1. O contexto e as cuestións xerais

 

1. As orixes: a tradición provenzal

Foco: cortes nobiliarias provenzais

Desde o s. XII desenvólvese nas cortes nobiliarias da Provenza unha lírica moi refinada en lingua romance, baseada no "amor cortés". É o foco inicial da cultura trobadoresca.

Cultura trobadoresca: ao servizo da dama

Grazas a unha certa prosperidade desde o s. XI, as clases privilexiadas van poder adicarse ás artes. As composicións poéticas responderán ao amor cortés: a translación da relación de vasalaxe feudal ao código amoroso. Esta moda provenzal estenderase por boa parte dos reinos de Occidente.

Vías de penetración

A difusión dos modelos provenzais foi posíbel grazas á ruta do Camiño de Santiago, aos contactos entre nobres dos distintos reinos e ao maxisterio dos monxes de Cluny.

Desde a cultura propia do Reino de Galiza

A cultura trobadoresca emerxe por influxo provenzal nas terras da 'Galecia antiga' (reinos de Galicia e de Portugal) a finais do s. XII. Integrará e estilizará ao tempo as cancións propias de base popular con protagonismo feminino.

2. O ámbito xeográfico: Reino de Galiza, centro de poder

Unha clase dirixente propia poderosa

Ata o s. XII Galiza tivo reis propios (Afonso VII coroouse en Compostela en 1111), Compostela foi capital e centro eclesiástico (Xelmírez liderou a Era Compostelá) e a nobreza galega mantería no resto da Baixa Idade Media boa parte do seu poder. Portugal erixiuse como reino en 1128.

Unha cultura de prestixio. O esplendor cultural da Era Compostelá

O desenvolvemento económico e o labor do bispo Xelmírez converten Compostela nun centro de poder e en referente cultural europeo (como mostra a arte románica). Nese contexto, tras a Era Compostelá (s. XII), eclosiona o trobadorismo galego.

Unha lingua adscrita á lírica nas cortes de todo o occidente peninsular

A poesía trobadoresca galego-portuguesa atinxirá un alcance hispánico. Cultivarase en cortes señoriais e reais de gran parte da península e farase en galego. Así, temos trobadores casteláns (como García Burgalés), aragoneses (como Martin Moxa), etc.

3. As etapas

Etapa primitiva (pre-trobadorismo e período preafonsino)

Aínda que se constatan contactos con trobadores occitanos e debeu existir un repertorio xograresco desde mediados do s. XII, non se conservan textos do período pre-trobadoresco. A cantiga máis antiga conservada é "Ora faz ost'o senhor de Navarra", de Johán Soares de Paiva, de 1197≈1200.

Desde finais do XII ata 1245 desenvólvese a etapa de difusión inicial. Nesta altura troban Pero da Ponte ou Bernal de Bonaval.

Etapa de esplendor: períodos áureo e arxénteo e de recompilación

De 1245 a 1354. Correspóndese cos reinados de Afonso III en Portugal, de Afonso X en Galiza, León e Castela (subetapa afonsina) e mais co de Don Dinís (subetapa dionisíaca). Ademais dos reis, troban poetas como Johán Airas, Martin Codax, Meendinho, Airas Nunes, Paio Gómez Charinho ou Johán Zorro.

Posteriormente, D. Pedro, o conde de Barcelos, será o mecenas máis destacado e a el débese a recompilación do (non conservado) Livro das cantigas.

Etapa de decadencia

Desde mediados do s. XIV éntrase nunha etapa de decadencia. Os últimos trobadores conforman a Escola galego-castelá, con poetas bilingües como Macías o Namorado.

4. Os códices

Consérvanse algo máis de 1680 textos, compostos por 150 poetas. Chegaron a nós a través de diferentes manuscritos. Tres foron escritos durante o propio ciclo trobadoresco (os manuscritos "contemporáneos") e o resto son copias ("apógrafos") do s. XVI de códices hoxe perdidos.

a) Os manuscritos contemporáneos. Compostos durante o período trobadoresco.

Cancioneiro da Ajuda: un ambicioso proxecto

Consérvase no Palácio da Ajuda, en Lisboa. Procede da corte de Don Dinís e está moi elaborado. Pero é un proxecto sen rematar: contén 310 cantigas, todas de amor, e carece de asignación autorial e de notación musical.

Pergamiño Vindel: unha xoia en folla voandeira

Coñécese desde comezos do s. XX e consérvase en Nova York. Recolle sete cantigas de amigo de Martin Codax, acompañadas seis delas de notación musical.

Pergamiño Sharrer: máis que un resto

Descuberto en 1991, está na Torre do Tombo, en Lisboa. Contén fragmentos de sete cantigas de amor de D. Dinís, acompañadas da música. Suponse que é un resto do Livro das trobas de El-Rei D. Dinis, cancioneiro perdido.

b) Os apógrafos: copias tardías realizadas por eruditos italianos do Renacemento -dirixidos por Angelo Colocci-, que carecen de notación musical e conteñen lagoas.

Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa

É a maior recompilación, con 1647 cantigas de todos os xéneros. Trátase dunha copia indirecta do Livro das cantigas.

Cancioneiro da Vaticana

Contén 1205 cantigas, todas tamén presentes no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa.

5. Os axentes

Trobador: o gran creador

Poeta e compositor nobre. Pertence a unha nobreza refinada que nos seus pazos e castelos se reúne na procura de novas formas de entretemento. Cítanse nos códices polo nome e apelido (como Paio Gómez Charinho).

Xograr: multifacético

É o intérprete das cantigas, mais pode pasar a ser tamén compositor, cando menos como reelaborador das tradicionais de amigo. O "atrevemento" na creación provocou burlas dos trobadores. Meendinho é un exemplo de xograr presente nos Cancioneiros.

Segrel: profesional

Artista profesional membro da baixa nobreza. Interpretaba as súas propias composicións e cobraba por iso. É o caso de Bernal de Bonaval.

Menestreis, soldadeiras...

Forman parte do espectáculo trobadoresco / xograresco. A vida licenciosa das soldadeiras está presente nas cantigas de escarnio, fronte a idealización da dama nobre.

En modo presentación:

Complementos

Literatura Galega na Idade Media: cuestións xerais, do IES Rego de Trabe.

Reino de Galiza

Canle de historiadores/as sobre o Reino de Galiza

Acceso aos manuscritos:

Acceso á música orixinal e outras:

Lista de reprodución Idade Media:

Actividades

1. Realiza un esquema, mapa ou cadro cos elementos e trazos dos Autores e intérpretes (axentes).

2. "A lírica galego-portuguesa desenvolveuse con gran solidez ao longo de máis de 150 anos", di algún manual. Mais os períodos da etapa de esplendor suman 100 (ou en todo caso 110) anos. Explica brevemente a que corresponden os outros 50 anos.

3. Organiza os códices ou manuscritos polos séculos nos que se produciu a recompilación (XIII-XIV e XVI) e asígnalles características xerais a cada grupo.