paixón. Porén, curiosamente, o primeiro poema de Curros, "Cántiga", trata a separación dos amantes.

1. O Curros intimista (excepcional)

A maior parte dos poemas de Curros son sociais, amosan unha preocupación constante por combater as inxustizas que se cometen coas clases populares: control da propiedade da terra, impostos, levas... Os textos costumistas e os intimistas son a excepción.

Curros, defensor dunha poesía comprometida, só compuxo media ducia de poemas intimistas, elexíacos e derivados de impactos emocionais, nos que troca a lira combativa por outra subxectiva. Foron incorporados a Aires da miña terra (1880, reeditado e ampliado en anos sucesivos) ou posteriormente á Obra completa.

  • A) Composicións que parten de sucesos do ámbito familiar:

    • Ben chegado”: celebración do nacemento do seu primoxénito.

    • As elexías “¡Ai!” e “Na morte de miña nai”, nas que enfronta o falecemento dun fillo, nun caso, e da nai, no outro.

  • B) Composicións sobre a angustia, a soidade e o sentido existencial:

    • Tempro deserto”: poema confesional sobre a vivencia angustiosa da fe.

    • Sola”: elexía que canta a soidade dunha moza solicitada pola súa fermosura en vida e morta en plena mocidade, a partir do cal se reflexiona sobre a fugacidade da vida e a procura do sentido da morte.

    • A Rosalía”: desde unha visión onírica do vagar da poeta, lamenta a orfandade radical e denuncia o seu mal fado.

 

2. Pondal: lirismo ao servizo dunha poesía de alento patriótico

  • A poesía de Pondal é abertamente cívica (ou política no sentido orixinario), responde aos ideais do rexionalismo (ou protonacionalismo) e enraíza nas orixes históricas e míticas do pobo galego.
  • A perspectiva que adopta o 'eu' é a do bardo consciente e revela unha concepción da poesía como himno que prepare os compatriotas para o combate.
  • A súa estética formalista é moi persoal, sen concesións ao costumismo realista, tanto en Queixumes dos pinos (1886) como en Os Eoas (2005).

A perspectiva propiamente lírica, practicamente reducida á vivencia da paisaxe e ao desexo, subordínase ao papel cívico que asume o bardo.

    • A identificación coa natureza. A natureza salvaxe adquire valor simbólico desde unha concepción precristiá e panteísta do mundo: a memoria das árbores, a liberdade das aves... Así mesmo, a paisaxe agreste convértese en confidente e refuxio ante a incomprensión da que é vítima o bardo. Nesa liña, a forza e o pulo libre dos elementos da natureza chegan a reflectir o estado anímico do bardo.

Daquela, os elementos naturais da paisaxe bergantiñá presentan múltiples papeis na poesía de Pondal: constitúen o escenario épico, preséntanse como transmisores do pasado glorioso, son refuxio e confidentes do bardo e asemade reflicten o espírito deste coa súa grandiosidade e forza.

    • A ollada misóxina. A figura feminina pode aparecer idealizada (como heroína guerreira ou fada) ou ben ser obxecto de desexo sexual e de posesión violenta.

 

Complementos

Lectura online de Aires da miña terra (tamén aquí)

Escolma temática da poesía de Pondal

 

Actividades de comentario

1. Curros Enríquez: "Na morte de miña nai" [sol]

2. Eduardo Pondal: "Feros corvos de Xallas" [Preparación] [sol]

3. Eduardo Pondal: "Meniña, rapaza nova"

Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, ouh rapariga,
estas suidades que teño:
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!

[Rosa de Corcoesto, a muller que cautivou ao bardo Pondal: emprendedora, transgresora, feminista, pero… por que prostituta?]

1. Sexa desde o amor romántico, sexa desde a paixón naturalista, o sexismo e a misoxinia atravesan as mostras das “relacións amorosas” na obra pondaliana, o que desemboca na obxectualización da muller. Como se advirte esa concepción neste texto? Repara na idealización e redución do que representa a muller, na suxestión dos versos 7 e 8...

2. Nesa liña, que representan os versos plenamente paralelísticos?